O Goberno galego troca o nome do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) polo de Filmoteca de Galicia, no marco dunha mudanza dos estatutos da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) menor da que pretendía, criticada polo sector
Tras protestas do sector, e ano e medio despois de iniciar o proceso, a Xunta fai oficiais este mércores, coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG), diversas mudanzas nos estatutos da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) entre as que xa non figura o seu intento de reducir a liberdade artística do Centro Dramático Galego (CDG) pero si se confirma o menor peso da área de música e danza e do Centro Coreográfico Galego. Unhas mudanzas que tamén fan oficial a denominación de Filmoteca de Galicia para o antigo Centro Galego das Artes da Imaxe.
O proceso de cambio de estatutos da Agadic iniciouno a Xunta a finais de 2019, cando someteu a exposición pública un borrador no que entre outras cousas mudaba o artigo 26 do texto anterior, encargado de regular o departamento de Produción Teatral, cuxo responsable é ao tempo director do Centro Dramático. O borrador facía que pasase de poder “decidir” o plan de programación anual do centro e “seleccionar e contratar” tanto as compañías como os artistas encargados de cada espectáculo a simplemente “propoñer” ambas cuestións. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), a Academia Galega de Teatro e Músicos ao Vivo criticaron aquel borrador por esa e outras cuestións, como o menor peso da música, e finalmente no texto aprobado e agora publicado no DOG non se muda nada do artigo 26.
Créase unha nova figura de coordinación xeral e xerencia de Agadic por baixo da do director, Jacobo Sutil, nomeado no seu momento precisamente pola súa experiencia en xestión e non en políticas culturais
Os novos estatutos da Agadic crean unha nova figura de coordinación xeral e xerencia para encargarse da xestión da entidade por baixo da do director da axencia, actualmente Jacobo Sutil, nomeado no seu momento precisamente pola súa experiencia en xestión -desenvolvera a súa carreira previa en Constructora San José- máis que en políticas culturais. Canto ás áreas da axencia, estas quedan configuradas arredor de catro departamentos: Fomento e Promoción de Políticas Culturais, Política Audiovisual, Produción Teatral e Música e Danza.
O último departamento, o de Música e Danza, é a nova denominación do anterior departamento de Produción Coreográfica, do que depende o Centro Coreográfico Galego. Pero se o anterior texto atribuíalle “a dirección artística” e “decidir o plan de programación anual” do centro, o novo texto agora aprobado limita as súas funcións a un xenérico “exercer a dirección do Centro Coreográfico Galego” e sen ningunha referencia á súa programación. Nada se di no texto da música máis alá de que a ese departamento lle corresponde “realizar as actuacións necesarias para o impulso do fomento da música e da danza”, o que para a asociación Músicas ao Vivo supuña que “estará baleiro de contidos para o sector musical”.
O cambio dos estatutos tamén deixa mudanzas máis formais que de fondo no anterior Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI), que ao igual que o Centro Coreográfico leva ano e medio sen dirección. Agora pasará oficialmente a chamarse Filmoteca de Galicia, denominación que a Xunta xa comezara a usar. E no departamento de Política Audiovisual ao que pertence engádese de xeito expreso como función a de “impulsar a recuperación, catalogación, custodia e difusión das producións e obras do patrimonio audiovisual e fotográfico galego co fin de proporcionar un maior coñecemento das artes da imaxe”. Un aumento formal dunhas funcións que na práctica xa viña desenvolvendo o CGAI malia os recortes que sufriu nos últimos anos.