A directora do Centro Dramático Galego, Fefa Noia, comunicou este martes que abandonará o seu cargo por motivos profesionais. A Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) puxo en marcha xa o procedemento público de selección para a designación da súa substituta ou substituto, que debería incorporarse o 1 de outubro, data na que se fará efectiva a marcha de Noia.
Fefa Noia converteuse en directora do CDG en xaneiro de 2016, substituíndo a Manuel Guede
Fefa Noia converteuse en directora do CDG en xaneiro de 2016, substituíndo a Manuel Guede, que renunciara uns meses antes. Noia chegaba a un Centro Dramático que levaba anos no centro das críticas do sector, que acusaba o Goberno galego de ir reducindo a súa actividade, "deixándoo morrer", como afirmaba Ernesto Chao nesta entrevista.
A nova directora comprometeuse no comezo da súa xestión a "desenvolver un diálogo co sector", xa que "o sentido do último do CDG é facilitar un espazo de creación para a profesión". Porén, nos últimos anos foron moitas as voces que seguiron denunciando o "esmorecemento" da institución.
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG), que nos últimos anos foi moi crítica coa xestión realizada no CDG, reclamoulle á Xunta este mércores que a marcha de Fefa Noia "non sirva de escusa para sumir na parálise a actividade do Centro Dramático Galego". A AAAG lembra que no anterior cambio de Dirección na institución, en 2015, pasaron 18 meses entre a estrea de Xardín Suspenso, a última montaxe da dirección de Manuel Guede en marzo de 2015, e a estrea de Tartufo, a primeira obra con Fefa Noia en setembro de 2016.
A AAAG reclama a "refundación" do CDG, "deixando atrás a convulsa etapa de Fefa Noia
A entidade reclama a "refundación" do CDG, "deixando atrás a convulsa etapa de Fefa Noia", na que criticaron nomeadamente os procedementos de selección de elencos da compañía pública e a reducida actividade do Centro Dramático. "A escasa produción propia e a baixa contratación afastan a realidade actual do CDG do seu pasado e do que debe ser un auténtico centro dramático", sinala a AAAG. Os actores e actrices critican tamén a "desconexión cos profesionais e cos espectadores" da institución que "careceu da vontade precisa para atender as demandas do sector e procurar así solucións de longo percorrido".
Durante esta última etapa, a compañía institucional acometeu a produción propia de catro espectáculos de pequeno formato: Tartufo, de Molière, con dirección de Carles Alfaro; Martes de Carnaval (integrado polas pezas As galas do defunto e A filla do capitán), de Valle-Inclán, con dirección de Marta Pazos; Divinas Palabras Revolution, tamén de Valle-Inclán, con dirección de Xron; e Neorretranca e posmorriña, de Esther F. Carrodeguas e Roi Vidal Ponte, baixo a dirección de Gena Baamonde.