Actores e actrices denuncian "a deriva de esmorecemento" do Centro Dramático Galego

Jacobo Sutil, no centro da imaxe xunto ao cartel, na presentación de 'Divinas Palabras' © Xunta

A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) denuncia que a actividade do Centro Dramático Galego (CDG) está "baixo mínimos" e "sumido na burocratización, na baixa produción propia e na escasa contratación de elencos". A AAAG considera que "a dinámica marcada dende a AGADIC dun único espectáculo propio por ano con elencos de dez intérpretes non responde ás necesidades do público nin as expectativas do sector e moito menos ás funcións da institución" e cualifica a actual situación como unha "deriva de esmorecemento".

A AAAG considera que "a dinámica marcada dun único espectáculo propio por ano con elencos de dez intérpretes non responde ás necesidades do público nin as expectativas do sector"

AGADIC anunciou este mércores a nova produción do CDG, titulada Neorretranca e posmorriña, dirixida por Gena Baamonde a partir dos textos Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte. A produción, para a que se abriu un proceso de selección de 10 actrices e actores, ten prevista a súa estrea o vindeiro 11 de abril. A reflexión sobre a identidade galega é o común denominador de ambas as obras como resultado da participación dos seus autores na primeira edición do grupo de traballo DramaturXa, coordinado polo escritor e director teatral Manuel Lourenzo.

AGADIC anunciou este mércores a nova produción do CDG, titulada Neorretranca e posmorriña

Para a AAAG, o anuncio da Axencia amosa o mantemento da mesma política de "baixa contratación de intérpretes e a escasa produción", liñas que definen "a xestión deficitaria do CDG", sinala. A asociación critica ademais o mantemento da fórmula de selección de elencos para a escolla de intérpretes de Neorretranca e posmorriña, que xa foi denunciado durante o pasado ano. "Este tipo de procedementos, sometido ás normas da función pública xeral, non se adecúan á realidade do noso sector nin á dimensión creativa do feito artístico e pasa por alto as particularidades laborais e artísticas tanto de intérpretes coma de directores/as", sinala a entidade. A Xunta admitiu que tiña “medios legais” para elixir os actores do Centro Dramático con criterio artístico e non funcionarial.

Representación de 'Divinas Palabras' no Centro Dramático Galego

A asociación destaca que "este tipo de procedemento non garante a necesaria transparencia nin a igualdade de oportunidades nas que se escuda a administración para levalos a cabo"

A asociación destaca que "este tipo de procedemento non garante a necesaria transparencia nin a igualdade de oportunidades nas que se escuda a administración para levalos a cabo". "Proba desa ineficacia achámola no accidentado procedemento desenvolvido en 2017 de Martes de Carnaval ou na selección de 2018 para a obra de Divinas Palabras Revolution, na que se decidiu externalizar a contratación de dous protagonistas mentres que os outros sete papeis se decidiron en libre concorrencia", di. A AAAG sinalou publicamente en ambos casos presuntas irregularidades non co ánimo de defender este marco legal, senón precisamente coa vontade de evidenciar a imposibilidade da súa aplicación no noso ámbito e de solicitar unha solución "que tampouco chega agora, no caso de Neorretranca e posmorriña".

A AAAG critica unha "burocratización" que "entorpece e asfixia o normal funcionamento da institución"

"Os atrancos vividos nos últimos anos no CDG a conta dos procesos de selección de elencos son unicamente unha mostra (probablemente, a máis visible) dunha burocratización que entorpece e asfixia o normal funcionamento da institución e que se manifesta noutros ámbitos de acción, comezando pola distribución e exhibición das producións propias, que nos últimos anos protagonizaron xiras de escaso percorrido polos escenarios galegos", subliña a AAAG. A entidade denunciouno nos últimos anos en varias ocasións e mesmo llo expuxo á AGADIC nunha xuntanza mantida a comezos de 2018. 

Salón Teatro, sede do CDG

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.