Galicia mantense no podio mundial do fútbol gaélico

Galicia celebra o terceiro posto no Mundial © SGFG

A selección galega mantense no podio mundial do fútbol gaélico. Galicia rematou na terceira posición da categoría masculina os Xogos Mundiais da GAA -o organismo que regula a práctica de todos os deportes irlandeses- que se vén de celebrar en Dublín logo de acadar o subcampionato o ano pasado en Abu Dhabi. Malia o incremento de participantes e o aumento no nivel da competición, a Irmandiña. En categoría feminina, as rapazas tamén venceron na final de consolación. 

A selección masculina tan só perdeu dous partidos, ante os dous finalistas, e gañou a fase de consolación para acadar o terceiro posto

Así, o combinado masculino, tras caer eliminada na primeira fase, refíxose para vencer todos os partidos na segunda fase e acadar o terceiro posto. Ao final, o equipo rematou o campionato mundial con seis vitorias (ante Bretaña, Alemaña, Arxentina, China, San Francisco e Chicago), un empate (Suráfrica) e tan só dúas derrotas, colleitadas ante os dous finalistas do torneo (Nova York e Francia). 

Xa que logo, Galicia acadou o título Plate en categoría masculina e a Shield Cup en feminino. "Deixan en Dublín un toque de atención para a familia do fútbol gaélico: a nosa selección chegou ao podio mundial e non ten pensado baixar del", expresa o combinado galego desde Irlanda. 

O combinado feminino tamén venceu na fase de consolación e obtivo a Shield Cup

A presenza de Galicia neste mundial confirma a importante e espectacular historia do fútbol gaélico en Galicia. Todo comezou hai pouco máis de cinco anos, cando un grupo de rapaces da Coruña puxo en marcha o primeiro equipo desta disciplina no país. Os Fillos de Breogán comezaron unha aventura nun deporte irlandés, de 130 anos de historia pero do que pouco máis se sabía que semellaba unha mestura entre fútbol e rugbi. Impulsaron un club e soñaban con conseguir máis conxuntos cos que xogar. Na actualidade, este deporte conta cunha liga galega masculina e feminina con máis dunha ducia de clubs afiliados na Asociación Galega e coa súa propia selección oficial recoñecida pola federación irlandesa que rexe o gaélico a nivel global.

O primeiro equipo de fútbol gaélico en Galicia naceu hai cinco anos; na actualidade, hai máis dunha ducia de clubs e uns 500 xogadores

O éxito deste deporte en Galicia é único. Nunha disciplina plenamente irlandesa, a maioría de equipos que hai fóra de Irlanda están compostos por xente da Illa ou descendentes deles. En Galicia, o 99,9% dos xogadores son galegos e o que empezou como unha aventura mobiliza xa uns 500 xogadores e xogadoras cada fin de semana, con cadansúa licenza e de maneira totalmente afeccionada. De feito, un combinado galego e outro da Bretaña disputaron o primeiro partido entre seleccións nacionais da historia deste antigo deporte.

A selección feminina celebra a Shield Cup © SGFG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.