Non houbo sorpresas. A Comisión de Persoal de Función Pública consumou este mércores a amortización de tres prazas no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI), o que implicará o despedimento dun dos dous proxeccionistas. Esta decisión, que contradí varias declaracións realizadas nas últimas semanas tanto por Anxo Lorenzo coma por deputados do PP en sede parlamentaria, afonda nos recortes de persoal que a Filmoteca galega vén sufrindo nos últimos anos, o que xa levou a unha degradación das súas actividades e dos servizos que presta.
De nada serviron as críticas lanzadas dende sindicatos, partidos da oposición (AGE e BNG) e por entidades profesionais do sector do audiovisual, que nos últimos meses alertaron de que o CGAI estaba a sufrir un proceso de "desmantelamento". Esa foi tamén a denuncia que protagonizou esta mañá a concentración convocada ás portas da EGAP á mesma hora que tiña lugar a Comisión de Persoal.
Cualifican de "inaceptable" que se utilice unha RPT para despedir unha persoa con contrato fixo, que consolidou a súa praza despois dunha longa batalla xudicial
O traballador afectado máis directamente e as centrais sindicais xa anunciaron que recorrerán xudicialmente esta decisión. Critican a supresión das dúas prazas que levan anos sen cubrirse, polo que significa de debilitamento da institución e do emprego público e, sobre todo, o despedimento deste proxeccionista, que realizaba un traballo imprescindible para o correcto funcionamento do centro, que deberá agora reducir as súas actividades. Ademais, chaman a atención sobre o feito, que cualifican de "inaceptable", de que se utilice unha RPT (relación de postos de traballo) para despedir a unha persoa con contrato fixo, que consolidou a súa praza despois dunha longa batalla xudicial que rematou cunha sentenza do TSXG.
Para a CIG, “o peor está por vir” xa que con estas novas amortizacións “quedará sen cubrir un servizo público tan básico como necesario, que ten como fin defender e velar pola defensa da cultura e do sector audiovisual galego”.
Críticas do sector
Ás críticas que xa este martes lanzara a CIG ao constatar que a RPT definitiva mantiña as tres amortizacións de prazas e o despedimento dun dos proxeccionistas, uniuse o sector do audiovisual ao completo, que lanzou un comunicado conxunto asinado polas principais asociacións profesionais. A Asociación de Actores e Intérpretes (AISGE), a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), a Asociación de Actrices e Actores de Galicia, a Asociación de Guionistas de Galicia, a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia, o Observatorio Audiovisual de Galicia e a Academia Galega do Audiovisual denunciaron "o desmantelamento do Centro Galego das Artes da Imaxe e o despedimento do seu persoal fixo que, na práctica fará o imposible o funcionamento da entidade como filmoteca de Galicia".
Para a CIG, “o peor está por vir” xa que con estas novas amortizacións “quedará sen cubrir un servizo público tan básico como necesario, que ten como fin defender e velar pola defensa da cultura e do sector audiovisual galego”
Estas entidades xa se pronunciaran hai uns meses, ao coñecerse os plans iniciais do Goberno galego. A través deste novo comunicado pedían "a retirada inmediata das amortizacións de prazas anunciadas pola Xunta de Galicia e a anulación dos despedimentos previstos segundo ese mesmo plano", subliñando que esas medidas "non están en concordancia co expresado en comparecencias públicas polas autoridades culturais galegas nas que se aseguraba que o todo o persoal continuaría nos seus postos de traballo". Estes grupos participaron na concentración realizada este mércores ante a sede da EGAP coincidindo coa mesa de persoal que certificou os recortes de persoal e teñen previsto levar a cabo novas mobilizacións a semana que vén.