Un regreso ao pasado. A Consellería de Cultura e Educación entrega a dirección do Centro Dramático Galego a Manuel Guede, quen xa ocupara ese mesmo cargo nos gobernos de Manuel Fraga até 2005. “É unha persoa do teatro galego, un experto xestor cultural que xa dirixiu o CDG nunha exitosa etapa. Agardamos que esta segunda etapa sexa tan boa para a dramaturxia galega como a primeira”, asegurou o conselleiro de Cultura e Educación, Jesús Vázquez, quen acompañou a Guede na súa presentación no Salón Teatro escoltado polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, e o director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Juan Carlos Fasero.
Guede, que recoñeceu que foi escollido “dixitalmente”con toda a “lexitimidade”, pero sen ningún tipo de conscurso público, sinalou a súa vontade para por “salvar a situación” dun CDG rodeado de polémica pola destitución de Blanca Cendán e que está en “crise”
Guede, que recoñeceu que foi escollido “dixitalmente”con toda a “lexitimidade”, pero sen ningún tipo de conscurso público, sinalou a súa vontade para por “salvar a situación” dun CDG rodeado de polémica pola destitución de Blanca Cendán e que está en “crise”. “Non teño a sensación de regresar, teño a percepción de chegar. Este CDG non é o que eu deixe. Entre a crise, unha crise que é unha arma de destrución masiva, e outras cuestións, o CDG colocouse nunha situación delicada”, asegurou Guede, quen tamén explicou que a súa nova andaina virá definida pola recuperación dos principios “fundacionais” da institución. “Uns principios que son a recuperación do noso teatro, o diálogo con gran repertorio universal e poñer en valor a literatura dramática contemporánea”, sentenciou.
As furias, no aire
Guede non quixo afondar neste primeiro día como director do Centro Dramático Galego nas súas liñas de programación e de traballo. Dese xeito, pediu tempo para definir a súa estratexia á fronte da compañía pública do teatro. “Compartiremos en 15 días o proxecto de programación deste ano para salvar a situación”, sinalou. Sobre a posibilidade de que a obra As furias -proxecto de Andrés Lima presentado hai máis dun mes pola antiga directora, Blanca Cendán, e no aire dende a súa destitución-, Guede amosouse ambiguou e pospoñeu a decisión a unha “análise da situación económica” que realizará nos próximos días. Non obstante, Guede asegurou a Praza que este ano haberá produción propia, sexa As furias ou non. Ademais, indicou que se manterá a programación xa prevista para o Salón Teatro.
Guede asegurou a Praza que este ano haberá produción propia, sexa As furias ou non
Pese aos poucos detalles que adiantou hoxe, Guede quixo deixar ás claras que unha reto da súa nova andaina no Centro Dramático será o “diálogo con Portugal” e que non haberá espazo para experimentos. “Esta non é a casa de todos, é casa dos mellores. Ou a casa de todos os mellores. Non se crea poética dramática, consolídase”, explicou.
“Blanca Cendán non ten interese informativo”
Preguntado pola posibilidade de que o CDG mantivese as liñas de traballo marcadas na anterior etapa, Guede respondeu cunha pregunta retórica: “Que liñas de traballo?”. Ademais, criticou o concurso público co que foi escollida Blanca Cendán, persoa da que asegurou que non tiña “ningún interese informativo”.
“A ese concurso público presentáronse tres persoas e a comisión decidiu deixar deserta a convocatoria. Blanca Cendán foi escollida dixitalmente polo conselleiro e con toda lexitimidade como eu fun escollido dixitalmente polo conselleiro e con toda a lexitimidade"
“A ese concurso público presentáronse tres persoas e a comisión decidiu deixar deserta a convocatoria. Blanca Cendán foi escollida dixitalmente polo conselleiro e con toda lexitimidade como eu fun escollido dixitalmente polo conselleiro e con toda a lexitimidade. Ela non foi nomeada despois dese concurso”, aseverou un Guede que criticaba así a xestión anterior e cuestionaba o proceso de selección realizado polo ex conselleiro Varela. Proceso de selección que cualificou directamente como unha “mentira repetida”.