"Cando se crea o Seminario de Estudos Galegos, a Universidade non atendía á realidade do país"

Campaña do Seminario de Estudos Galegos para o estudo das Terras de Deza. A fotografía tomouse diante da casa de Ramón María Aller en Lalín en Xuño de 1934 Dominio Público Praza Pública

O 12 de outubro de 1923 un grupo de estudantes da Universidade de Santiago realiza unha peregrinación entre Compostela e Ortoño (Ames), seguindo as pegadas de Rosalía. Este acto simbólico supón o nacemento do Seminario de Estudos Galegos (SEG), que se constitúe oficialmente o 21 de outubro na casa do catedrático Armando Cotarelo Valledor, momento no que se une boa parte da intelectualidade galega que xiraba ao redor do Grupo Nós. 

Neste outono celebrarase o centenario da creación do SEG, un dos grandes proxectos culturais e científicos do galeguismo nos anos 20 e 30 do pasado século, unha iniciativa que buscaba "rescatar a cultura galega", afondar na investigación e na formación e afianzar a difusión

Neste outono, polo tanto, celebrarase o centenario da creación do SEG, un dos grandes proxectos culturais e científicos do galeguismo nos anos 20 e 30 do pasado século, unha iniciativa que buscaba "rescatar a cultura galega", afondar na investigación e na formación e afianzar a difusión. O 10 e 11 de outubro, coincidindo coa celebración dos cen anos da constitución do Seminario de Estudos Galegos, o Consello da Cultura Galega acollerá o Congreso do Centenario do SEG, que analizará a importancia do SEG no seu momento, as súas vicisitudes históricas, o impacto na cultura de Galicia do século XX e a vixencia do seu legado.

Ademais, dende o pasado mes de xullo e ata os primeiros días de xaneiro pódese visitar na Cidade da Cultura a exposición Luz na terra. O Seminario de Estudos Galegos, unha institución de alta cultura, unha mostra comisariada por Ramón Villares, que afonda na traxectoria desta institución "determinante na construción da identidade galega e grande impulsora da modernización cultural e científica de Galicia" e que quere ser tamén "unha posta en valor dunha obra colectiva que impulsou a proxección exterior da nosa cultura".

Falamos con Miguel Anxo Seixas Seoane, presidente da Fundación Castelao e responsable, xunto con Alfonso Mato, da documentación da mostra. Seixas Seoane realizou tamén o texto introdutorio da web dedicada polo CCG ao centenario do Seminario de Estudos Galegos.

Miguel Anxo Seixas Seoane © Xurxo Lobato

"A maior parte das iniciativas previas foran máis de carácter individual. Houbo un labor moi importante, pero de carácter illado. O primeiro labor de equipo nace realmente coa Real Academia Galega e, sobre todo, co Seminario"

Nese texto cualificas o integrantes do SEG como "innovadores dunha tradición" de estudo de Galicia. A posta en marcha do Seminario buscaba afondar no coñecemento do país nun momento no que había unha carencia de esforzos colectivos e de institucións deste tipo. En que contexto nace o SEG?

Neses anos Galicia non tiña ningunha institución propia, agás a Real Academia Galega, que se crea en 1906, para velar pola lingua e a cultura galegas, ou a Real Sociedade Económica de Amigos del País de Santiago, moi anterior, que se dedicaba a investigar ou a facer estudos económicos sobre o mundo mariñeiro ou agrogandeiro. 

Estaban tamén as chamadas comisións provinciais de monumentos, que é un organismo que crea o Estado coa implicación das Deputacións para velar pola integridade dun patrimonio que estaba en risco de desaparición, especialmente o que fora exclaustrado co peche de conventos tras a desamortización. 

Porén, a maior parte das iniciativas previas foran máis de carácter individual: Murguía, Verea y Aguiar, Lence-Santar, Rosalía, José Villlamil e Castro, Marcial Valladares ou de moitos outros eruditos locais que facían un estudo ou elaboraban unha gramática. Houbo un labor moi importante, pero de carácter illado. O primeiro labor de equipo nace realmente coa Real Academia Galega e, sobre todo, co Seminario.

"A universidade non atendía á realidade galega. Eran profesores que impartían coñecementos para formar a un grupo de funcionarios que se colocasen en distintos postos da administración, pero vivía de costas á realidade do país"

Os mozos que impulsan o Seminario sentían que nese momento a Universidade de Santiago non permitía afondar no coñecemento sobre o país?

A universidade non atendía á realidade galega. Eran profesores que impartían coñecementos para formar a un grupo de funcionarios que se colocasen en distintos postos da administración, pero vivía de costas á realidade do país. Un pouco antes de 1923 veu a Santiago Cotarelo Valledor, un profesor innovador procedente da rexión de fala e cultura galega en Asturias. E, ao tempo, créase na universidade a Sección de Historia. Entón estes rapaces, que estaban estudando maioritariamente Dereito, son conscientes de que a realidade galega non estaba a ser estudada e falan con Cotarelo. E Cotarelo dilles: “Hai que facer un Seminario. Temos que ver cantos castros hai, cantas igrexas, facer fichas, catalogar, mirar o que está sen investigar...”. Ten moita importancia tamén o papel dun catalán, Lluis Pericot, que é arqueólogo e que nese momento estaba na Universidade de Santiago, e que incide na importancia do rigor científico no traballo. 

Un día de outubro estes nove rapaces fan esa peregrinación ata a primeira casa de Rosalía, en Ortoño, e comezan a traballar. O obxectivo era continuar co labor que illadamente fixeran os devanceiros, pero xa con máis rigorosidade e máis cobiza e, coma sempre, con poucos cartos.

"Había socios protectores, que axudaban cunha determinada cantidade de diñeiro que daban cada ano ou achegas moi importantes que chegaban dende a emigración. Así mesmo, o Seminario pedía algunha axuda nas deputacións. Iso si, sempre tiveron máis axuda da sociedade civil que das institucións"

Como se financiou, ao longo dos anos, o Seminario? Como obtiña recursos para a súa actividade?

Pois, en primeiro lugar, para entrar no Seminario cada persoa tiña que facer un discurso de ingreso sobre un tema; se eran creadores, entregaban un texto inédito ou unha pintura, se eran artistas plásticos. Estes materiais ían compoñendo un museo, que tamén ía recibindo outras doazóns. Ademais disto, había socios protectores, que axudaban cunha determinada cantidade de diñeiro que daban cada ano. Aí estaba, por exemplo, o apoio de Portela Valladares, ou as achegas moi importantes que chegaban dende a emigración, dende Bos Aires, Montevideo ou Cuba. 

Así mesmo, o Seminario pedía algunha axuda nas deputacións, que algunha lle daba algo, tamén a algún concello... Iso si, sempre tiveron máis axuda da sociedade civil que das institucións. Contaban, sobre todo nos últimos anos, con algúns recursos, pero nada comparable ao Seminario de Estudos Cataláns, que contaba con moitísimo máis financiamento.

"O SEG captaba talento e poñíao en conxunto e estaba moi atento ás persoas que sabían moito dunha determinada cuestión para integrala"

O Seminario destaca, entres outros aspectos pola multidisciplinariedade, non só na creación dun gran número de seccións diversas, senón polo traballo colectivo que levaban a cabo os seus integrantes...

É un Seminario formado por xente universitaria, case sempre con dúas carreiras, formada habitualmente en Dereito e Filosofía e Letras e que, despois, tiñan outros intereses ou aptitudes: os que era debuxantes achegaban iso, os que estudaban Xeografía aproveitaban os seus coñecementos neste campo, os que sabían de Ciencia ou Química, como Isidro Parga Pondal ou Luís Iglesias, afondaban neses ámbitos. O SEG captaba todo ese talento e poñíao en conxunto e estaba moi atento ás persoas que sabían moito dunha determinada cuestión para integrala.

A mostra 'Luz na Terra' pode verse no Gaiás ata o vindeiro 7 de xaneiro © Cidade da Cultura

"O primeiro que tes que facer para inventariar e catalogar un país é pisalo. Aí o precedente máis grande que temos é Domingos Fontán"

Unha das iniciativas máis interesantes do SEG foron as xeiras, ou campañas de campo, nas que se desprazaban durante varios días a unha comarca galega para investigar distintas cuestións, cada un no seu ámbito de especialización. Eran unha mostra da importancia que emprestaban ao coñecemento práctico, a pisar o terreo?

O primeiro que tes que facer para inventariar e catalogar un país é pisalo. Aí o precedente máis grande que temos é Domingos Fontán, que é un home que fai un labor prodixioso. Durante anos percorre Galicia de campanario en campanario e de alto en alto e co seu sistema de medición fai o primeiro mapa rigoroso de Galicia. E, anteriormente, outro referente é o Padre Sarmiento, que foi o gran compilador da cultura galega, sobre todo da cultura popular. 

Hai unha serie de persoas que historicamente levaron a cabo o labor de recoller unha cultura que non tiña valedores. Pero unha cousa é que isto se faga illadamente e outra é que ti programes o estudo dun determinado lugar, que isto se faga de forma colectiva e multidisciplinar. E, ademais, que todo isto despois se plasme nun libro, como foi o da Terra de Melide. Posteriormente ías saír outros, dedicado a Deza e Fisterra. Era un labor que supuña conectar coa terra e pisar o país.

"A partir de 1931 comezan a recibir axudas de Madrid. A República, á que lle interesaba difundir a cultura, crear escolas, axuda un pouco"

Entendo que os comezos do SEG foron difíciles, porque sempre custa poñer en marcha iniciativas deste tipo e, ademais, no contexto da ditadura de Primo de Rivera. As cousas melloraron a partir de 1931 coa proclamación da Segunda República?

Un pouco mellor si que estaban, porque a partir de 1931 comezan a recibir axudas de Madrid. Hai, por exemplo, unha carta que lle mandan a Castelao na que lle piden que interfira no Ministerio para que axude o Seminario. A República, á que lle interesaba difundir a cultura, crear escolas, axuda un pouco. Hai que ter en conta, en todo caso, o impacto que tivo o crack do 29 na situación económica da Segunda República e tamén nas achegas que facían os emigrantes, que diminúen.

Integrantes do Seminario de Estudos Galegos en 1928, nas Ruínas de San Domingos de Pontevedra Dominio Público Fundacion Otero Pedrayo

"A derrota mediante as armas da democracia e da República é máis dramática do que pensamos. Porque acabou con toda esta sociedade que estaba espertando. Todo isto que asustou tanto á Igrexa, aos privilexiados e aos poderes tradicionais. E o peor non é que estes sectores gañaran, senón que gañaron durante moitísimo tempo, case 40 anos"

O Golpe de Estado de 1936 acaba co Seminario como acabou con tantas outras cousas. Non se pode saber que tería conseguido facer esta institución de ter continuado a República, pero o seu remate coutou o desenvolvemento dunha actividade moi vizosa, non si?

A derrota mediante as armas da democracia e da República é máis dramática do que pensamos. Porque acabou con toda esta sociedade que estaba espertando, moderna, progresista, na que xa votaban as mulleres e na que as mulleres xa estaban a chegar ás universidades. Todo isto que asustou tanto á Igrexa, aos privilexiados e aos poderes tradicionais. E o peor non é que estes sectores gañaran, senón que gañaron durante moitísimo tempo, case 40 anos. Eliminaron o coñecemento nas universidades, purgaron, encerraron ou mataron os profesores, devolveron as mulleres á casa..., é atroz. Pero o máis terrible é o que se perdeu cara adiante, nas décadas e nas xeracións seguintes.

Membros do Seminario de Estudos Galegos durante unha xornada de traballo interdisciplinar na comarca do Deza nos anos 30 © CCG

"É importante que se coñeza e se recoñeza o que fixo o SEG, porque toda a sociedade galega actual somos fillos do Seminario"

Dá a impresión de que o Seminario de Estudos Galegos é, entre os grandes proxectos e iniciativas do galeguismo nas primeiras décadas do século XX, o máis descoñecido e falto de recoñecemento. A celebración deste centenario é un bo momento para poñer en valor a súa actividade? 

Existe unha tradición galega de conmemoración de feitos ou fitos da historia. Temos unha cultura da efeméride ao abeiro da cal se publican estudos e obras e se fan homenaxes. Aproveitando iso, e dan man das universidades, de institucións culturais e do poder galego e dos medios de comunicación, prodúcese un maior recoñecemento destes feitos, outra cousa é se isto é abondo. É certo que nestes procesos probablemente temos un exceso de libros que non sempre se acompaña da difusión de obras audiovisuais e, en xeral, dunha maior divulgación. 

Creo que temos a parte intelectual e moitas veces fáltanos a parte divulgativa. O que nos segue faltando na cultura galega é ese achegamento á cidadanía -a través de soportes diversos- do labor que fixeron esas persoas. Os intelectuais coñecemos as datas e os fitos, e en cambio na cidadanía hai un gran descoñecemento. E é importante que se coñeza e se recoñeza o que fixo o SEG, porque toda a sociedade galega actual somos fillos do Seminario.

O SEG contou nos seus 13 anos de actividade con catro presidentes: Armando Cotarelo Valledor (ata 1925), Salvador Cabeza de León, Luís Iglesias Iglesias e, xa en 1936, Ramón Otero Pedrayo ©

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.