'Dores', o documental que deita luz sobre a escuridade dos campos de concentración franquista en Galicia

Cartel de 'Dores', curtametraxe documental sobre os campos de concentración franquistas en Galicia © Dores

Coral, Maite, Laura e Clara son catro compañeiras que veñen de graduarse en Comunicación Audiovisual na Universidade de Santiago (USC). Xuntas realizaron o seu Traballo de Fin de Grao (TFG), unha curtametraxe documental sobre a represión e os campos de concentración franquistas en Galicia que foi xa seleccionada polo festival DocsBarcelona, o que posibilitou a súa estrea no portal Filmin, e polo Festival de Cine Incorto. 

Dores, a curta dirixida pola arousá Coral Piñeiro, preséntase como resposta a "unha necesidade moi clara: loitar contra o esquecemento do acontecido durante a ditadura de Franco e as consecuencias aínda presentes hoxe en día". E faino da man de catro mulleres que naceron máis de vinte anos despois da morte do ditador. 

Coral, Maite, Laura e Clara descubriron pola prensa que en Galicia houbera campos de concentración e decidiron "achegar máis información e ir tirando do fío"

"Pensando en facer o TFG, demos con referencias en prensa aos campos de concentración do franquismo en Galicia... Malia que estamos interesadas na Historia e na política, non tiñamos idea daquilo, e comprobamos que había moita xente que tampouco sabía nada do tema, así que pensamos que sería bonito achegar máis información e ir tirando do fío", explica Maite Martínez, encargada da produción da curta. 

Na peza, recóllense as historias de catro persoas que, dun xeito ou outro, foron testemuñas das consecuencias da represión franquista en Galicia, e visítanse as localizacións de campos de concentración dos que nin elas --nin tanta xente-- tiña moita idea. Betanzos, Cedeira, Padrón, Muros, Ferrol, A Pobra, Rianxo, Santiago, Leiro, A Guarda e Oia. Ata once foron os implantados en Galicia polo réxime fascista

"No Bacharelato estudamos o franquismo a final de curso, de maneira moi rápida e contado todo dunha maneira moi velada... Non sabíamos nin que existiran aqueles campos de concentración, pero o sorprendente foi que traballando na curta comprobamos que mesmo nos lugares onde se localizaran había un enorme descoñecemento", conta Laura Piñeiro, autora do guion xunto ás súas compañeiras.

"Da sorpresa e da desinformación naceu o noso interese por saber máis, por achegar algo de luz sobre a represión en Galicia e aqueles campos" 

"Desta sorpresa e desta desinformación naceu tamén o noso interese por saber máis; a falta de datos sobre a historia da represión en Galicia ou sobre aqueles campos é unha lacra e nós quixemos achegar algo de luz", engade Maite, que advirte das completas investigacións que desde hai anos levan a cabo historiadores pero tamén da importancia de que unha curta como Dores "sirva tamén para que a historia chegue non só á xente interesada ou estudada na Memoria Histórica, senón á xente do cotiá, a calquera que, mesmo vivindo ao carón dun antigo campo de concentración, nunca soubo nada del". 

Clara Miñán, Maite Martínez e as irmáns Piñeiro, guionistas de 'Dores' CC-BY-SA Praza Pública / Cedida

Malia que todas coinciden en que o traballo foi "moi agradecido" e que historiadores e investigadores valoraron que "xente tan nova" se interesase polo tema, unha anécdota na busca de localizacións reforzounas na súa tese sobre a escuridade arredor daquela represión. 

"Hai un descoñecemento xeral sobre a represión porque houbo moito esforzo por deixar todo atrás, por non falar daquilo nin abrir debate"

"Buscando a antiga fábrica de salazón que en Muros servira como campo de concentración, nunha das casas máis achegadas a señora teimaba en dicirnos que alí non pasara nada e que só se clasificaban presos... A rapaza nova que tiña ao lado non sabía nada sobre o que se estabamos a falar", explica Clara Miñán. 

"Hai un descoñecemento xeral porque houbo moito esforzo por deixar todo atrás, por non falar daquilo nin abrir debate, pero mesmo entre xente do noso tempo se esperta o interese en canto vas descubrindo cousas", insiste Clara. "É fundamental que existan pezas audiovisuais que falen destes temas", engade Laura, que destaca a conversa entre o sobriño dun paseado e a sobriña dun represor que inclúe Dores

Seleccionada xa a curta documental en dous festivais e dispoñible en Filmin ata o vindeiro domingo, as súa realizadoras celebran a "boa acollida" que está a ter. "Sobre todo entre a xente das localidades que visitamos e onde non se tiña moita idea do que alí acontecera", aclaran. 

Agora, están a inscribir tamén Dores en moitos máis certames e procurando financiamento para crear unha unidade didáctica coa que o alumnado poida afondar naquelas historias. No futuro, gustaríalles levala aos concellos e insistir en deitar luz sobre un pasado escuro. "Queremos poñer o debate na mesa", conclúen. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.