"Hai un pulso forte dentro do sector cultural galego que se demostrou coa pandemia", salienta Rosario Álvarez, a piques de ser ratificada como presidenta do Consello da Cultura Galega nun segundo mandato que celebrará o 40 aniversario da institución
Rosario Álvarez (Pontevedra, 1952) ten por diante outros catro anos á fronte do Consello da Cultura Galega como presidenta, un cargo ao que accedeu en 2018 converténdose na primeira muller en ostentalo. Este xoves, coa súa comparecencia no Parlamento despois da reelección dentro da propia institución o pasado 2 de xuño, quedan listos os pasos previos para que o Consello da Xunta a nomee de volta presidenta, circunstancia que será oficial coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG).
No camiño hai retos permanentes, como a ruptura coa fenda de idade e territorial no acceso á cultura, e novas esixencias, como a de pensar os contidos para seren consumidos desde a casa. Fica moito pendente polo efecto da pandemia da COVID-19, pero no Consello están "en marcha". No horizonte, o 40º aniversario da institución, creada ao abeiro do Estatuto de Autonomía. Unha boa oportunidade para lograr achegarse a máis persoas da sociedade galega.
Nestes catro anos como presidenta do Consello da Cultura Galega o sector viviu os momentos máis difíciles en décadas a causa da pandemia, con que queda vostede deste primeiro mandato?
Estes anos foron particularmente difíciles, pero nós tiñamos un programa que cumprir e cumprímolo. Dese programa ambicioso que tiñamos para estes catro anos practicamente só quedaron por facer algunhas actividades de acción exterior, que implicaban viaxes o estranxeiro, que non quedaron suprimidas se non aprazadas. De feito, algunhas delas están no programa para o vindeiro mandato.
O que si, no tempo da pandemia fixemos actividades complementarias relacionadas co noso labor de asesoría e de informes para testar a situación do sector. Tamén intensificamos a nosa actividade a través da rede, como maneira de non cancelar a cultura. Foi un esforzo grande, pero quédome con que o sector cultural e a rede humana á que nós podiamos apelar naquel momento reaccionou dunha maneira admirable cunha capacidade de traballo, de compromiso, de entrega, de non deixarse vencer pola pandemia que realmente é importante, destacando tamén o seu talento e creatividade. Hai un pulso forte dentro do sector cultural galego que se demostrou coa pandemia.
"O que se demostrou nestes anos é a nosa forza e ese talento, iso non se pode improvisar"
No último Barómetro da cultura galega saliéntase que o maior valor das persoas que conforman o sector cultural en Galicia son esa profesionalidade, talento e creatividade que destaca. Porén, o informe alerta da falta de apoio institucional e de orzamento.
Claro, hai culturas que non teñen esta capacidade humana. Pero nós temos unha ampla rede de persoas que cumpren distinto tipo de funcións dentro do ecosistema cultural. O que se demostrou nestes anos é a nosa forza e ese talento, iso non se pode improvisar. O que non temos son as condicións económicas para tirar cara adiante que serían desexables. Esa é unha febleza do sector, pero en parte depende da súa propia fortaleza como sector económico –que é un dos grandes sectores económicos de Galicia, non hai que esquecelo–; aínda que podería ser moito máis forte con máis recursos propios e co apoio que debera vir por parte das Administracións e da empresa privada.
Cando accedeu ao cargo en 2018 apostaba por rachar coa fenda xeracional e territorial no acceso á cultura galega, coa pandemia polo medio, avanzouse algo nesta liña?
Creo que si. Isto é un camiño longo para percorrer e incidir continuamente, e para cambiar tamén algunhas mentalidades. É un traballo lento que debe facer a sociedade no seu conxunto, pero neste tempo mostramos que hai vías para romper esas fendas. A cultura é un dereito para todos con independencia da idade que se ten, temos feito informes sobre a cultura para os meniños, tamén sobre a mocidade e as persoas maiores.
No referente ao territorio, insisto sempre en que non podemos afondar na fenda entre a Galicia que está colocada no eixo atlántico e o resto. Creo que se comparamos a cantidade de ocasións nas que agora se fala diso, con respecto a hai cinco anos, penso que a diferencia é bastante notable. Nós esforzámonos moito en facer actividades fóra do eixo atlántico, e non me refiro só a oriente e occidente. Aparte, temos a fenda entre rural e urbano, porque un pode ser rural e estar no eixo atlántico. Nós defendemos que todos temos dereito ao acceso e desfrute da cultura. Houbo novas iniciativas –non só nosas– que poñen o acento nas novas ruralidades e nas maneiras de acceder á cultura nas zonas rurais. Aquí, a pandemia, con todo o auxe do dixital, veunos mostrar un vía pola que transitar.
"Unha das tarefas pendentes que temos é facer ver por que naceu esta institución, a que se dedica e que tipo de conexión podemos establecer coa cidadanía"
Tamén facía referencia cando chegou á presidencia á necesidade de estreitar lazos co mundo lusófono, que sempre parece unha materia pendente en Galicia.
Nunca se estreitarán o bastante para gusto de todos, pero os lazos están practicamente desde a creación do Consello. O que pasa é que esta foi unha das cuestións que quedaron máis tocadas polo efecto da pandemia. Tiñamos toda unha serie de programas para desenvolver en Brasil e esperamos poder retomalos nos vindeiros meses. Igual que nós tiñamos pensado comezar a traballar con Cabo Verde, entre outros países do mundo lusófono, pero aínda non puido ser. Con todo, no medio non estivemos inactivos e mantemos a colaboración a través da Comunidade dos Países de Língua Portuguesa (CPLP).
O Consello traballa a pleno rendemento, de feito xa con actividades e encontros presenciais cada semana, cre que toda esa acción lle chega á cidadanía?
Chegar chega, o que pasa é que chega a unha parte. Pode haber moitos cidadáns que non saiban sequera que existimos, ou que non saiban distinguir entre o Consello da Cultura Galega e outras instancias públicas que forman parte do Goberno galego, porque nós non somos Goberno. Isto é unha realidade, pásalle ao Consello e practicamente a todas as institucións públicas. A cidadanía sabe o que é a Valedora do Pobo? Ou sabe o que é o Consello de Contas? Hai unha falta de presenza, para gran parte da cidadanía, das institucións con que se dotou á Autonomía. Aínda que levamos xa case 40 anos, o Consello da Cultura non deixa de ser unha institución nova, non existía nada previamente nin había outros referentes no conxunto de España. Unha das tarefas pendentes que temos é facer ver por que naceu esta institución, a que se dedica e que tipo de conexión podemos establecer coa cidadanía. Porén o traballo que facemos pinga a pinga chega, porque chega a moitos axentes do sector cultural, á Administración local ou ás academias, fundacións, etc., e de aí acaba chegando a máis cidadáns.
"En contra do que moita xente pensa, no Consello da Cultura hai un cambio continuado de membros"
Como se vai celebrar este 40 aniversario?
Está sen definir aínda porque falta conformar unha Comisión Executiva coa que decidir o que facer nos próximos catro anos. O que si temos falado é que non pretendemos facer unha celebración memorialística do que se fixo nestes 40 anos, se non centrarnos no que habería que facer nos 40 anos seguintes.
E pode avanzar como será esta nova Comisión Executiva?
Cambios haberá porque dúas das persoas que estaban ao principio xa non forman parte dela [Dolores Vilavedra e María Xosé Porteiro]. En contra do que moita xente pensa, no Consello da Cultura hai un cambio continuado de membros. Nos anos pares prodúcense cambios parciais e cada catro anos son os cambios máis profundos. Ninguén pode estar máis de dous mandatos, por iso quen chegou o máximo que podía estar deixou a Executiva nos meses de marzo e abril. Por iso agora estamos traballando cunha Executiva máis diminuída, pero agora, co nomeamento oficial, haberá que designar un novo equipo.
Neste tempo, o sitio web do Consello converteuse nun arquivo fundamental de consulta, agora van apostar por visibilizar o seu fondo fotográfico, de que maneira?
Creouse un Arquivo da emigración galega, un Arquivo sonoro de Galicia e o Centro de documentación sociolingüística de Galicia. Son arquivos enormes, con moitísimo potencial de crecemento, que xa neste momento son centros de referencia nos seus respectivos campos. Neste último mandato creamos ademais o Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos, que non parte de cero pois contamos con numerosa documentación e doazóns. Pero nós temos moito máis arquivo que o que se poida meter nestes catro contedores, e un dos grandes fondos que temos é o fotográfico. Eu puxen o exemplo do fotográfico porque é moi valioso, non o temos dispoñible para o público xeral de momento, pero estamos prestando documentos fotográficos continuamente.
A nosa páxina web é referente no mundo da Cultura, penso que poucas institucións poden presumir dunha web tan completa como a nosa, cunha riqueza, innovación e un abano temático tan importante. Pero levamos moitos anos traballando nisto, fomos pioneiros e iso nótase. Algo que tamén se notou cando comezou a pandemia, porque estabamos preparados para dar ese salto á vía dixital. Un salto que sabiamos que era necesario para chegar a novos públicos.
"Non renunciamos a dicir que non se está facendo a política lingüística adecuada porque non está producindo os efectos desexados"
Este ano tamén presentaron proxectos como ′Aquí medra a lingua′, cun enfoque en positivo sobre as experiencias en varios centros de ensino.
′Aquí medra a lingua′ é unha das actividades que xa foi pensada para consumir a distancia, por iso pensamos no formato audiovisual fronte aos encontros presenciais co profesorado e alumnado destes centros.
Nós facemos continuamente informes sobre a situación da lingua, e non renunciamos a facelos nin a dicir que non se está facendo a política lingüística adecuada porque non está producindo os efectos desexados. Igual que facemos informes e xornadas para dicir que non todo ten que recaer no ensino ou nas familias, é a propia sociedade quen ten que asumir que a normalización é unha tarefa de todos. Non renunciamos a sinalar os problemas, pero iso non nos debe levar a non ver parte da fortaleza da que falabamos ao principio. E é que a sociedade non está completamente entregada á catástrofe. Hai xente marabillosa que está facendo un traballo excepcional e ′Aquí medra a lingua′ saíu desde experiencias positivas dentro do ensino. Poderían ser tamén noutro ámbito para ver que hai experiencias das que se pode aprender, que poden ilusionarnos, que teñen as súas luces e as súas sombras, pero que teñen moitas luces.
"Xa lle presentamos ao presidente da Xunta –sendo aínda Feijóo– un informe sobre as características que debera ter un museo da emigración galega"
Hai poucos días presentaron un ambicioso proxecto para elaborar un informe sobre as necesidades do colectivo LGBTIQ+, que é pioneiro pois non temos nada semellante.
Será un informe sobre a situación de todas as persoas e colectivos que mostran algún tipo de diversidade sexual e de xénero. Adoptamos o modelo do foro para implicar a todos os actores que teñan algo que aportar sobre o asunto, tanto os que teñen a propia experiencia como persoas que pertencen a algún destes grupos, ou persoas que están no ámbito da investigación, do asociacionismo, da xestión pública, etc. Trátase de conxugar as distintas perspectivas, ver os intereses encontrados e as áreas de conflito, ata chegar a un informe que recolla toda esta variedade de opinións e experiencias.
Existe unha preocupación constante no Consello sobre o patrimonio da Galicia emigrante, estivo isto máis parado polo efecto do coronavirus?
Pois en parte si, case non se puido facer nada do que tiñamos pensado levar a cabo tanto en Europa como en América. Tiñamos que inaugurar o 12 de xuño do 2020 unha exposición marabillosa sobre Seoane en Bos Aires e a ver se a imos inaugurar para o mes que vén... Quen di iso, di outras cousas. Agora, non por iso deixamos de traballar. Xa lle presentamos ao presidente da Xunta –sendo aínda Feijóo– un informe sobre as características que debera ter un museo da emigración galega. Galicia necesita este museo como recoñecemento do labor que fixeron os emigrantes, do feito de que a emigración forma parte da nosa idiosincrasia e da nosa cultura, e como centro de documentación para recoller ese rico patrimonio que temos espallado polo mundo –sen necesidade de baleirar os centros que hai para traelo aquí, hai múltiples maneiras de recollelo–. Hai múltiples maneiras de recoller este patrimonio, que é algo que nós estamos facendo no noso arquivo, pero que debera ter como destino final un museo que Galicia lle debe á emigración.