O sector da cultura estivo entre os máis afectados pola crise xerada pola pandemia de COVID, ao igual que outros ámbitos do sector servizos. Entre os principais prexudicados estiveron as empresas e persoal dedicados á organización de espectáculos, e en xeral as artes escénicas e musicais, que só agora comezan a regresar a unha certa normalidade, que aínda fica moi lonxe.
O Observatorio subliña que “a actividade das empresas culturais galegas segue avanzando cara á recuperación”, con "indicios claros", como que o 82,3% das empresas do sector ten todo o seu cadro de persoal activo
O Observatorio da Cultura Galega, dependente do Consello da Cultura Galega, analiza de forma periódico a situación do sector no noso país. En xuño do pasado ano 2020 publicou un primeiro barómetro, que puxo cifras á grave crise que se vivía nese momento, coa actividade pública case paralizada e outros ámbitos -editorial, audiovisual, librarías...- tamén sufrindo os efectos da pandemia. O pasado mes de xaneiro o Observatorio publicou unha segunda entrega do seu barómetro e agora chega a terceira, que comeza a amosar unha certa recuperación no sector, aínda que con matices e con algúns ámbitos (artes escénicas, espectáculos, música e salas de concertos...) aínda moi por debaixo da súa actividade habitual.
Con todo, o 75,7% das empresas enquisadas segue a facturar menos que en 2019 e un terzo delas (o 27%) detalla perdas de máis do 50% con respecto a aquel ano
O Observatorio subliña que “a actividade das empresas culturais galegas segue avanzando cara á recuperación”, con "indicios claros", como que o 82,3% das empresas do sector ten todo o seu cadro de persoal activo e que "cada vez son máis as que desenvolven unha actividade normal". En concreto, o 66% das empresas do sector, un 12% máis que en xaneiro, ten xa unha actividade normal. Con todo, isto apunta igualmente a que un terzo das empresas aínda funciona con "anormalidade" ou directamente non ten actividade ningunha. Ademais, os ERTE pasan de aplicarse no 38,6% das empresas a estar presenten no 12,7% das compañías.
O documento detalla tamén indicios de recuperación nas cifras de facturación das empresas. Así, nos últimos 12 meses reduciuse do 37,6% ao 9% a porcentaxe de empresas que experimentaron caídas de máis do 75% respecto das cifras de 2019. Igualmente, mentres que hai un ano só un 5,6% das empresas afirmaban que non viran afectada a súa facturación, esa porcentaxe é agora do 19%. En calquera caso, a volta á normalidade semella aínda lonxe. O 75,7% das empresas enquisadas segue a facturar menos que en 2019 e un terzo delas (o 27%) detalla perdas de máis do 50% con respecto a aquel ano.
Máis da metade das empresas de artes escénicas rexistraron caídas na súa facturación superiores ao 50%, porcentaxe que non pasa do 15,9% no sector dos libros e a prensa ou do 22,2% no das artes visuais
A situación cambia ao analizar unicamente as empresas do sector das artes escénicas e musicais. Neste caso, o 20% das compañías aínda non presentan actividade ningunha. De igual xeito, máis da metade destas empresas rexistraron caídas na súa facturación superiores ao 50%, porcentaxe que non pasa do 15,9% no sector dos libros e a prensa ou do 22,2% no das artes visuais. Así mesmo, dende o mes de marzo de 2020 o 15,3% das empresas da cultura galega tivo que prescindir de traballadores e traballadoras nalgún momento e un 12% das compañías teñen na actualidade menos persoal que hai ano e medio. A maior destrución de emprego segue a producirse nas empresas das artes escénicas.
A ámbito das artes escénicas é o menos optimista (só o 46% estima que estarán igual ou mellor que antes da pandemia). Esta porcentaxe acada o 62,2% entre as empresas do audiovisual e rolda o 56% nas de libros e prensa e nas artes visuais
O 64,4% das empresas enquisadas solicitou algunha das axudas públicas e chegou a percibilas máis da metade do total da mostra (53,7%). A un 8,7% fóronlle denegadas e un 2% segue á espera da resolución. Estas axudas son consideradas como moi ou bastante positivas polo 66,7% das empresas do sector e entre as empresas que recibiron algunha das axudas, as valoracións positivas acadan o 82,6%.
Aínda que as respostas pesimistas sobre as expectativas para o seu negocio a finais deste ano seguen a ser as máis frecuentes (un 38% augura unha peor situación a finais deste ano que antes da crise), cómpre sinalar que esta porcentaxe é 6,3 puntos inferior á recollida en xaneiro e 20,4 puntos con relación á rexistrada hai un ano con respecto a finais de 2020. A ámbito das artes escénicas é o menos optimista (só o 46% estima que estarán igual ou mellor que antes da pandemia). Esta porcentaxe acada o 62,2% entre as empresas do audiovisual e rolda o 56% nas de libros e prensa e nas artes visuais.