A reapertura do antigo CGAI chega despois da reforma que serviu para modernizar a cabina de proxección e a sala José Sellier, unhas obras previstas para dous meses que se alongaron ata case un ano
A Filmoteca de Galicia (que o pasado ano abandonou a denominación de Centro Galego de Artes da Imaxe) reabriu este martes as súas portas ao público, coa primeira dunha xeira de xornadas de portas abertas, nas que o acceso do público será de balde. A reapertura do antigo CGAI chega despois das obras de reforma que, a través dun investimento de 138.000 euros, serviu para modernizar a cabina de proxección, mellorando a súa dotación tecnolóxica, e substituír butacas e outro mobiliario.
A reforma, cunha duración prevista inicialmente para dous meses, alongouse ata case os once, o que deixou sen actividade o centro durante case un ano. O CGAI atravesou nos últimos anos un período convulso e marcado polos recortes orzamentarios e de persoal e polas acusacións de "desmantelamento" do centro, que mantén a súa actividade expositiva e de preservación do patrimonio fílmico pero segue a carecer de director ou directora, pois a praza continúa sen ser cuberta despois de que no verán de 2019 se xubilase Guillermo Escrigas, finado o pasado mes de decembro.
A reapertura
O posto de director ou directora segue sen ser cuberto despois de tres anos
A película escollida para a reapertura foi ‘Tres’, de Juanjo Giménez con produción de Frida Films e premiada como mellor película nos Mestre Mateo 2022. A película, presentada polo propio director e pola produtora Luisa Romeo, inclúe unha escena rodada nesta sala de proxección coruñesa. Ademais, posteriormente, exhibiuse O moderno Sherlock Holmes, película de Buster Keaton de 1924. A escena gravada na sala por Giménez incluía a proxección de varios fotogramas do clásico de Buster Keaton que trata, precisamente, sobre un proxeccionista. Así, ambas películas conforman un díptico audiovisual que buscaba servir como reencontro cos espectadores.
A partir de agora vai retomarse a programación habitual, cunha carteleira bimestral, ademais de todos os servizos da cinemateca
A partir de agora vai retomarse a programación habitual, cunha carteleira bimestral, ademais de todos os servizos da cinemateca. Entre os ciclos que se ofrecerán ata finais de outubro están os titulados Ars Sonora, con títulos que dalgún xeito abordan o mundo do son, e A casa do cinema, que sitúa no foco as filmotecas e o seu traballo a prol da recuperación e difusión cinematográfica.
O pasado ano o cambio de estatutos da Axencia Galega das Industrias Culturais fixo que o CGAI pasase a chamarse oficialmente Filmoteca de Galicia
Ata o 28 de outubro poderán verse, por exemplo, sete películas experimentais realizadas polo pintor Eugenio Granell a comezos da década dos sesenta do século pasado. Estas películas presentaranse nunha master class a cargo de algúns dos responsables dunha restauración. A outra vertente deste ciclo estará representada por películas como Regreso a Reims ou A virxe roxa que fan un emprego maxistral do arquivo. Estas dúas últimas películas proxectaranse a derradeira semana de outubro, coincidindo co Día Mundial do Patrimonio Audiovisual da Unesco (27 de outubro)
Do CGAI á Filmoteca entre críticas polos recortes
Unha das funcións da Filmoteca é a de “impulsar a recuperación, catalogación, custodia e difusión das producións e obras do patrimonio audiovisual e fotográfico galego"
O pasado ano o cambio de estatutos da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) fixo que o CGAI pasase a chamarse oficialmente Filmoteca de Galicia, denominación que a Xunta xa comezara a usar. Así mesmo, no departamento de Política Audiovisual ao que pertence engadiuse de xeito expreso como función a de “impulsar a recuperación, catalogación, custodia e difusión das producións e obras do patrimonio audiovisual e fotográfico galego co fin de proporcionar un maior coñecemento das artes da imaxe”. Unhas funcións que na práctica xa viña desenvolvendo o CGAI.
Nos últimos anos, así mesmo, denunciouse en varias ocasións o recorte orzamentario e de persoal sufrido pola institución, que mesmo provocou protestas públicas e tamén políticas alertando dun "desmantelamento" do centro. As críticas tamén facían referencia á situación do arquivo ou ao funcionamento da biblioteca e da mediateca do centro.