'As Bestas' arrasa na noite dos Goya na que Luís Zahera e Alberto Vázquez gañaron cadanseu premio para o cine galego

Luís Zahera recolle o seu Goya por 'As Bestas' © Premios Goya

Foi a gran noite de As Bestas. O filme dirixido por Rodrigo Sorogoyen inspirado no crime de Petín de Valdeorras do ano 2010 fíxose con nove premios, entre eles o de mellor película, mellor dirección, mellor guión e varios galardóns técnicos, ademais de mellor actor protagonista e de reparto. Polo tanto, foi tamén a gran noite de Luís Zahera, que obtivo deste xeito o seu segundo Goya, despois do que recibira en 2019 por El Reino.

No escenario o actor compostelán agradeceu ao director da película porque "sempre quixen rodar un western" e "sempre quixen matar un francés"

No escenario o actor compostelán agradeceu ao director da película porque "sempre quixen rodar un western" e "sempre quixen matar un francés", nacionalidade que no filme se escolleu para a vítima do crime. Podes volver ler aquí a homenaxe que hai uns anos lle rendeu Vinte a Zahera nesta ducia de personaxes interpretados polo actor, dende o Petróleo de Mareas Vivas  e o Aníbal de Matalobos ata o Releches de Cela 211 ou o Cabrera de El Reino.

O resto da noite foi unha sucesión de galardóns para As Bestas, coroada mellor película do ano pola crítica e tamén polo público á vista do éxito obtido nas salas comerciais

O resto da noite foi unha sucesión de galardóns para As Bestas, coroada mellor película do ano pola crítica e tamén polo público á vista do éxito obtido nas salas comerciais. Rodrigo Sorogoyen pechou o seu discurso de agradecemento do Goya á mellor dirección explicando que "os cabalos salvaxes que aparecen na película son de Sabucedo e a xente de Sabucedo ensinounos a amar a fauna e a flora dunha maneira que eu non vira nunca. Nese lugar están proxectando catro grandes parques eólicos xigantescos que son un prexuízo irreparable para a fauna e a flora. Todo o meu apoio para o pobo de Sabucedo e a defensa dos seus cabalos e dos seus montes", finalizando con "enerxía eólica si, pero non así"

O vigués Fran Araújo foi un dos autores do texto que Isaki Lacuesta converteu en Un año, una noche e que levou o premio o mellor guión adaptado

Quedou fóra dos premios a outra gran favorita, Alcarràs, mentres que Modelo 77 se fixo con cinco galardóns en categorías técnicas. A outra gran triunfadora foi Cinco Lobitos, con recoñecementos para a súa actriz protagonista, actriz de reparto e mellor dirección novel.

Quedaron sen premio os outros actores galegos finalistas -Luís Tosar, Javier Gutiérrez e Diego Anido- pero si houbo un galardón máis nas categorías de guión. O vigués Fran Araújo foi un dos autores do texto que Isaki Lacuesta converteu en Un año, una noche e que levou o premio o mellor guión adaptado

Tamén houbo premio para o cine galego na animación na que o noso país segue a ser unha potencia. Alberto Vázquez fíxose co galardón á mellor longametraxe de animación por Unicorn Wars e obtén deste xeito o seu cuarto Goya

Tamén houbo premio para o cine galego na animación na que o noso país segue a ser unha potencia. Alberto Vázquez fíxose co galardón á mellor longametraxe de animación por Unicorn Wars e obtén deste xeito o seu cuarto Goya, despois dos recibidos en anos anteriores porBirdboy, Psiconautas, los niños olvidados e Decorado.

O filme de Alberto Vázquez, realizado a partir da súa curta Sangre de unicornio, é un poderoso alegato antibelicista aínda que revestido dun traxe cuqui e que bebe ao tempo de Bambi e de Apocalypse Now. O premio foi recollido polos produtores Iván Miñambres, Nicolas Schmerkin e a ferrolá Chelo Loureiro, que despois dun "moitísimas grazas" en galego destacou que "para min é unha enorme honra levar hoxe este Goya sobre todo porque o cine de animación, que tamén é cine, merece esta resposta".

Pechou a súa intervención dicindo que "Unicorn wars é unha película feminista e anitibelicista. Quería dicilo hoxe que se fai dunha guerra que é necesario rematar, como todas as guerras", en referencia ao conflito aberto en Ucraína.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.