0 Gardados para despois

A selección femenina de fútbol gaélico, campioa de Europa

Redacción | @prazapublica

Campioas e subcampións. A participación de Galicia no Campionato de Europa de fútbol gaélico, que tivo lugar no marco da programación do Festival Intercéltico de Lorient, saldouse cun incontestable éxito. A selección feminina obtivo o título tras vencer na prórroga á selección de Francia (28-24), mentres que a selección masculina acadou o subcampionato, caendo na final ante os franceses (10-15). Ambos os dous combinados galegos chegaron invictos a esta final. Uxía Castro, xogadora do compostelán Estrela Vermelha, de 19 anos, foi elixida MVP do torneo.

As dúas finais, xogadas este domingo estiveron moi igualadas. Na final masculina ambos os dous equipos chegaron empatados ao descanso, pero un empurrón francés nos últimos 15 minutos fixo que o título ficara no seu poder. Pola súa parte, a final feminina rematou en empate; tras disputarse unha prórroga de 20 minutos, na que as forzas xa escaseaban, as galegas foron quen de alzarse coa vitoria.

Para a Asociación Galega de Fútbol Gaélico, os resultados "consolidan a Galicia como unha referencia internacional dentro deste deporte, demostrando o crecente nivel do fútbol gaélico galego no mundo". “O obxectivo era acadar ambas finais e disputalas ata o final, e creo que o conseguimos. Se ademais nos traemos o título feminino, xa non podemos pedir máis”, destacan dende a AGFG. “Agora toca mirar ao mundial de Dublín 2019”, engaden. Os proxectos a curto prazo dos combinados nacionais galegos son, alén do campionato europeo e do Mundial de Dublín 2019, a posibilidade de realizar algún partido internacional amigable en terras galegas. A AGFG propuxo, así mesmo, o obxectivo de potenciar a base do fútbol gaélico, polo que se buscará nun futuro próximo poder contar con seleccións de categorías inferiores.

Galicia e Francia xa se enfrontaran o pasado ano en Ourense, nun dobre amigable que xa demostrara a capacidade das seleccións galegas para competir ao máximo nivel. No 2015 a selección masculina acadou o subcampionato do mundo, sendo terceira un ano despois, nun torneo no que a selección feminina gañou a final de consolación.

O EuroGames 2018 (Euro Gaelique 2018) é o primeiro campionato de seleccións europeas que se celebra e contou, xunto co galego, cos conxuntos nacionais de Bretaña, Francia, Alemaña e Gascoña (inicialmente inscrita baixo o nome de Occitania). O torneo nace con afán de ter continuidade no tempo e coa intención de ir medrando e sumando máis equipos nas edicións seguintes.

 

Os resultados

Campionato feminino. Formato: goles-puntos (total)

  • Francia 0-7 (7) / 4-6 (18) Galicia
  • Alemaña 0-2 (2) / 7-12 (33) Galicia
  • Bretaña 1-2 (5) / 5-10 (25) Galicia
  • Final: Galicia 4-16 (28) / 3-15 (24) Francia

Campionato masculino

  • Gascoña 0-4 (4) / 1-11 (14) Galicia
  • Francia 0-9 (9) / 4-4 (16) Galicia
  • Galicia 11-11 (44) / 1-2 (5) Alemaña
  • Bretaña 2-3 (9) / 1-6 (9) Galicia
  • Final: Galicia 2-4 (10) / 1-12 (15) Francia

 

Os nomes das e dos seleccionados

  • Convocatoria feminina:  Leti (Fillas), Lucia (Estrela Vermella), Ánxela (Estrela Vermelha), Paula (Fillas), Lore (Herdeiras de Dhais), Sonia (Fillas), Laura (Fillas), Carme (Pontevedra), Alba (Auriense), Mery (Fillas), Naza (Herdeiras de Dhais), Laura Nercellas (Herdeiras de Dhais), Uxía (Estrela Vermelha) e Vane (Estrela Vermelha).
  • Convocatoria masculina: Mancu (Irmandinhos), Julián (Fillos), Brais (Estrela Vermelha), Jacobo (Auriense), Juve (Irmandinhos), Bermejo (Estrela Vermelha), Kanario (Irmandinhos), Panzu (Irmandinhos), Santalla (Herdeiros de Dhais), Álex (Estrela Vermelha), Adriano (Estrela Vermelha), Couso (Estrela Vermelha), Leborán (Estrela Vermelha), e Víctor (Fillos).

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.