O Goberno galego ultima un decreto do que a Asociación de Actores e Actrices e a Academia Galega do Teatro alertan que “abre as portas á privatización”
O decreto que actualmente regula a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a través dela a dirección do Centro Dramático Galego (CDG), establece no seu artigo 26 que esta última ten entre as súas tarefas “decidir” o plan de programación anual e “seleccionar e contratar” tanto as compañías como os artistas encargados de cada espectáculo. Porén, o Goberno galego ten actualmente en elaboración, cun borrador cuxo prazo de alegacións remata este venres, un novo decreto co que a dirección do CDG pasará a simplemente “propoñer” ambas cuestións. A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), a Academia Galega de Teatro e Músicos ao Vivo alertan da “externalización e privatización” que ao seu ver permitiría un novo texto que tamén modifica o Centro Coreográfico e adscribe a Agadic o Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI).
Segundo o borrador de decreto a exposición pública, a dirección de Agadic, actualmente ocupada por Jacobo Sutil, pasará a ter baixo a súa dependencia un “coordinador xeral xerente” con funcións en materia de contratación e persoal, figura que as entidades representativas do sector temen que non teña un visión artística senón empresarial. O texto tamén modifica as funcións dos departamentos técnicos inferiores dedicados á Política Audiovisual, á Produción Teatral e á Música e Danza.
No eido teatral, o responsable do departamento é tamén o director artístico do CDG, cargo actualmente vacante tras a marcha hai uns meses de Fefa Noia e cuxo proceso de selección aínda non foi resolto. Pero agora a persoa que resulte elixida deixará de “decidir” a programación do CDG e da súa sede no Salón Teatro de Santiago e de “seleccionar e contratar” as compañías e os actores para só “propoñer” ou “participar na selección dos artistas”.
Hai un ano a Xunta xa privatizou a contratación de parte do elenco dunha obra do CDG tras defender previamente un ano antes que os actores e actrices tivesen que pasar un concurso público que deixara en evidencia numerosas irregularidades
Para a AAAG e a Academia, que este xoves ofreceron unha rolda de prensa en Santiago para criticar as mudanzas que prevé a Xunta, isto “abre as portas á externalización e á privatización das montaxes, xa que non se contempla a necesidade de que sexa a propia institución pública quen se encargue da contratación e poderíase derivar a contratación do elenco e do conxunto do equipo artístico a compañías privadas”. Iso xa ocorría en parte ata agora, como sucedeu coa contratación de parte do elenco da obra Divinas Palabras, representada o pasado ano, na que o CDG encargou a montaxe á compañía Chévere que á súa vez contratou directamente algúns actores e actrices. Unha situación que se produciu un ano despois de que a propia Xunta defendese a obrigatoriedade de que o elenco doutra obra previa, Martes de Carnaval, fose contratado a través dun concurso público que deixou en evidencia numerosas irregularidades e incoherencias nos sistemas de contratación pública.
“A solución pasa por darlle unha grande volta ao CDG”, din desde o sector
Preguntados este xoves por esa situación, os portavoces da AAAG e a Academia na rolda de prensa que ofreceron, Xose Barato e Imma António, admitiron que xa estaba aberta esa porta á externalización dos contratos, pero lamentaron que a Xunta en vez de abordar co sector os problemas que iso xenera, evidenciados nas anteditas producións, “agora abre o camiño a que a liña de produción, que debe ser do CDG, sexa dunha compañía”. “Cremos que a solución non é delegar a produción”, di Barato, que salienta que “as condicións laborais non son as mesmas nunha compañía pública ou nunha privada”. “A solución pasa por darlle unha grande volta ao CDG”, reclamou António, que salientou que se solicitou un encontro co propio presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, sen seren recibidos, mentres que desde a Consellería de Cultura, di, se lles negou a existencia de ningún tipo de problema no sector.
O novo decreto tamén modifica as funcións dos departamentos dedicados á Política Audiovisual e á Música e Danza, adscribindo ao primeiro o CGAI
O borrador de novo decreto tamén muda o anterior Departamento de Produción Coreográfica por un de Música e Danza no que desaparecen de entre as funcións da súa persoa responsable calquera referencia á selección, contratación e sequera proposta das compañías e artistas a contratar, substituídas por un xenérico “exercer a dirección do Centro Coreográfico Galego”. Para Músicas ao Vivo, o departamento “estará baleiro de contidos para o sector musical”.
Igualmente, o novo decreto adscribe funcionalmente a Agadi o Centro Galego das Artes da Imaxe (Agadic) formando parte do seu departamento de Produción Audiovisual, segundo os participantes este xoves na rolda de prensa “abríndose a porta a que o titular deste departamento asuma as competencias do posto de dirección do CGAI” cunha “perda de independencia da filmoteca galega”.
“Non constan contactos sobre este asunto co groso do tecido asociativo nin profesional"
Segundo as entidades que este xoves amosaron as súas críticas ao novo decreto, o propio conselleiro de Cultura, Román Rodríguez, “asegurou ao anunciar o novo estatuto da Agadic que se falara co sector”, pero elas aseguran que “non constan contactos sobre este asunto co groso do tecido asociativo nin profesional, nin se informou dos sensibles cambios que se emprenderán, polo que se debe considerar que o novo estatuto se realiza de costas ao sector”.