As seleccións galegas de fútbol gaélico acceden á fase final dos Xogos Mundiais

Selección galega de fútbol gaélico en categoría feminina © Selección galega

As seleccións galegas de fútbol gaélico, masculina e feminina, seguen avanzando na terceira edicións dos Xogos Mundiais que se están a celebrar en Waterford (Irlanda). Tanto homes coma mulleres ficaron en segunda posición nos seus grupos, sendo superados unicamente polos New York GAA (actuais campións do mundo) e polas Toronto Ladies Football, ante os que perderon os dous partidos disputados. 

Porén, as claras vitorias acadadas ante os restantes rivais (Heartland e Brittany en categoría feminina, e Pearse Óg e Asia Dragons na masculina) permiten os combinados galegos avanzar aos cuartos de final, onde este xoves se enfrontarán aos primeiros clasificados doutros grupos. A selección galega feminina xogará contra Canada East Ladies B  buscando un posto nas semifinais. E o mesmo fará a selección galega masculina ante Francia.

A selección destaca o bo ambiente que se está a vivir no torneo, onde despois dos partidos é tradición que as distintas formacións leven a cabo un twinning, un encontro de irmandade con algún dos seus rivais. Así, os xogadores galegos foron visitar o conxunto do St Declan's GAA Club de Ardmore e as xogadas do noso país fixeron o propio co Ballymacarbry Ladies Football Club, dous conxuntos que xogan na primeira división de Waterford.

"Bailamos música tradicional irlandesa, muiñeiras e tamén xogamos a fútbol e Hurling. Enchéronnos de comida e levamos varios agasallos, e sobre todo o agasallo de poder compartir experiencias e cultura con xente tan boa", destacan dende a selección.

Convocatorias das seleccións masculina e feminina nestes Xogos Mundiais © Selección Galega de fútbol Gaélico

Os Xogos Mundiais rematarán este venres 2 de agosto. Ese día saberemos se as seleccións galegas son quen de repetir os éxitos acadados nos últimos anos. Nos Xogos mundiais de 2015 celebrados en Abu Dhabi, o combinado masculino foi subcampión do mundo, mentres que o equipo feminino foi terceiro. E un ano despois, nos Xogos Mundiais celebrados en Irlanda en 2016, os homes foron terceiros e as mulleres quintas. O pasado ano, no Campionato de Europa celebrado en Loriente, a selección galega feminina proclamouse campioa ao derrotar a Francia; e a selección galega masculina foi subcampioa, caendo na final antes os franceses.

Galicia aspira a organizar o vindeiro campionato europeo, que confirmaría o crecemento que dende hai unha década está a experimentar este deporte no noso país.

Unha das xogadoras da selección galega de fútbol gaélico © selección galega de fútbol gaélico
Os xogadores galegos, camiño dun dos partidos © Selección Galega de fútbol gaélico
Foto de grupo das seleccións masculina e feminina © Selección Galega de Fútbol Gaélico

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.