Os XXIII Encontros para a normalización lingüística que organiza o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia debullaron os retos da transmisión xeracional do galego como lingua minorizada
O modelo clásico de transmisión lingüística entende que uns suxeitos –que adoitan estar nunha posición superior porque son adultos– transmiten a lingua a outros que son receptores pasivos –os nenos e nenas–. Hoxe esta visión está superada, pois é patente que os rapaces aprenden a lingua de moitísimos máis axentes e, sobre todo, a aprenden doutros nenos.
Esta concepción guiou a primeira campaña pública en defensa do idioma dun novísimo goberno galego, xa aprobado o Estatuto de Autonomía, dirixido por Xerardo Fernández Albor. Fálalle galego, con deseño e fotografía de Francisco Mantecón e Manuel Janeiro, chegou no ano 1984 mostrando a unha muller cun bebé no colo a través da fiestra dunha casa.
Nos XXIII Encontros para a normalización lingüística que organiza o Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, arquivo dependente do Consello da Cultura Galega, achegáronse propostas desde un punto de vista teórico e conceptual, desde a experiencia nas escolas e nas asociacións de nais e pais, e desde a ollada das persoas que están detrás dalgunhas das iniciativas para un lecer en galego.
″É un dereito ter ocio na lingua propia. Igual que se ten regulado no ensino, habería que facelo no deporte e nas actividades lúdicas", di Paula Kasares, do instituto navarro do euskera
A directora do servizo de planificación e promoción do euskera do Euskarabidea, o instituto navarro do euskera do Goberno de Navarra, Paula Kasares, considera que persiste unha ″visión estreita″ sobre a transmisión interxeracional das linguas que mantén o foco no concepto tradicional de familia, e que as políticas lingüísticas institucionais se centran nesa "transmisión vertical e unidireccional" da lingua dos adultos aos nenos e nenas, cando ″todo o eido do ocio e extraescolar debera ser estratéxico″.
″É un dereito ter ocio na lingua propia. Igual que se ten regulado no ensino, habería que facelo no deporte e nas actividades lúdicas polo fundamental que son na socialización dos cativos″, apunta, sen restarlle importancia ao rol familiar, "que é fundamental". Porén, explica que para que os nenos e nenas se integren na comunidade falante, como membros competentes e falantes seguros, as familias non poden ser as únicas implicadas. "Fai falta unha complicidade dos axentes sociais e, neste sentido, creo que estamos nunha transformación que nos leva a ver como todo está interconectado″, debulla Kasares.
"Enraizar o uso da lingua non hexemónica entre os rapaces e garantir esa esa continuidade xeracional é unha preocupación xeral", advirte a sociolingüista
Kasares expuxo a realidade do euskera en Navarra e asegurou que a preocupación que está detrás destes encontros no Consello da Cultura "é compartida por todas as comunidades con linguas minorizadas". ″Eu veño dunha comunidade lingüística na que a maioría das familias están formadas por non vasco falantes, e a lingua está a entrar nelas pola vía dos máis pequenos, que aprenden o euskera na escola. Penso que para o sistema galego tamén sería moi interesante integrar a estes nenos con pais castelán falantes".
Para Paula Kasares, doutora en Sociolingüística e profesora da Universidad Pública de Navarra, o que estratexicamente é importante é contar cunha nova xeración de falantes que teñan suficientes motivos como para elixir que a súa comunicación sexa en galego. "Enraizar o uso da lingua non hexemónica entre os rapaces e garantir esa transmisión, e esa continuidade xeracional, é unha preocupación xeral. Por iso é interesante coñecer as situacións de cada un para entender que é algo global, porque isto nos permite intercambiar sinerxías", asegura.
″Se un neno atopa no galego a raíz de moitas das súas vivencias que son importantes xerará un apego cara o galego", salienta Paula Kasares
Por iso, nos encontros baixo o lema Desde o berce: a transmisión interxeracional da lingua galega salientouse que o feito de conseguir que a lingua resulte atractiva é fundamental. "Os nenos non son receptores da lingua. Esa idea de que a lingua é un patrimonio linguistico que lles imos transmitir non nos leva moi lonxe. Os nenos son suxeitos e fan lingua, e escollen en función das súas experiencias", afirma a sociolinguista navarra.
″Se un neno atopa no galego a raíz de moitas das súas vivencias que son importantes, co que desfruta e co que o pasa ben, ese neno xerará un apego cara o galego. Pero se esquecemos que todo o que rodea ao neno contribúe á relación que establece coa lingua, e nos centramos só no que os pais e nais facemos con el, moitas veces o que nos atopamos é frustrante. Xa que pais e nais poden ser moi constantes e coherentes co uso do galego, e que despois os seus fillos falen en castelán″, argumenta Kasares.
"A min, como nena galego falante, sorprendíame que a xente difundise tanto aquela campaña porque o consideraba como normal", sinala Irimia Fernández sobre 'Fálalle galego'
É por isto que hai sete anos Irimia Fernández, que participou nas xornadas celebradas en Compostela xunto a outras creadoras galegas, creou Brazolinda, un proxecto de deseño e fabricación de xogos de mesa en galego. "No ocio é cando estamos máis receptivos e relaxados", explica, "polo que eu noto moito que cando os nenos castelán falantes se poñen a xogar cos nosos xogos falan en galego, e ao mellor é todo o galego que falan na semana, pero están facendo eses esforzo; así que para min esa pinguiña é moito porque doutra maneira non terían contacto co idioma".
Irimia Fernández lembra ben a campaña de Fálalle galego, pois formou parte da súa infancia: "Cando o teu entorno é galego falante, pensas 'fálalle galego', claro, por que non? Para min de pequeniña era o máis normal do mundo: unha nai falándolle en galego a un fillo. Logo xa vin que non. Na escola eramos sete e xa bastantes eramos porque a día de hoxe, na clase dos meus fillos, non hai ningún outro galego falante, ou ao mellor hai un. A min, como nena galego falante, sorprendíame que a xente difundise tanto aquela campaña porque o consideraba como normal".
"Se nos diriximos só aos galego falantes pasa como nun mitin, que só chegamos aos xa convencidos", asegura Irimia Fernández
Fernández si que vería necesaria unha campaña institucional a prol do galego hoxe. "Semella que imos cara a atrás e non sei por que", lamenta. "É certo que eu teño a sensación de que hai moitísimo galego, porque me rodeo del, pero cando das un pasiño cara a atrás e o ves dende fóra xa te decatas de que non é así", explica.
A responsable de Brazolinda asegura que non fai xogos para galego falantes porque considera que "tan importante é que os que falan galego teñan material para xogar na súa lingua, como que castelán falantes poidan ter contacto co galego". "Se nos diriximos só aos galego falantes pasa como nun mitin, que só chegamos aos xa convencidos. Tes que falar cara aos outros, dunha maneira amable, e darlles a oportunidade de entrar en contacto con iso", propón.
Nesta liña, o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, avanzou na inauguración do encontro, xunto á presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, e o director do Centro de Documentación Sociolingüística de Galicia, Xusto A. Rodríguez, a posta en marcha dunha nova iniciativa "para o fomento do emprego do galego nas familias" por parte da Xunta. García mostrouse "consciente da importancia da transmisión interxeracional da lingua propia" e explicou que este proxecto porá o foco nos contornos urbanos e periurbanos, e se desenvolverá no vindeiro ano.