O equipo feminino de fútbol gaélico da Coruña, Fillas de Breogán, participa no Torneo Paneuropeo de fútbol gaélico que se celebra en Lyon (Francia) este sábado 19 de outubro.
O Paneuropeo é o campionato de clubs de fútbol gaélico máis importante a nivel europeo, que este ano celebra a súa vixésimo segunda edición. No ano 2019 Fillas de Breogán alzouse co trofeo na competición que tivo lugar en Viena e tratará de repetir a xesta esta fin de semana en Lyon.
Fillas de Breogán é o equipo feminino do primeiro club de fútbol gaélico de Galicia, Fillos de Breogán, fundado no ano 2010, e que participa tanto nas competicións galegas coma no Campionato Ibérico e no Torneo Paneuropeo. Os seus encontros como local celébranse na Cidade deportiva Arsenio Iglesias da Coruña.
Esta será a sexta participación nun Paneuropeo das Fillas de Breogán, que ganaron o torneo de 2019 en Viena
No caso de Fillas de Breogán, esta será a súa sexta participación nun Paneuropeo despois das edicións celebradas na Estrada (2015), Maastricht (2017), Viena (2019), A Coruña (2022) e A Haia (2023). Os equipos divídense en diferentes categorías en función da súa posición nunha clasificación europea, e compiten por diferentes trofeos.
Nos últimos anos Fillas de Breogán competiron na categoría Intermediate, alzándose co trofeo no ano 2019 en Viena, aínda que tamén cómpre subliñar o subcampionato sénior do ano 2017. Non tiveron a mesma sorte en 2022 xogando na casa. No XX Torneo Paneuropeo, no que participaron uns 500 deportistas de toda Europa divididos en 13 equipos femininos e 20 masculinos, A Coruña foi a súa sede.