O pasado xuño o Tribunal Constitucional desestimaba o recurso de amparo co que a familia de José Couso, o cámara galego asasinado por disparos do Exército dos Estados Unidos mentres cubría a invasión de Iraq en abril de 2003, procuraba reabrir o caso. Facíao despois de esgotar as vías dos tribunais españois, cun peche a efectos prácticos obrigado pola reforma da xustiza universal aprobada en solitario polo Goberno de España durante a maioría absoluta de Mariano Rajoy.
A reforma da xustiza universal obrigou ao arquivo do caso Couso e o pasado xuño o Constitucional desestimaba o recurso de amparo formulado pola familia
Unha vez esgotadas todas estas vías, a familia Couso vén de decidir continuar o litixio a comezar, precisamente, por tentar tombar esa reforma. Faino dirixíndose ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH), ao que piden que "determine se a reforma da normativa española sobre xurisdición universal supuxo unha vulneración do Convenio Europeo de Dereitos Humanos". A familia do reporteiro asasinado considera que así foi, toda vez que "impediu seguir investigando e perseguindo un crime de guerra cometido contra un cidadán español e deixándonos incapacitados para buscar xustiza".
No formulario dirixido ao TEDH a familia detalla que o Exército americano atacou a máis xornalistas que cubrían a guerra naquela mesma xornada
No formulario dirixido ao TEDH, con sede en Estrasburgo, a familia Couso comeza explicando que o cámara galego non foi o único traballador dos medios que cubrían a guerra que foi albo dos ataques. Así, detallan, aquel 8 de abril de 2003 os tanques do cuarto rexemento de blindados da terceira división de infantaría do exército dos EUA dispararon "contra a sede da canle árabe Al Yazira, matando o reporteiro Tarek Ayoub e ferindo un cámara". Pouco despois, agregan, "dispararon tamén contra o centro de prensa da canle de noticias de Abu Dhabi, provocando 22 feridos, todos eles xornalistas".
O Estado español, subliñan, "privou os familiares da posibilidade de articular un recurso efectivo" para que o crime sexa axuizado
Foi xusto despois cando as tropas estadounidenses se dirixiron ao hotel Paletina, "no que se atopaban aloxados gran parte do resto da prensa internacional", unhas 300 persoas. A "apenas 1.700 metros do hotel", un carro de combate "equipado cun canón de 120 milímetros e un visor optométrico de catro quilómetros de alcance" lanzou "un disparo que impactou no andar 15 do edificio, matando no acto o xornalista ucraíno Taras Protsyuk", da axencia Reuters, e ferindo a José Couso, "que morreu horas despois nun maltreito hospital de Bagdad".
Tras describiren todo o percorrido xudicial que se viron obrigados a afrontar dende que, o 27 de maio daquel mesmo ano, a familia formulou a primeira querela na Audiencia Nacional contra o sarxento que disparou, o capitán que ordenou facelo e o tenente que o autorizou, os Couso piden a axuda do TEDH. A reforma da xustiza universal, explican, "privou os familiares da posibilidade de articular un recurso efectivo" para investigar e axuizar o crime. E o Estado español, por estar adherido ao devandito Convenio Europeo de Dereitos Humanos, debe permitir "identificar, xulgar e no seu caso, condenar os acusados".