A Asociación de Actores e Intérpretes (AISGE), a Asociación Galega de Produtoras Independentes (AGAPI), a Asociación de Actrices e Actores de Galicia, a Asociación Galega de Guionistas, a Asociación de Directores e Realizadores de Galicia, o Observatorio Audiovisual de Galicia e a Academia Galega do Audiovisual levarán a cabo o vindeiro mércores 13 ás 20 horas unha mobilización ás portas do Centro Galego das Artes da Imaxe (CGAI) para denunciar "o desmantelamento" da entidade e o despedimento do seu persoal fixo "que, na práctica, fará imposible cumprir cos traballos propios da Filmoteca, tanto nos labores de arquivo como nos de conservación e difusión da historia audiovisual de Galicia".
Denuncian "o desmantelamento" da entidade e o despedimento do seu persoal fixo "que, na práctica, fará imposible cumprir cos traballos propios da Filmoteca, tanto nos labores de arquivo como nos de conservación e difusión da historia audiovisual de Galicia"
Estes mesmos colectivos reiteran as análises e recomendacións realizadas o pasado mes nun comunicado conxunto, no que alertaban de que "corremos o risco de desatender a tarefa de restaurar, conservar, catalogar e manter como ben público a memoria visual -sempre fráxil- deste país". "E iso é grave. Sen memoria, apenas somos nada", engadían. Denunciaban os "poucos e minguantes" recursos que se destinan a que a filmoteca galega "cumpra co seu cometido". "É coma se alguén con poder decisorio considerase menor ou superfluo o traballo dunha filmoteca. Un erro fatal, froito ou da ignorancia ou da falta de autoestima. Nada tan destrutivo -e enganosamente silencioso- como a indiferenza, o desleixo, o abandono", concluían. O texto remataba esixindo "que unha entidade con tanta importancia e peso na nosa cultura sexa xestionada adecuadamente, dotándoa do persoal e medios necesarios para o seu óptimo funcionamento" e reivindicaba que "manter e facer medrar os recursos do CGAI deberan ser unha prioridade cultural deste país".