'As Bestas' lidera os finalistas aos Goya, con opcións para Tosar, Gutiérrez, Zahera e Anido e a animación galega

Luis Zahera nun fotograma do filme 'As Bestas', de Rodrigo Sorogoyen © Arcadia Motion Pictures

As Bestas suma 17 opcións de premio, dando aos galardóns un protagonismo galego que confirman as candidaturas para dous dous seus intérpretes, Luís Zahera e Diego Anido, que buscan o premio ao mellor actor de reparto

As Bestas, o filme de Rodrigo Sorogoyen inspirado no crime do "holandés de Petín" é o filme con máis finalistas aos Premios Goya, que se entregarán o vindeiro 11 de febreiro en Sevilla. A película suma 17 opcións de premio, dando aos galardóns un protagonismo galego que confirman as candidaturas para dous dous seus intérpretes, Luís Zahera e Diego Anido, que buscan o premio actor de reparto. Outros dous galegos, Luís Tosar e Javier Gutiérrez, optan ademais ao premio ao mellor actor protagonista por En los márgenes e Modelo 77.

A película de Sorogoyen terá que competir polo premio á mellor pelicula con Modelo 77 (16 finalistas), Alcarràs (11), Cinco lobitos (11) e La Maternal (3), nun ano excelente para o cine feito no Estado español, que se completa coa presenza nos Goya de filmes como La consagración de la primavera, Cerdita, Los renglones torcidos de Dios, En los márgenes, El agua, Un año, una noche ou Mantícora.

Luís Tosar, na presentación de 'En los márgenes' © Josune Ordóñez

Luís Tosar e Javier Gutiérrez, optan ademais ao premio ao mellor actor protagonista por En los márgenes e Modelo 77

Luís Tosar, Luís Zahera e Javier Gutiérrez xa saben o que é gañar un Goya. Tosar obtivo tres galardóns (Los lunes al sol, Te doy mis ojos e Celda 211) e foi finalista outras seis veces. Gutiérrez gañou dous (La isla mínima e El autor) e foi finalista noutras tres ocasións. Mentres, Zahera fíxose co premio con El Reino. Finalmente, para Diego Anido esta é a súa primeira nominación.

Carla Simón (Alcarràs), Rodrigo Sorogoyen (As bestas), Pilar Palomero (La maternal), Carlos Vermut (Mantícora), Alberto Rodríguez (Modelo 77) optan ao premio á mellor dirección. E Carlota Pereda (Cerdita), Alauda Ruiz de Azúa (Cinco lobitos), Elena López Riera (El agua), Juan Diego Botto (En los márgenes), Mikel Gurrea (Suro) ao premio á mellor dirección novel.

A película de Sorogoyen terá que competir polo premio á mellor pelicula con Modelo 77 (16 finalistas), Alcarràs (11), Cinco lobitos (11) e La Maternal (3)

En canto ás interpretacións protagonistas, Tosar e Gutiérrez competirán con Denis Ménochet (As bestas), Nacho Sánchez (Mantícora) e Miguel Herrán (Modelo 77). Marina Foïs (As bestas), Laia Costa (Cinco lobitos), Anna Casstillo (Girasoles silvestres), Bárbara Lennie (Los renglones torcidos de Dios) e Vicky Luengo (Suro) son finalistas como mellor actriz protagonista. Así mesmo, Luís Zahera e Diego Anido terán como rivais na categoría de mellor actor de reparto a Ramón Barea (Cinco lobitos), Fernando Tejero (Modelo 77) e Jesús Carroza (Modelo 77).

Javier Gutiérrez, á dereita, nunha escena de 'Modelo 77' © Modelo 77

Unicorn wars (Alberto Vázquez) opta ao premio de mellor longametraxe de animación. Sería o cuerto Goya para o coruñés

A presenza galega nos finalistas dos Goya complétase, como é habitual, cun gran protagonismo nas categorías de animación. Unicorn wars (Alberto Vázquez) opta ao premio de mellor longametraxe de animación. O coruñés suma xa tres premios Goya, grazas a Birdboy, Psiconautas, los niños olvidados e Decorado. Así mesmo, Os demos de barro, do director luso Nuno Beato, e con coprodución galega, tamén é finalista neste apartado

O compostelán Pedro Díaz, con “La entrega”, é finalista na categoría de mellor curtametraxe de ficción

Ademais, na categoría de mellor curtametraxe de animación é finalista Amanece la noche más larga, realizada polos vigueses Lorena Ares Lago e Carlos Fernández de Vigo sobre o relato de Ángel de la Cruz 'La muerte tenía un precio'.

Finalmente, o compostelán Pedro Díaz, con “La entrega”, é finalista na categoría de mellor curtametraxe de ficción. Nas categorías técnicas, Suevia Sampelayo (La piedad) é finalista no apartado de Vestiario e Nacho Díaz opta ao premio á mellor maquillaxe por Cerdita

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.