0 Gardados para despois

Galicia celebra o auxe do fútbol gaélico con dous partidos históricos ante Francia

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Galicia celebrará o auxe do fútbol gaélico cun novo e histórico partido internacional. Na festa deste deporte, as seleccións feminina e masculina enfrontaranse ás de Francia este sábado en Ourense en dous partidos emitidos en directo pola segunda canle da TVG. Será a primeira vez na historia que un encontro desta disciplina se retransmite en directo pola televisión nun país que reivindica a exitosa travesía dunha disciplina orixinaria de Irlanda, seguida masivamente na Illa e asentada aquí como en poucos sitios. 

Os partidos das seleccións galegas ante Francia serán emitidos en directo pola TVG este sábado

A partir das 17 horas, o combinado galego feminino abrirá a xornada que pechará o masculino a partir das 18.30 horas. Os encontros celebraranse nas instalacións do Campus de Ourense da Universidade de Vigo e a entrada será de balde no que pretende ser un día de celebración pero tamén de fomento deste deporte entre aqueles que non o coñecen tanto. A camisola da Irmandiña que o primeiro ministro irlandés regalou a Mariano Rajoy a principios de ano acabou por dar pulo a unha aventura que non se detén. 

Xa en 2015, Galicia entrou na historia ao ser o primeiro combinado nacional do país recoñecido nun campionato oficial. E debutou, ademais, acadando o subcampionato masculino logo de caer a última hora na final ante Arxentina. O pasado ano, Galicia rematou na terceira posición da categoría masculina nos Xogos Mundiais da GAA -o organismo que regula a práctica de todos os deportes irlandeses- que se celebrou en Dublín, mentres que as rapazas venceron na final de consolación.

O fútbol gaélico deulle a Galicia a primeira selección oficial en competicións internacionais, que se mantén no podio mundial

Fora en 2012, no campo do Cadaval de Narón, cando a Irmandiña do gaélico debutou e, xunto a selección de Bretaña, fixo historia ao disputar o primeiro partido entre seleccións nacionais da historia deste antigo deporte, que non saía das fronteiras irlandesas máis que aló onde había descendentes da Illa. 

A continuidade de Galicia na elite confirma a importante e espectacular historia do fútbol gaélico no país. Todo comezou hai uns seis anos, cando un grupo de rapaces da Coruña puxo en marcha o primeiro equipo desta disciplina no país. Os Fillos de Breogán comezaron unha aventura nun deporte irlandés, de 130 anos de historia pero do que pouco máis se sabía que semellaba unha mestura entre fútbol e rugbi. Impulsaron un club e soñaban con conseguir máis conxuntos cos que xogar.

Na actualidade, este deporte conta cunha liga galega masculina e feminina con máis de dez clubs afiliados na Asociación Galega e coa súa propia selección oficial recoñecida pola federación irlandesa que rexe o gaélico a nivel global. Ademais, unha liga galega con 13 equipos masculinos e nove femininos segue a asentarse como competición, espallando o deporte por numerosas localidades como Ourense, A Estrada, Vigo, Lalín, O Grove ou As Pontes. 

A Coruña impulsou un deporte que hai seis anos non se coñecía e que agora conta cunha liga con máis de 20 equipos e unhas 500 licenzas

O éxito deste deporte en Galicia é único. Nunha disciplina plenamente irlandesa, a maioría de equipos que hai fóra de Irlanda están compostos por xente da Illa ou descendentes deles. En Galicia, o 99,9% dos xogadores son galegos e o que empezou como unha aventura mobiliza xa uns 500 xogadores e xogadoras cada fin de semana, con cadansúa licenza e de maneira totalmente afeccionada. 

O evento deste sábado contará, como adoita acontecer, co terceiro tempo. A cea terá lugar na Asociación Aixiña de Ourense para continuar a celebración pola cidade das Burgas. 

A selección galega de fútbol gaélico, en directo pola TVG2

© CRTVG

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.