O fútbol gaélico comeza unha nova tempada en Galicia. Faino asentado, en crecemento constante, apañando éxitos e cun novo récord de participación. Funcionando xa a Asociación Galega de Fútbol Gaélico (AGFG) ao abeiro da Federación Galega de Fútbol (FGF), ambos os dous estamentos presentaron o pasado sábado en Compostela os novos retos deste deporte de cara á campaña 2018-19.
A Liga Galega masculina, que comeza o 29 de setembro, contará cunha cifra récord de 14 equipos
A Liga Galega masculina, que contará cunha cifra récord de 14 equipos, comezará o vindeiro 29 de setembro. Volven Mecos, do Grove, e o Pontevedra e incorpóranse o Estrela Gales (equipo filial do Estrela Vermelha) e o Turonia de Gondomar. Auriense (Ourense), Cambados, Dorna (Illa de Arousa), Estrela Vermelha (Compostela), Fillos de Breogán e Ártabros (A Coruña), Herdeiros de Dhais (Lalín), Irmandinhos e Braithreachas (A Estrada) e Keltoi (Vigo) repiten nun campionato no que se celebrará unha primeira volta de todos contra todos e unha segunda na que, segundo a clasificación, dividiranse en grupos para loitar polo título (Senior), o torneo Plate ou o Shield.
Pola súa banda, a Liga Feminina arrincará o 27 de outubro e contará con sete equipos: Auriense (Ourense), Estrela Vermelha (Compostela), Fillas de Breogán (A Coruña), Herdeiras de Dhais (Lalín), Irmandinhas (A Estrada), Keltoi (Vigo) e Turonia (Gondomar), este último como nova incorporación.
Ademais, o vindeiro 20 de outubro celebrarase en Maastricht o Campionato Europeo de clubs, coa presenza dos mellores equipos da Europa continental e onde Galicia estará representada por Estrela Vermelha e Irmandinhos, tanto en categoría feminina como masculina. Tras a finalización da Liga, celebraranse a Copa Galega e o Campionato Ibérico, que reúne os mellores clubs da Península.
Galicia afronta o vindeiro ano en Irlanda os III World Games tras proclamarse campioa de Europa feminina e subcampioa masculina en 2018
Esta nova tempada comeza en Galicia, que se consolidou nos últimos anos como un referente do fútbol gaélico no Estado e en Europa, sendo tamén a primeira selección galega oficial recoñecida para competir internacionalmente. Neste verán, o combinado galego feminino proclamouse campioa de Europa en Lorient, onde a masculina obtivo o subcampionato.
A cita clave para Galicia este ano será do 28 de xullo ao 1 de agosto en Irlanda cos III World Games, tras dúas exitosas edicións nos anos 2015 (Abu Dhabi) e 2016 (Dublín), nas que os combinados galegos acadaron o podio.
Aos éxitos internacionais do fútbol gaélico únese a súa consolidación por diferentes comarcas do país. Ademais, dende hai xa anos funciona unha escola deportiva da disciplina no Grove, á que se unirán esta tempada outros proxectos semelantes en Vigo, Compostela, Ourense ou A Estrada. Noutras zonas coma A Coruña, Cambados, a Illa de Arousa ou Lalín, os clubs organizan tamén actividades para introducir o deporte entre a rapazada.
A selección galega feminina celebra a consecución do Campionato de Europa / © AGFG
Unha historia nova pero exitosa
Todo comezou hai uns sete anos, cando un grupo de rapaces da Coruña puxo en marcha o primeiro equipo desta disciplina no país. Os Fillos de Breogán comezaron unha aventura nun deporte irlandés, de 130 anos de historia pero do que pouco máis se sabía que semellaba unha mestura entre fútbol e rugbi. Impulsaron un club e soñaban con conseguir máis conxuntos cos que xogar.
A historia do fútbol gaélico en Galicia empezou hai sete anos na Coruña; hoxe conta con ligas masculina e feminina e máis de 300 licenzas
O éxito deste deporte en Galicia é único. Nunha disciplina plenamente irlandesa, a maioría de equipos que hai fóra de Irlanda están compostos por xente da Illa ou descendentes deles. En Galicia, o 99,9% dos xogadores son galegos e o que empezou como unha aventura mobiliza máis de 300 xogadores e xogadoras cada fin de semana, con cadansúa licenza e de maneira totalmente afeccionada. Agora, ademais, ao abeiro da Federación Galega de Fútbol.