Ao redor de 300 persoas participaron este mércores pola tarde nunha concentración ante a sede do CGAI, convocada polas asociacións profesionais do audiovisual galego e institucións coa a Academia Galega do Audiovisual, que denunciou o recorte de persoal decidido por AGADIC (un despedimento e dúas amortizacións de prazas) e o desmantelamento dos servizos que ofrece a Filmoteca, que vén de perder o 40% dos seus postos de traballo. A través dun manifesto sinalouse a actuación de Anxo Lorenzo, Jacobo Sutil e de Guillermo Escrigas, director do centro, pedíndose o cese de todos eles.
O texto repartido entre os e as participantes na concentración destacaba que "os despidos e amortizacións realizadas no AGADIC non só representan unha ameaza á memoria do audiovisual galego" senón que de feito implican "un recorte de servizos ós cidadáns e a nosa cultura audiovisual". Subliñouse ademais que os despedimentos realizados, sobre todo o dun dos dous proxeccionistas do CGAI, realizáronse a través dunha RPT, "un instrumento de organización administrativa, non un medio para realizar despedimentos, EREs encubertos ou desmantelamentos de servizos previos ás privatizacións dos mesmos, como se están a realizar aquí".
A través dun manifesto sinalouse a actuación de Anxo Lorenzo, Jacobo Sutil e de Guillermo Escrigas, director do centro, pedíndose o cese de todos eles
Sinalouse, ademais, que "os postos que aquí se eliminan foron creados por sentenza xudicial firme no TSXG, ao que todos os estamentos e galegos teñen a obriga de obedecer". Engadiuse, así mesmo, que "estes despedimentos, ademais de traducirse en recortes aos servizos públicos de todos os galegos, suporán gastos de indemnizacións e xudiciais que sairán dos impostos de todos os galegos. Esa é a realidade da capacidade de xestión da Xunta".
O manifesto pide ceses e responsabilidades políticas, facendo fincapé en que os despedimentos e amortizacións leváronse a cabo "con mentiras e alevosía", despois que varias declaracións públicas (comezando polo director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo) e mesmo en sede parlamentaria en sentido contrario. En concreto, dirixe as súas críticas contra o director do CGAI, Guillermo Escrigas, "por non apoiar os traballadores do seu propio centro" e por "permitir que os arquivos do centro se situasen nun estado lamentábel". Tamén se centraron no director da AGADIC, Jacobo Sutil, "pola ineptitude manifesta e reiterada nas súas funcións", para o que piden que dimita "o máis pronto posíbel, antes de que siga facendo un dano irreparábel á cultura e o audiovisual galego". O texto conclúe destacando que nos últimos anos a Filmoteca Galega "fixo crecer a súa cifra de actividades e espectadores grazas ao esforzo dos seus empregados".
Preguntado este xoves polas protestas, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo afirmou que “que eu saiba estamos falando de dúas prazas; dicir que se desmantela un centro por facer unha Relación de Postos de Traballo que afecta a dúas prazas me parece excesivo”. Para as vindeiras semanas e meses están preparándose novas vías de denuncia, que incluirán a participación dos e das profesionais do sector e da cidadanía.