Pontón reclama máis soberanía "porque o que querían Castelao e as xeracións do galeguismo histórico" segue "pendente"

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, no acto polo aniversario do Estatuto de 1936 este sábado CC-BY-SA BNG

A líder do BNG reivindica "un novo status político para Galiza, que a recoñeza como nación con plenos dereitos e con capacidade real para decidir" e apela ao espírito de "unidade e compromiso" da campaña do Estatuto de 1936

Aos pés do monumento a Rosalía de Castro na Alameda de Compostela, Ana Pontón celebrou este sábado que hai 89 anos Galicia aprobaba o seu primeiro Estatuto. "Se pechamos os ollos neste lugar tan simbólico, case podemos sentir a enerxía que percorreu Galiza aquel día. Podemos ver o entusiasmo de todo un pobo que saíu en masa a votar si ao Estatuto, si a ter máis poder para decidir, si ao autogoberno", asegurou a portavoz nacional do BNG.

En pleno Ano Castelao, Pontón puxo en valor a figura do político como "referente indiscutible do nacionalismo galego". Lembrou que Castelao "dedicou a súa vida á defensa de Galiza" e, como un dos autores do Estatuto de Autonomía de 1936, sinalou que "foi consciente de que aquel Estatuto non recollía todas as súas aspiracións, pero entendía que era un paso decisivo no camiño cara á soberanía". 

Pontón, diante do monumento a Rosalía de Castro na Alameda de Santiago CC-BY-SA BNG

"Hoxe seguimos ese camiño, coa mesma determinación, porque o que querían Castelao e as xeracións do galeguismo histórico segue a ser unha tarefa pendente: que Galiza teña capacidade plena para decidir o seu futuro", salientou a líder do Bloque. No acto da formación nacionalista deste sábado, Pontón reivindicou "un novo status político para Galiza, que a recoñeza como nación con plenos dereitos e con capacidade real para decidir" e apelou ao espírito de "unidade e compromiso" que inspirou á sociedade galega naquela histórica xornada do 28 de xuño de 1936.

"Queremos un concerto económico, como teñen Euskadi e Navarra, que nos permita decidir sobre o 100% dos nosos recursos", asegura Ana Pontón

O camiño que sinala Ana Pontón pasa por que o país saia dun marco de autogoberno "limitado", con competencias "recortadas" e cun modelo de financiamento baseado no "espolio". "Queremos un concerto económico, como teñen Euskadi e Navarra, que nos permita decidir sobre o 100% dos nosos recursos. Porque sen soberanía financeira, non hai soberanía política", incidiu, para apuntar que "Galiza non pode permitirse quedar atrás".

Así mesmo, Pontón advertiu que ese novo status político que propón "non é unha reivindicación simbólica, senón unha ferramenta imprescindible para resolver os problemas reais da sociedade galega". Dispoñer da "chave dos nosos recursos" permitiría –segundo debullou– garantir dereitos sociais, blindar a sanidade e a educación públicas, así como o coidado das persoas maiores e a protección do medio ambiente. "Queremos poñer freo ao espolio eólico, á precariedade laboral e ao encarecemento da vivenda, que afoga á xente moza", subliñou. 

"PP e PSOE, dende Madrid, négannos a chave dos nosos recursos e seguen tratándonos como unha periferia subsidiada, cando a realidade é exactamente a contraria", aseverou a portavoz nacional do BNG, para animar a sociedade galega a escribir o seu propio guión: "Este país non quere ser figurante nunha historia escrita por outros", advertiu. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.