A reforma do PP da xustiza universal obriga ao arquivo do caso José Couso

Concentración ante a Embaixada dos EUA por José Couso Dominio Público @VirginiaUzal

"O flexo non poderá manterse aceso". Con este laio, o xuíz da Audiencia Nacional Santiago Pedraz resumiu as consecuencias do peche da causa na que se investigaba o asasinato durante a invasión de Iraq do camarógrafo galego José Couso o 8 de abril de 2003 no hotel Palestina de Bagdad. Arquivou o caso o maxistrado porque considera que xa non ten marxe para continuar a instrución debido á reforma da lei de xurisdición universal e despois da sentenza do Supremo que confirmou o arquivo das pescudas sobre o xenocidio no Tíbet. 

"O flexo non poderá manterse aceso", lamenta o xuíz Pedraz logo de ter que pechar a causa polo asasinato de Couso

Pedraz eleva o procedemento á Sala do Penal para que acorde así o sobresemento das actuacións e da causa. No sumario están procesados tres militares dos EUA polo ataque ao hotel no que tamén morreu o ucraíno Taras Protsyiuk. Os membros do exército estadounidense estaban a ser investigados por delitos contra as persoas e bens protexidos en caso de conflito armado, en concurso con delito de homicidio.  

No seu auto, o maxistrado insiste en que a decisión é debida á supresión da xustiza universal levada a cabo polo Goberno do PP e, nomeadamente, pola sentenza do Tribunal Supremo que acabou coa investigación dos delitos cometidos polas autoridades chinesas en Tíbet. Pedraz lembra que a devandita sentenza ditouse por unanimidade e sen voto particular ningún, ademais de aclararse nela que "a mesma é extensible a procedementos con similar fundamento" e ten "forza vinculante para os xuíces e tribunais inferiores". 

Pedraz aclara que a decisión débese á supresión da xustiza universal polo PP e lamenta que os procesados non poidan ser buscados nin investigados

Pedraz lamenta que os procesados non poidan ser buscados nin investigados, malia quedar "constatado que existen suficientes indicios racionais de que os procesados serían autores dos delitos sinalados". O xuíz deixa claro quen é responsable do peche do caso e de que os presuntos delincuentes queden case inexorablemente impunes: a nova norma impide a persecución de calquera crime de guerra cometido contra un español, "agás no difícil suposto de que os presuntos criminais se refuxiasen en España". 

O xuíz lamenta o peche malia quedar "constatado que existen suficientes indicios racionais de que os procesados son os autores dos delitos"

O xuíz mantiña procesados desde o 4 de outubro de 2011 e baixo orde de busca e captura o tenente coronel do Exército dos Estados Unidos Philip de Camp, o capitán Philip Wolford e o sarxento Thomas Gibson, aos que acusaba de delitos contra as persoas e bens protexidos en caso de conflito armado en concurso con homicidio. "Esta loita non acaba aquí. Imos seguir e con vós é máis doado", asegurou na súa conta de twitter David Couso, irmán de José Couso e voceiro da familia, que xa advertira que acudirían ao Constitucional e ao Tribunal Europeo de Dereitos Humanos de Estrasburgo no caso de que o caso non seguise adiante. 

A reforma do artigo 23 da Lei Orgánica do Poder Xudicial (LOPX) aprobada polas Cortes logo dun trámite de urxencia puxo fin ao principio de xustiza universal que limita a persecución dos delitos de xenocidio e lesa humanidade aos procedementos que se dirixan contra españois ou contra cidadáns desa  nacionalidade cuxa extradición fose denegada. A reforma non fai máis que eliminar a xurisdición universal en pro da impunidade de graves crimes contra a humanidade e, no caso de Couso, tal e como aseguraba o xuíz Pedraz, contradi a IV Convención de Xenebra relativa á protección de persoas civís en tempo de guerra. E isto foi o que levara o maxistraso a decidir "inaplicar" a reforma da xustiza universal e seguir adiante co procedemento de José Couso. Pero a sentenza do Supremo acabou coas opcións

Pedraz lembra que os crimes de guerra quedarán impunes en España "malia as recomendacións a nivel mundial"

O golpe á xustiza universal dado polo Goberno do PP non suporá só o arquivo do caso de Couso, senón tamén outros procedementos nos que se investigan os xenocidios no Tíbet, Guatemala, o Sahara e Ruanda, o Holocausto nazi, os voos da CIA, o asalto á Frota da Liberdade, os ataques contra o campo de refuxiados de Ashraf (Iraq) ou as torturas ao movemento Falun Gong.

O maxistrado Pedraz lembra que os crimes de guerra quedan impunes en España "malia os múltiples esforzos e recomendacións a nivel mundial para perseguir e sancionar este tipo de delitos". 

José Couso en Iraq © xornalistas.org
Concentración ante a Embaixada dos EUA por José Couso Dominio Público @VirginiaUzal

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.