As empresas dedicadas á música, ao audiovisual e ao teatro, danza, espectáculos e actividades auxiliares das artes escénicas son as que máis incrementaron os seus ingresos en 2022, un ano no que a interacción co comercio exterior do sector cultural medrou máis de catro puntos
O 52,5% das entidades culturais galegas tivo un ano 2022 mellor ou moito mellor que o anterior. É a conclusión do Barómetro da cultura galega 2023, elaborado polo Observatorio da Cultura Galega, dependente do Consello da Cultura, no que se analiza a actividade cultural do último ano no noso país. Porén, as expectativas estaban moi altas e non se cumpriron: "Foi un bo ano, pero algo peor do agardado", recolle o informe, que sinala que "as entidades ás que lles foi mellor foron os museos e actividades relacionadas co patrimonio, o audiovisual, a música e a educación cultural".
Case a metade das empresas e organismos que compoñen a mostra de estudo (o 47,1%) aumentou os seus ingresos de forma superior ao ano 2021. "As que máis se beneficiaron desta situación foron as empresas dedicadas á música, ao audiovisual e ao teatro, danza, espectáculos e actividades auxiliares das artes escénicas", sinala o barómetro. Isto vai da man con que máis da metade (o 54,2%) incrementaron a súa carga de traballo durante o ano pasado.
Un terzo dos que participaron na sondaxe considera que as eivas máis destacadas da nosa cultura son "o escaso apoio institucional e a falta dunha política cultural axeitada"
As expectativas do sector cultural para 2022 estaban directamente relacionadas coa celebración do segundo ano Xacobeo consecutivo. O informe afirma que "a maioría das persoas consultadas considera que o Xacobeo non produciu en 2022 ningún impacto na súa entidade", con todo, "o 76,1% manifesta que tivo unha repercusión positiva ou moi positiva sobre o conxunto da cultura galega". "Esta aparente contradición –destacan nas conclusións do estudo– ten que ver con que, se ben o 48,6% das entidades está satisfeito co acontecido no Ano Santo, a porcentaxe das que non viron acadadas as súas expectativas ascende ao 39,6%".
Entre as críticas á celebración do Ano Santo, "o 9,3% sinala a existencia de masificación turística e dun turismo de mala calidade que non realiza gasto en cultura" e "o 7,2% di que na programación non se lle deu prioridade á cultura galega, senón máis ben a artistas foráneos". Un terzo dos que participaron na sondaxe (o 33,6%) considera que as eivas máis destacadas da nosa cultura son "o escaso apoio institucional e a falta dunha política cultural axeitada".
A solicitude de máis apoio institucional é bastante unánime á vista dos datos da enquisa, e especialmente frecuente entre os e as profesionais autónomas e mais as entidades sen ánimo de lucro. No balance positivo sobre o noso sistema cultural sete de cada dez sinalan "o talento e a creatividade" como principal fortaleza, seguido da "riqueza do patrimonio cultural galego" (61,7%) e "a calidade da produción cultural galega" (34,1%).
Se a quen lle foi mellor o ano pasado foi aos museos e ás actividades relacionadas co patrimonio, o audiovisual, a música e a educación cultural, o informe mostra que as bibliotecas e as entidades relacionadas co teatro, a danza, os espectáculos e as actividades auxiliares das artes escénicas se atopan nun termo medio. Por debaixo da media están a edición de libros e publicacións periódicas e mais as actividades das artes visuais (incluídas a arquitectura, a publicidade e o deseño).
A edición de libros e publicacións periódicas e mais as actividades das artes visuais (incluídas a arquitectura, a publicidade e o deseño) medraron por debaixo da media o ano pasado
Como en todos os sectores, o da cultura tamén padeceu o incremento xeral dos prezos: "O 49,5% das entidades experimentou un aumento dos seus custos laborais en 2022 e o 84,6% dos prezos dos aprovisionamentos, é dicir, das mercadorías e servizos necesarios para desenvolver a actividade". Uns efectos que repercutiron nos prezos dos produtos e servizos do 39,6% das consultadas, que se viron obrigadas a incrementalos.
No que se refire ao laboral, 2022 foi un ano "estable". "Malia que globalmente son máis as entidades que aumentaron o número de persoal empregado que as que o reduciron, o 68,9% experimentou unha situación de estabilidade, é dicir, nin aumentou nin minguou o cadro de persoal", explícase no barómetro.
"O 25,5% das empresas e entidades do sector cultural realizou durante 2022 algunha acción dirixida a incrementar a súa produción no mercado internacional"
Ademais, para máis da metade das organizacións (o 53%) resulta bastante ou moi difícil "atopar profesionais co perfil axeitado". As artes gráficas, a música e, en xeral, as entidades máis grandes son as que atopan maiores dificultades para contratar profesionais.
Máis de catro puntos medrou, pola súa banda, a internacionalización das nosas empresas e entidades culturais. "O 25,5% das empresas e entidades do sector cultural realizou durante 2022 algunha acción dirixida a incrementar a súa produción no mercado internacional", conclúe o informe. As que máis apostan por atraer público e clientela do estranxeiro son as relacionadas co audiovisual, a edición e o teatro, danza, espectáculos e actividades auxiliares das artes escénicas.