"José Couso é unha vítima incómoda dunha guerra baseada en datos falsos"

Concentración en memoria de José Couso CC-BY-NC-ND Adolfo Luján

O 8 de abril de 2003, o cámara galego de Telecinco José Couso atopábase xunto a outros preto de 200 xornalistas no hotel Palestina de Bagdad, sede da prensa independente durante a invasión de Iraq, cando un tanque estadounidense dispara contra o piso onde estaba situado o equipo da axencia de noticias Reuters. Ese día morren tres xornalistas: José Couso, Taras Protsyuk e Tarek Ayub, este último nun ataque contra a oficina de Al Jazeera.

"Aquela mañá erguémonos moi cedo, ao amencer. Estaba a producirse xa a batalla de Bagdad e entraran parte das tropas estadounidenses nun sector da cidade. A primeira imaxe que lembro daquel día é asomarme ao balcón do hotel Palestina e ver dous tanques sobre unha ponte no río Tigris", explica por teléfono o xornalista Carlos Hernández, daquela correspondente de Antena 3.

Hernández estaba na planta 15, unha por riba de José e do seu compañeiro en Telecinco Jon Sistiaga. Relata que durante horas desde os balcóns graváronse as imaxes dos tanques sobre a ponte, a uns dous quilómetros e medio de distancia, e os ocupantes dos blindados observaron ao mesmo tempo a prensa realizando o seu traballo.

Olga Rodríguez (SER) lembra de forma nítida como  un dos taques virou o canón; non pensou que fose disparar ao hotel

No piso superior ao de Hernández e dous por riba de José Couso estaba Olga Rodríguez cubrindo a guerra de Iraq para a Cadena SER. Unha hora antes do ataque, os helicópteros estadounidenses sobrevoaban a cidade a baixa altura e algúns xornalistas planeaban achegarse esa mañá ao aeroporto, onde nese momento estaba a combaterse. Os carros de combate mantivéronse horas apostados na ponte e Rodríguez lembra de forma nítida ver como un deles vira o canón. Nese momento non pensou que fosen disparar cara ao hotel.

Desde que o canón vira ata que efectúa o disparo transcorren dez minutos. "No meu cuarto soa o teléfono. Era unha chamada da Cadena SER e, cando me estou metendo na habitación desde o balcón para coller o teléfono, estourou o proxectil", lembra. Rodríguez levaba tres meses emitindo para a radio desde o balcón. Esa mañá atopou un cable longo que lle permitiu introducir o teléfono na habitación para evitar o ruído do Bagdad en guerra. Cre que iso puido salvarlle a vida, aínda que quince anos despois perdura unha lesión interna no oído. "Saín correndo. Cando baixamos un piso vimos o que ocorrera aos compañeiros de Reuters e, cando baixamos outro piso máis, alguén saíu dicindo: 'Couso está ferido'".

"Como caía de todo naquela época, pensabamos que fora algún proxectil que caería preto do hotel. Ata que ouvimos berros no corredor", conta Hernández (Antena 3)

No mesmo momento, Carlos Hernández estaba visionando as imaxes que gravaran dentro da súa habitación, a 1507. "Como caía de todo naquela época, pensabamos que fora algún proxectil que caería preto do hotel. Ata que ouvimos berros no corredor. Daquela, Jesús Hernández Quiñonero [cámara de Antena 3] asomouse ao balcón. Recordo que dixo: 'está a saír fume do hotel'. Abrimos a porta da habitación e cruzámonos con varios compañeiros da axencia Reuters que traballaban xusto unha planta por riba da habitación de José", describe.

Cando chegan ao dormitorio dos xornalistas de Reuters atopan o operador de cámara Taras Protsyuk tirado no chan, a cristaleira da ventá esnaquizada e a súa cámara rota. "Ninguén pensou que unha habitación máis abaixo estaba José ou que unha máis arriba tiñamos outros compañeiros da televisión mexicana e mesmo parte do meu equipo de Antena 3. O único que se me pasou pola cabeza foi evacuar os feridos". Cando descenden ata o hall, un reporteiro mexicano dille que José está ferido e camiño do hospital.

O cámara de Telecinco morre horas despois. Ese 8 de abril, outros dous xornalistas perden a vida polo fogo das forzas estadounidenses: o xornalista ucraíno de Reuters Taras Protsyuk no propio hotel Palestina e Tarek Ayub nun ataque previo do exército estadounidense contra a sede de Al Jazeera en Bagdad. Non hai imaxes de Bagdad ata o día seguinte, cando as tropas chegan á Praza Firdos, onde se atopaba o hotel, e derruban a estatua de Sadam Husein.

Acto de homenaxe a José Couso en Madrid Dominio Público @VirginiaUzal

Quince anos sen responsables xulgados

O 27 de maio de 2003, a familia Couso presentou unha querela ante a Audiencia Nacional contra os tres militares estadounidenses presuntos autores do ataque. Aínda que o xuíz Santiago Pedraz chegou a ditar orde de detención internacional contra eles, a Audiencia Nacional  arquivou o caso en xuño de 2015 en aplicación da reforma da xustiza universal --que acabou coa posibilidade de perseguir desde España delitos internacionais como crimes de guerra cometidos contra españois fóra do noso país-- realizada polo Executivo de Rajoy.  O Supremo sobreseu o recurso de casación da familia, que recorreu de novo o arquivo da investigación ante o Tribunal Constitucional.

"A familia Couso foi incómoda para o Goberno porque José é unha vítima incómoda"

Carlos Hernández apunta que a loita na rúa e a ofensiva legal da familia para conseguir xustiza foron incómodas para o Goberno: "A familia foi incómoda porque José é unha vítima incómoda, provocada por unha guerra na que o Goberno de José María Aznar nos metera e que logo se demostrou, como todos os xornalistas que estabamos alí diciamos, que estaba baseada nunhas escusas e datos falsos como era a existencia de armas de destrución masivas".

"José tivo a sorte de ter unha familia batalladora e comprometida que entendeu que aquilo non tiña que implicar tan só chorar na intimidade a José, senón que tiña que implicar unha reivindicación pública da importancia da defensa da liberdade de información", responde Olga Rodríguez.

Para David Couso, irmán do cámara, incómodos fixéronos os gobernos: "Fomos unha familia incómoda desde o primeiro momento, vendo como xestionaba o ataque ao hotel Palestina esa administración que de feito colaborou coa invasión ilegal e apoiou as mentiras, e vendo como actuou de cadeliño co señor Aznar na súa comparecencia con Bush". Lembra que desde o quinto día de ser repatriado o cadáver adoptaron a lema que se repetiu nas protestas e concentracións que realizan todos os anos: José Couso crime de guerra, investigación e xustiza.

"Se incómodos é esixir xustiza, interpor unha querela a título persoal porque o Estado non investiga, sufrir cambadelas, que se cuestione a esta familia como antipatriota por esixir xustiza, estamos moi orgullosos de ser incómodos", di David, o irmán de José

"Incómodos fixéronnos eles, un Goberno que non apoia unha familia, que non condena un asasinato, que non esixe explicacións... Tentou apagar un incendio con máis gasolina. Se incómodos é esixir xustiza, interpor unha querela a título persoal porque o Estado non investiga, sufrir cambadelas, que se cuestione a esta familia como antipatriota por esixir xustiza, estamos moi orgullosos de ser incómodos", di o portavoz dos colectivo Hermanos, Amigos y Compañeros de José Couso (HAC).

 

"É unha loita pola liberdade de información"

O caso Couso simboliza para Olga Rodríguez e Carlos Hernández a defensa da liberdade de información. A xornalista reivindica a importancia de que tivese un percorrido xudicial, aínda que agora estea parado, cunha reacción social "forte". "Houbo dúas ordes de busca e captura contra os responsables. O xuíz Pedraz mesmo fai unha inspección ocular en Bagdad coas testemuñas en 2011. Todo iso eran mensaxes claras, os responsables sabían que se pisaban Europa podían arriscarse a ser detidos", di, e engade: "Os países que se erixen como adaíles da liberdade de expresión e información deberían reflexionar seriamente e sinceramente sobre as consecuencias da impunidade destes casos. Porque agora os exércitos implicados e os grupos armados saben que lamentablemente matar un xornalista pode saír gratis".

"Desde o asasinato de Couso os directores dos medios pensárono moito antes de enviar xornalistas a cubrir conflitos"

Para Rodríguez, se non existe unha vontade de protección dos xornalistas tanto xudicialmente como politicamente, a sociedade "deixará de ter ollos e oídos neses conflitos" e será "máis facilmente manipulable" porque só recibirá información da propaganda dos bandos implicados. Afirma que desde o asasinato de José Couso os directores dos medios de comunicación "pensárono moito" antes de enviar os xornalistas a cubrir conflitos. Daquela xurdiu con máis forza a figura do freelance, que leva "unha precarización e unha indefensión maior": "Non había medios que se atrevesen a enviar a determinados conflitos a xente do seu cadro de persoal. Porque sabían que o que lle pasou a José podería volver pasar".

As condicións de traballo dos freelances son moito máis complicadas, explica Hernández. Ao non contar co apoio dun medio, teñen que sufragar todos os gastos referidos á súa protección: chaleco antibalas, escolta ou coche blindado se é necesario. Ponse en risco a vida dos xornalistas e, ademais, "repercute" na calidade da información: "A falta de apoio económico repercute no resultado final. Tes que enviar crónicas ao peso para conseguir amortizar e mesmo gañar un pouco de diñeiro, xa que te estás xogando a vida, e evidentemente a calidade acaba tamén baixando".

Homenaxe a José Couso en Ferrol © Concello de Ferrol

As vías que permanecen abertas no caso Couso

O Congreso está a tramitar unha proposición de lei de ERC para recuperar a xustiza universal, cuxa reforma non só arquivou o caso do cámara de Telecinco senón tamén outros once procesos como o xenocidio do Tíbet ou as torturas sufridas polos presos de Guantánamo.  A outra vía coa que conta a familia Couso é esperar o ditame do Constitucional sobre o recurso do PSOE contra a reforma do ano 2014 e a resolución sobre o recurso que presentou a propia familia contra o arquivo da causa. O seguinte paso sería recorrer ao Tribunal Europeo Dereitos Humanos.

O Congreso tramita unha proposición de lei para recuperar a xustiza universal; a familia Couso tamén espera a decisión do Constitucional sobre a reforma e sobre o recurso ao arquivo da causa

Sobre as dificultades da vía parlamentaria, David Couso remarca que o PP "quedou só en 2014" e "todo o arco parlamentario" votou en contra da iniciativa do PP, que con todo saíu adiante porque a formación contaba coa maioría absoluta. Céntrase en Ciudadanos, que co PP ten a maioría da Mesa do Congreso --o que pemite que controlen prazos de debate e tramitación-- para pedir que posibiliten que o Congreso se pronuncie: "Que poidamos todos, non só a familia de José porque esta non é unha loita partidista, ter xustiza".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.