“Non estariamos, ata o de agora, construíndo paraísos equivocados e conceptos de amor errados?”

Jesús Andrés Tejada e Silvia Penas presentando 'Fronteira Paraíso' © Andrea Costas

‘Fronteira Paraíso’ é a liminaridade. Os límites que se rebasan con nós mentres asistimos, quizais, inmóbiles. É o pasado. E a memoria. Ou os conceptos -coma o amor- que, talvez, construímos de xeito equivocado. É tamén un camiño. En parte fuxida. Que podería levar ao empoderamento. E que implica, por iso, o nomeable. O pronunciable. ‘Fronteira Paraíso’ é á vez un libro de Silvia Penas e un disco de Cintadhesiva, o proxecto poético-performativo-musical que comparte esta poeta con Jesús Andrés Tejada. Mais de pouco vale seguir tentando precisar definicións. Porque será algo diferente para cada persoa que a el se achegue. Polo momento, falamos con Silvia Penas para que nos dea algunhas pistas. 

'Fronteira Paraíso' é un libro e tamén un disco (que pode escoitarse en bandcamp). Que veu primeiro? Como foi o proceso de crear un a partir do outro?

“Creo que son os textos con máis versións que fixen e farei na miña vida, ou iso espero”

Primeiro foron os poemas, este é un poemario que escribín hai tres anos aproximadamente e que foi sufrindo moitas variacións nese tempo. Creo que son os textos con máis versións que fixen e farei na miña vida, ou iso espero, xa que é moi laborioso e, por veces, mesmo angustioso estar buscándolle as voltas ao verso. Despois algúns deses textos parecéronnos interesantes para levar ao terreo de Cintaadhesiva, porque conteñen certos ingredientes que encaixan: son directos, propoñen moitas imaxes visuais para os posibles vídeos e a atmosfera onírica tamén se corresponde co estilo musical que Jesús consegue nas súas composicións.

En cada un dos cinco temas do disco xúntanse varios poemas. Non hai coincidencia exacta co libro. Por que?

“Gústanos a idea de que sexa distinto o que se le no libro e o que se escoita no disco”

Non hai coincidencia exacta por varios motivos: o primeiro, pola cuestión práctica da lonxitude: Jesús adoita compoñer temas moito máis longos do que os meus textos poden soportar por si sós. Non é a primeira vez que unimos varios poemas nun só tema musical. O segundo motivo, porque eu mesma tiña trazadas liñas de poemas. Creo que podería resumir o libro en tres poemas longos subdivididos e aproveitei esas subdivisións para xuntalas nunha pista de audio. Outro motivo moi sinxelo, pero non menos importante, é que nos gusta a idea de que sexa distinto o que se le no libro e o que se escoita no disco. Distribuílo doutra maneira é un xeito tamén de diferenciar libro e disco.

Tedes algunha colaboración. Podes nomear os colaboradores e explicar un pouco por que están?

“É moito máis divertido, enriquecedor e interesante facer as cousas en colectivo"

Temos colaboracións si, sobre todo en ‘Fronteira’, coa voz de Xabier Xil Xardón e coros de Noelia Álvarez, baixo de Paco Dicenta, Charlee nos sintetizadores e piano de Velpister. Despois en ‘Paraíso’ están os coros de Cecilia Martínez e Beni Gago, pero eles forman parte da banda de Cintaadhesiva. Tamén está a voz de Beni canda a miña en Lume na parte cantada e Pablo Muñiz, que adoita tocar os teclados connosco, fai o baixo de Paraíso. Están porque son persoas moi próximas a nós artística e persoalmente, porque achegan organicidade á parte musical e porque é moito máis divertido, enriquecedor e interesante facer as cousas en colectivo.

Podería parecer que son moitos instrumentos, pero en realidade está Jesús facendo todo (hai moitos efectos tamén). Como foi o proceso, nese sentido, de creación da música para cada conxunto de poemas?

O proceso en si mesmo consistiu en que eu lle lin a Jesús vinte mil veces os poemas e despois el foi compoñendo temas que posteriormente escoitei vinte mil veces ata que encaixei os textos como mellor me pareceu. Principalmente ambos os dous atendemos a ritmos e atmosferas á hora de ensamblar texto e música. Despois de que está o groso afinamos pequenos detalles para tratar de que a composición sexa un todo.

Imaxe do libro 'Fronteira Paraíso' © Jesús Andrés Tejada, 'Fronteira Paraíso'

Penso que é a primeira vez que facedes un poemario e un disco. Normalmente era spoken word e música, con vídeo, non? 

“De momento só hai un vídeo, estamos en vías de facer o resto”

Noutros discos hai poemas que están en libros e poemas que non están en ningunha outra parte que non sexa o disco, pero eses poemas moitas veces non teñen relación entre si, ou uns si e outros non, digamos que este é o noso primeiro disco temático ou o primeiro proxecto que engloba libro con fotos, disco e vídeos. De momento só hai un vídeo, estamos en vías de facer o resto.

Xa no primeiro tema do disco, 'A beleza', sae unha idea moi presente en todo o libro: o límite. Que é o límite en 'Fronteira Paraíso'? E que é o Paraíso, como lugar?

“Onde toca o meu límite co límite da outra, do outro? O meu límite é igual ao límite das outras? Ata onde chega o meu límite?”
 

O límite é en si mesmo Fronteira Paraíso, é o motivo central do poemario e está presente no título esa liminaridade a través da fronteira. Como se establecen os nosos límites como sociedade, como persoas? Onde toca o meu límite co límite da outra, do outro? O meu límite é igual ao límite das outras? Ata onde chega o meu límite? Se rebaso o meu límite por que o fago?

Se nos remitimos á etimoloxía de Paraíso, que designaba un xardín acoutado, ben sinalado, especial, podemos usar esa definición como referencia, pois a idea de xardín tamén é importante no poemario, e no poemario remite á idea de domesticación da natureza. O xardín aparece pouco nos textos, pero está nun lugar moi específico e tamén aparece nos paratextos, na dedicatoria, por exemplo.

Alén diso, Paraíso é un espazo fermoso e terrible e un tempo á vez, ao que se volve a través da memoria e mesmo tratando de ser descrito con palabras non se consegue, todo é difuso coma nos soños, pois Paraíso é o lugar da desaparición. É tamén un espazo liminar porque ata que se rebasa está todo contido e oculto, latexa unha violencia que aparece cando algunha estrema se toca ou se move.

"Estar cega é revisar mil veces o pasado e non atopar a infancia", di o segundo tema, 'Fronteira'. A infancia está bastante presente no poemario. Por que e en que sentido? 

“Asistir inmóbil ao rebasamento dos nosos límites na idade adulta pode ter que ver, ademais de con factores sociais evidentes, con ter uns piares febles na idade infantil”

A infancia está presente en canto que hai unha maternidade non de todo explícita ata o último poema, a través da que se regresa á infancia buscándoa como lugar de inocencia e de plenitude, pero tamén dos medos e desa primeira consciencia da morte. A infancia é dalgunha maneira o momento en que imos probando e establecendo os nosos límites, non atopala nese verso refírese máis a non atopar os límites propios, a aquilo que aprendemos de cativas para conformarnos como individuos, defendernos e sobrevivir. Asistir inmóbil ao rebasamento dos nosos límites na idade adulta pode ter que ver, ademais de con factores sociais evidentes, con ter uns piares febles na idade infantil, asociados á súa vez a múltiples motivos sociais, educacionais, persoais, etc.

Neste segundo tema, e en xeral en todo o poemario, hai unha asociación entre o amor -ou os afectos, en xeral- e a violencia. Como unha mestura de atracción, obsesión e necesidade de fuxir a un mesmo tempo. Ás veces fai pensar no maltrato.... En que sentido se relacionan amor e violencia en 'Fronteira Paraíso'?

“Tal como comenta Area Erina no texto das lapelas do libro: non estariamos ata o de agora, construíndo paraísos equivocados? E nesa mesma liña, conceptos de amor ou afectos errados?”

Os afectos e a violencia asócianse no sentido en que ti mesma propós. O amor aparece nalgún momento personificado, como concepto “amor”, non como sentimento ou vínculo, e é tamén terrible e temible, vai da mesma man que Paraíso. Tal como comenta Area Erina no texto das lapelas do libro: non estariamos ata o de agora, construíndo paraísos equivocados? E nesa mesma liña, conceptos de amor ou afectos errados?

En relación con iso, moitos poemas teñen un sentido dobre de estar, ao tempo, atrapada, e procurar -e demostrar, por momentos- un proceso de empoderamento. Como se nunha relación de desigualdade de poder a parte máis feble, ás veces, fose quen de rebelarse, e falarlle de ti a quen oprime. Pode haber algo diso? Por que?

“Camiña a voz poética a fronteira que vai da submisión ao empoderamento do eu”

Camiña a voz poética a fronteira que vai da submisión ao empoderamento do “eu”, como tamén da súa desaparición a unha certa omnipresenza case máxica como acontece co paso da fealdade á beleza, unicamente a través da palabra. A palabra como ritual para transformar. O camiño é o dos extremos e van en procesión os pés das palabras pegadiñas ás estremas. O nomeable e o pronunciable son camiño cara ao futuro e o empoderamento; os seus contrarios (innomeable e impronunciable), desaparición.

Presentación de 'Fronteira Paraíso' na libraría Chan da Pólvora © María Esteirán

No terceiro tema, 'Lume', está o último poema do libro: máis narrativo que os outros, e que podería funcionar coma unha especie de resumo do seu contido. Neste poema fálase da memoria e do soño. Dun movemento, dun camiño até atravesar unha fronteira, volvendo do pasado... Que importancia ten o onírico, o soño, en 'Fronteira Paraíso'? E a memoria, en relación co pasado?

“A memoria está presente como ancoraxe vital e construción identitaria pero tamén como ferramenta que ficciona”

Os poemas teñen que ver co recordo, que ás veces volve coma unha ensoñación. Por iso soño e memoria están relacionados. A memoria está presente como ancoraxe vital e construción identitaria pero tamén como ferramenta que ficciona: a memoria esquece cousas, inventa, reconstrúe desde un presente que procesou e reinterpretou o pasado. 

A primeira vez que me falaron desta calidade ficcionalizadora da memoria, que foi Manuel Forcadela hai vinte anos, a quen agradezo esta e outras moitas revelacións, en min de súpeto abriuse todo un universo: o da dúbida. Fronteira Paraíso é unha forma de volver narrar coas ferramentas do presente un tempo e un espazo, como contamos un soño, e de reconstruír a propia identidade perdida quizais en Paraíso.

O tema 'Paraíso', co poema sobre a persoa que camiña cara á cociña con vestido de gala, encaixa moi ben coas fotos do libro e, en xeral, coa estética do libro e do disco. Que relación pode ter este proxecto, na súa estética, co cine? (O ton escuro…)

A verdade é que non sei responderche a esa pregunta tal como a enuncias, pero é certo que as propias imaxes poéticas son bastante visuais e camiñan da man da escuridade, penso que é unha constante esa estética en Cintaadhesiva, hai algo sórdido á procura da beleza, coma un branco e negro con moito contraste, con moita luz.

'The Caretaker' é o último tema. De onde sae o título? (Parece unha homenaxe). Que outras homenaxes a músicos, poetas ou creadores, en xeral, pode haber neste proxecto? (Hai citas, un poema é de María Roja...)

O título é o mesmo que o dun proxecto musical de James Leyland Kirby que nos gusta moito e que traballa con reverbs moi longas como as que usa Jesús nesta composición, de aí que si se trate dunha homenaxe, pero resulta que tamén atopamos moita afinidade entre o poemario co significado deste título: o vixía. O vixía da fronteira, o vixía como esa sombra, ese “ti” ao que se enfronta a voz poética.

O poema é da voz de María Roja porque este poema está incluído na peza teatral de Inversa Teatro Sofía e as Postsocráticas, onde participamos Marta Pérez, María Roja e mais eu. Ese poema recítao María e agora xa non son capaz de lelo sen pensar na súa voz, por moito que eu o tivese anteriormente interiorizado na miña.

A outra cita que aparece son uns versos de Herberto Hélder , un dos meus poetas de cabeceira e que ademais me resultaban moi suxerintes pola imaxe que propón “uma jarra com um crisântemo transparente tem um tremor oculto“. Eses obxectos, palabras, persoas, cousas, que aparentan inofensivas e inocuas e levan algo escuro latexando, e despois aínda di “mesmo o seu nome, só a medo o podes dizer”; o nomeable e o innomeable e o pronunciable e impronunciable son elementos, como xa comentei antes, básicos no poemario para artellar todo o discurso.

Algo máis que queiras comentar?

Quero agradecer a Wladimir Vaz da Editora Urutau a súa confianza e o agarimo que poñen no seu traballo, a ti o teu magnífico labor e a Jesús a cantidade inxente de horas que empregou e segue empregando neste proxecto.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.