A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) lembrará no mes de abril a figura de María Casares con diferentes actos no marco do programa de actividades paralelas á gala dos premios de teatro que levan o nome da actriz galega celebrados xa a semana pasada. A programación incluirá un roteiro o vindeiro sábado día 7 de abril polas rúas da Coruña no que se afondará nas orixes familiares da actriz.
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia organiza o sábado día 7 de abril un roteiro por puntos significativos da cidade na vida da actriz galega
O roteiro organizado pola asociación conta coa colaboración e condución do historiador Emilio Grandío e da investigadora María Lopo. A actriz Mabel Rivera acompañará o percorrido coa lectura de fragmentos das memorias de María Casares Residente privilexiada. Fixado para ás 11.30 horas do 7 de abril, o traxecto iniciarase na Casa Museo Casares Quiroga (Rúa Panaderas, 12) e ten unha duración estimada de dúas horas. O itinerario percorrerá as rúas da Coruña e realizará paradas en puntos da xeografía coruñesa cunha especial significación para a familia de María Casares, tanto da rama do pai, Santiago Casares Quiroga, como da nai, Gloria Pérez Corrales. Para asistir ao roteiro, cuxa inscrición é gratuíta, cómpre inscribirse a través da web da asociación antes do venres día 6 de abril ás 14.00 horas.
Por outra banda, a Casa Museo Casares Quiroga acollerá o 11 de abril ás 20.00 horas un coloquio sobre a figura de María Casares no que participarán María Lopo, investigadora e autora da biografía de María Casares O tempo das mareas; a actriz Sabela Hermida, investigadora autora dunha tese de doutoramento da relación da actriz co existencialismo francés, e Ernesto Is, dramaturgo autor de Despois das ondas, texto sobre a vida de María Casares que obtivo en 2017 o Premio Rafael Dieste organizado pola Deputación da Coruña.