A entidade xestora do dominio galego en internet renova por oitavo ano o seu apoio á Asociación Galego de Fútbol Gaélico, co foco na promoción internacional da selección e o impulso deste deporte entre a rapazada coas Gaélico Escolas
Novidades na alianza entre a Asociación Galega de Fútbol Gaélico e PuntoGal. A entidade xestora do dominio galego en internet vén de renovar por oitavo ano consecutivo o seu convenio coa AGFC e faino para "reforzalo" por dúas vías: virando en patrocinador principal das seleccións deste deporte e, ademais, fortalecendo iniciativas como as dedicadas a difundilo entre a infancia.
Desta maneira, explican, "a relevancia da colaboración" vaise traducir en que a marca .gal pasará a figurar no frontal das camisolas das seleccións. Poñen, asemade, o foco no programa Gaélico Escolas PuntoGal, que leva o fútbol gaélico por centros educativos de todo o país e que nos últimos anos, destacan, chegou a contar coa participación de arredor de 3.000 nenas e nenos.
As competicións galegas, os torneos de promoción e outras iniciativas contarán tamén co apoio de PuntoGal para un "intenso" 2026. Así, destacan para as categorías de base participación no Campionato de Europa cadete sub-15 do equipo que gañe a copa galega. Os torneos de fin de curso das escolas en Santiago, Vigo, Ourense e Lugo; a Celtic Cup sub-19 en xuño ou, en setembro, a participación de varios equipos galegos no Birmingham International Tournament sub-17.
PuntoGal encadra a renovación do acordo no seu "compromiso" con "proxectos que combinan deporte, lingua e cultura, e que contribúen á dinamización social e deportiva do país"
No que atinxe ás seleccións galegas, os plans pasan por "consolidar a presenza internacional" tras a participación, o pasado febreiro, no histórico Torneo Internacional da Haia, o convidacional máis antigo e prestixioso da Europa continental". A cuarta edición da Celtic Cup, en Santiago e os World Games que se celebran en xullo en Irlanda son xa citas confirmadas para os combinados galegos nunha temporada no que tamén valoran a posibilidade de que Galicia sexa convidada ao Torneo Internacional de Madrid.
Darío Janeiro, director xeral de PuntoGal, encadra a renovación deste acordo no "compromiso" da entidade "con proxectos que combinan deporte, lingua e cultura, e que contribúen á dinamización social e deportiva do país". "O fútbol gaélico está crecendo tanto na súa implantación no territorio grazas á liga e aos distintos torneos, como no traballo de divulgación das Gaélico Escolas nos centros de ensino do país, sen esquecer a representación das seleccións galegas nos eventos internacionais", agrega nun contexto no que Ángel Negrete, presidente da AGFC, resalta a "importancia" do apoio de PuntoGal para "achegar o fútbol gaélico ás novas xeracións".
PuntoGal mantén cada ano diversas colaboracións con entidades enfocadas ao fortalecemento da cultura e da lingua galega. Entre elas, o apoio á serie Vinte na Rúa que publica VINTE, a revista de sociedade, cultura e tendencias editada, como Praza.gal, pola Fundación Praza Pública.