"Ou non entenden como funciona unha Filmoteca ou isto é un plan premeditado de desmantelamento"

As actuais limitacións de persoal levaron xa a que o traballo se acumule no arquivo, con risco para a cosnervación dos filmes Dominio Público Praza Pública

"O proxeccionista é a figura clave nunha Filmoteca, e o seu traballo non se limita a darlle a un botón. Ou non o entenden ou este é un plan premeditado de desmantelamento". Antonio Ramos é o proxeccionista do CGAI que -se non hai cambios de última hora- será despedido despois da xuntanza da Comisión de Persoal que este mércores aprobará a modificación da relación de postos de traballo en AGADIC. As medidas adoptadas pola Xunta inclúen tanto a supresión de prazas actualmente non ocupadas, e tamén a amortización de postos de traballo ocupados por persoal laboral, como neste caso. No seu caso, ademais, a súa praza creouse tras unha longa batalla xudicial, na que finalmente o TSXG botou por terra as intencións do Goberno galego, que pretendía a cobertura do posto a través dunha empresa privada.

A consecuencia inmediata é que a actividade e as funcións da Filmoteca galega quedarán necesariamente limitadas, nun proceso iniciado hai xa anos e no que os orzamentos da institución sufriron un gran recorte (ver gráfico ao final do texto), no que determinados servizos (coma o da biblioteca, que conta con 15 mil referencias) foran xa eliminados por falta de persoal, e no que unha parte do traballo de conservación e catalogación que a institución debe realizar xa estaba sendo adiado e descoidado, ante a insuficiencia de traballadores no arquivo.

No marco da integración do CGAI na estrutura de AGADIC, a metade do persoal foi xa despedido ou as súas prazas amortizadas. E coa marcha de Antonio Ramos ficará cun único proxeccionista. Ramos ocúpase na actualidade -en xornada de tarde e noite- das proxeccións que conforman a programación habitual do centro (entre 400 e 500 cada ano, ás que asisten unhas 10 mil persoas), mentres que o outro proxeccionisa -en xornada de mañá- colabora nas actividades que o CGAI realiza con centros de ensino (obradoiros e proxeccións polas que pasan máis de 2.500 alumnos e alumnas cada ano), ademais de xestionar o arquivo fílmico da institución (3.000 copias en celuloide e 7.700 en vídeo), con labores de catalogación de filmografía, restauración, reparación e revisión de películas e celuloide, realización de copias....

O BNG vén de reclamar no Parlamento galego paralizar a modificación da relación de postos de traballo formulada por AGADIC no CGAI e proceder á reposición das prazas amortizadas "co fin de dotar o centro dun cadro de persoal que permita o desenvolvemento pleno das súas funcións".

Denuncia os problemas no arquivo, "onde se amorean as latas ata o teito, oxidándose e estropeándose por falta de persoal. As películas téñense que repasar e rebobinar, porque se non estropéanse"

"Está suficientemente ocupado como para encargarse tamén das proxeccións da tarde. Por non falar do momento en que o proxeccionista teña días libres ou se poña enfermo, que a ver que se fai nese caso", destaca Ramos, que sinala que xa se está falando de que o CGAI suprimiría as actividades que realiza con centros de ensino. "Polas tardes, só o tempo de proxección son 4 ou 5 horas diarias de traballo, ao que hai que sumar a preparación e a desmontaxe das películas" -explica- Eles apóianse en que agora hai máis DCP [fomato dixital], o que é certo, pero o DCP tamén implica unhas probas previas, e ademais non todos os días hai proxeccións en dixital. Onte mesmo tivemos que proxectar 240 minutos en 16mm, que dá moito traballo, polo cambio de bobinas, e mañá volvemos ter mestura de super8 e 16mm". "A Filmoteca non é un cine comercial, isto non se trata de darlle a un botón. Parece que non o entenden", engade.

Ramos cualifica a actual situación da institución de "terceiromundista", alerta da posibilidade de que o arquivo sexa trasladado á Cidade da Cultura, deixando o CGAI sen funcións, e lembra a parálise que viven dende hai anos algúns departamentos, coma o da biblioteca e a mediateca, que daban servizo sobre todo a centros de ensino. Subliña igualmente que as funcións de calaogación, investigación e difusión de fotografía (tamén responsabilidade legal do centro) están sendo realizadas parcialmente por unha auxiliar técnica de programación, ante a ausencia dunha especialista. Ou que os problemas no arquivo, "onde se amorean as latas ata o teito, oxidándose e estropeándose por falta de persoal" están poñendo en perigo a integridade de importantes materiais: "As películas téñense que repasar e rebobinar, porque se non estropéanse". "Bonita forma de celebrar o 25 aniversario da institución", engade.

"Están tentando que a xente non saiba nada ata que os recortes estean consumados. Dan por sentado que a xente se esquece de todo e que dentro duns meses xa non lle vai importar"

"Nós non imos parar aquí. Imos iniciar unha campaña para que a xente saiba que se lles están recortando servizos, de forma sibilina, e de que isto forma parte dunha folla de ruta de recortes, de destrución dunha institución importante na cidade", conclúe Ramos, que denuncia que os traballadores están atopando dificultades nalgúns medios de comunicación para difundir a súa situación e a situación na que quedará o centro. "Están tentando que a xente non saiba nada ata que os recortes estean consumados. Dan por sentado que a xente se esquece de todo e que dentro duns meses xa non lle vai importar", di.

Estado actual do arquivo do CGAI © CIG
As actuais limitacións de persoal levaron xa a que o traballo se acumule no arquivo, con risco para a cosnervación dos filmes Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.