Tres bandas, un premio e un serán de música para manter acesa a memoria de Narf

Representantes das bandas finalistas do Premio Narf 2024, con Natividade González, deputada de Cultura da Deputación da Coruña, este 16 de outubro ante o pub compostelán Modus Vivendi © Deputación da Coruña

Fran Pérez, Narf, faleceu en 2016. Deixou tras de si unha manchea de amizades que o lembran acotío e un mundo de músicas que manteñen acesa a súa memoria. A esa viveza contribúe tamén o Premio Narf da Deputación da Coruña, concibido para promocionar bandas e artistas e por cuxo palmarés xa pasaron varios dos nomes clave da escena galega, tales como Familia Camagno, Bala ou Caldo, entre outras.

Neste 2024 as finalistas do Premio Narf son Carabela, Gloria Pavía e Rafa Morales e mais CintAdhesiva. Cada unha delas actuará durante 15 minutos o vindeiro sábado 19 de outubro (20:00) no auditorio Abanca de Santiago. Alí terán a oportunidade final para convencer o xurado composto por Martiño Suárez, Faia Díaz, Teresa Cuíñas, Noel Feáns e Rodri Míguez.

Presentación da final do Premio Narf, este mércores no pub compostelán Modus Vivendi © Deputación da Coruña

Na gala, presentada polo xornalista Luís Pardo, os De Ninghures achegarán o seu folk para amenizar a deliberación mentres Xavier Belho está aos mandos dos efectos visuais. "Un ano máis, será un esapzo para gozar, para lembrar a Fran Pérez, pero sobre todo para reflexionar sobre o papel da música como forma de expresión identitaria e conexión entre culturas", sinala Natividade González, deputada de Cultura da Deputación coruñesa.

Carabela, Gloria Pavía e Rafa Morales e mais CintAdhesiva participan este sábado en Santiago na final do Premio Narf da Deputación da Coruña cos De Ninghures como convidados

O certame, agregou González na presentación da final, tamén pretende "recoñecer a excelencia na música e na creación artística dentro do panorama galego". E cos premios (de 4.000 euros para a banda gañadora, 2.000 para a segunda clasificada e 1.500, para a terceira), contribuír "á proxección dos artistas". A reponsable da institución provincial estivo acompañada na presentación da final, no pub compostelán Modus Vivendi -un dos lugares habituais das músicas de Narf- por representantes das tres bandas. 

Carabela, dende Noia, é "unha proposta construída con solidez, que atende o traballo vocal e tamén a melodía, cunha deriva electrónica delicada e sofisticada", di o xurado. Os composteláns Gloria Pavía e Rafa Morales utilizan "elementos moi escollidos que fan lucir a estrutura das cancións de autora", subliñan, e CintAdhesiva, composto pola poeta Silvia Penas e o músico Jesús Andrés Tejada, é "unha proposta arriscada, que combina con destreza as partes melódicas e as recitadas con bases electrónicas escuras".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.