A axencia das industrias culturais volveu privatizar a contratación de parte do persoal das tres próximas producións do CDG mentres que noutra parte que seguiu dependendo dela deu postos en dúas obras á mesma persoa, que acabou renunciando a un polo risco sanitario
“Os intérpretes poderán presentar candidatura aos tres proxectos pero só poderán ser seleccionados nun dada a coincidencia temporal das producións”. Esa é unha das condicións establecidas nas bases de selección do elenco das tres próximas producións do Centro Dramático Galego (CDG), dependente da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic). As bases foron asinadas polo propio conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, como máximo responsable de Agadic, o 13 de xullo, pero tras realizar as probas ás persoas candidatas o 31 de agosto o tribunal encargado da selección acordaba facer pública a “relación das persoas seleccionadas” na que unha mesma actriz era elixida para dúas montaxes distintas.
A actriz renunciou a un dos dous papeis para os que fora seleccionada por Agadic e a axencia agradécelle a súa decisión evindenciando que as bases non tiveran en conta o coronavirus
A actriz acabou renunciando a un dos dous papeis, renuncia aceptada polo tribunal o 2 de setembro, co argumento do “risco que pode supoñer compartir elenco dúas producións do CDG no actual contexto sanitario”, un “xesto de responsabilidade e solidariedade co sector” que Agadic lle agradece expresamente evidenciando así que nas súas bases a axencia non tivera en conta o coronavirus.
Preguntada polo sucedido, Agadic responde reinterpretando unhas bases que nunca mudou oficialmente e coas que segundo fontes do sector se lles insistía a actores e actrices que só podían ser seleccionados para unha montaxe, condicionando así as súas propias aspiracións. A axencia di que a explicación que as bases daban para o veto, a da “coincidencia temporal das producións”, permite que, de non coincidir finalmente no tempo as montaxes, previsión que foi modificada durante o proceso sen mudar as bases, “ao non darse xa a condición expresa establecida nas bases, unha mesma persoa podería ter o dereito de estar nas dúas producións”. Isto é, Agadic interpreta agora como unha “condición expresa” o que nas súas bases está redactado como unha explicación dun veto que non mudou. Por outra banda, o suposto cambio de datas que evita a coincidencia de montaxes suporía unha mudanza pola vía dos feitos desa "condición expresa" que as bases consideran como "dada" sen que Agadic mudase as bases.
A axencia engade que “a actriz seleccionada en principio para ambos espectáculos, renunciou a participar nun deles dado o risco que podería supoñer no actual contexto sanitario compartir elencos con tempos que, non sendo coincidentes, si son moi axustados”. A resposta deixa en mans da boa vontade da actriz unha precaución fronte ao coronavirus que a axencia non preveu en ningún punto das súas bases. O CDG, pola súa banda, si activou protocolos específicos para as tres montaxes.
A interpretación por parte de Agadic como “coindición expresa” do que nas súas bases era unha explicación do veto a compaxinar dous papeis volve poñer o foco nas irregularidades administrativas que xa foran detectadas no proceso de selección doutra produción do CDG en 2017, cando o propio tribunal decidira chamar ad hoc para dous papeis que quedaran pendentes de adxudicar a dous actores que non se presentaran a eles. Daquela Agadic ademais deu por válidas valoracións que membros do xurado fixeran de socios ou parellas que se presentaran como candidatos.
En 2017 a Xunta defendeu que só podía contratar actores e actrices a través de concurso público, pero un ano máis tarde, como agora, encargou a unha compañía externa contratacións discrecionais
Aquel conflitivo -e contestado desde o sector- proceso de selección de actores e actrices en 2017 a través dun concurso público en vez de a dedo, como se fai por parte da administración con todo tipo de contratos públicos desa contía e duración, foi defendida por Agadic como a única vía posible xa que o convenio colectivo de actores e actrices de teatro só contempla a súa contratación laboral, non mercantil. Porén, un ano despois Agadic optaba por facilitar a contratación a dedo de parte dos actores e actrices para outra montaxe do CDG subcontratando esa tarefa a unha compañía teatral á que encargou parte da produción. Esa privatización da selección dalgúns actores e actrices permitiu que fose a compañía, e xa non a administración, a que elixise discrecionalmente esa parte do elenco sen ter que recorrer ao conflitivo concurso público dun ano antes.
Agora, para as tres novas montaxes do CDG, Agadic opta por combinar as dúas vías de contratación de elenco para a súa nova “produción propia”. Como en 2018 con Chévere, a axencia encargou a dedo á compañía Pálido Domingo varias das tarefas artísticas dunha das tres novas montaxes, incluída a dirección e parte do elenco, co que volveu privatizar esa parte da selección do persoal dándolle así máis liberdade artística, pero outra parte do elenco foi seleccionada novamente a través do antedito concurso público, no que membros de Pálido Domingo formaron parte do xurado.