Nova Galega de Danza celebra o seu vinte aniversario bailando 'Dique', 'Berro' e 'Leira' no Teatro Colón da Coruña esta fin de semana
Hai dez anos, Jaime Pablo Díaz estivo a piques de abandonar o seu soño, a compañía Nova Galega de Danza, coa que levaba unha década montando espectáculos e subíndose ao escenario. Daquela deulle un xiro á súa concepción da danza e inaugurou os anos de máis éxito. Agora, celebra os vinte anos na Coruña, a cidade que veu nacer a compañía, e no Teatro Colón, onde el mesmo medrou como artista.
Dique, Berro e Leira son os tres espectáculos de Nova Galega de Danza programados para este aniversario que, co apoio da Deputación da Coruña, vai encher o teatro este venres, sábado e domingo. "As entradas esgotáronse en catro horas", celebra Díaz, que se mostra agradecido a todos os artistas que forman parte da compañía e que colaboran ou colaboraron nestes anos. O domingo 19, unha vez rematada a función de Dique, ás 21 horas, terá un lugar un encontro aberto ao público no Teatro Colón no que o director artístico de Nova Galega de Danza conversará co dramaturgo e investigador teatral Roberto Pascual, director da MIT de Ribadavia entre 2009 e 2024.
"Foron tempos complicados e alegres, pasou de todo", resume sobre estes vinte anos de traxectoria. Imposible non fixar a vista en que hai agora dez anos estivo a piques de deixalo todo "porque é moi complicado mover unha compañía grande como a nosa e as axudas que hai son mínimas". "Estar aí tirando arreo era complicado, pero cando o meditei só podía pensar en que levaba toda a vida danzando, que é o que me gusta, así que tiña que darlle un empuxón máis. E este empuxón levounos a recibir cantidade de premios e a poñer en valor o noso traballo", conta Jaime Pablo Díaz, director artístico de Nova Galega de Danza.
O director artístico de Nova Galega de Danza volve ao Teatro Colón, coas entradas esgotadas para a fin de semana, o mesmo lugar onde ía a clases de ballet con dezaseis anos
A reflexión de Jaime Pablo Díaz coa que colleu pulo nestes anos levouno a contar con coreógráfos externos, tamén doutras nacionalidades, para "amosar a tradición da danza galega e dende aí crear xunto con eles con outros enfoques". A compañía recibiu o Premio da Cultura Galega en 2021, a Insignia de Ouro do Concello de Ferrol en 2021, o Premio Max 2021 ao mellor intérprete masculino de danza para Iván Villar por Leira, o Premio do Público nas edicións de 2020 e 2016 da MIT de Ribadavia e o Premio da Crítica de Galicia no apartado de Ciencias e Artes da Representación en 2009, entre outros.
A propia traxectoria de Díaz empeza nun grupo de danza tradicional en Ferrol e lévao ao Teatro Colón. "Este teatro ocupa un lugar único no meu corazón, xa que foi aquí onde comecei a miña carreira artística con dezaseis anos, nunha das aulas do cuarto ou quinto andar, onde estaba o ballet. Foi unha etapa chea de ilusións e retos, e foi neste espazo onde din os meus primeiros pasos profesionais. Volver agora, despois de tantos anos, éncheme dunha emoción indescriptible", asegura.

Dique é a última peza de danza que estreou a compañía, na que recuperan a historia esquecida das mulleres que participaron na construción do Dique da Campá de Ferrol, a obra de enxeñería hidráulica máis importante do século XIX en España, que foi escavada por unhas 200 mulleres, "as estibadoras". Para este espectáculo, convidaron á directora de escena Marta Pazos, que sobe á escena un xogo de cores, texturas e contrastes para ofrecer un desafío visual único.
Coa boa acollida das representacións das tres pezas de danza polo vinte aniversario, Jaime Pablo Díaz razoa que "faltan oportunidades" para a danza en Galicia
Berro representa o baleiro que supón ser individuos sós e illados nunha sociedade sen memoria, que debe procurar o movemento que lle lembre o seu pasado. Nunha viaxe que conecta os estados emocionais, a peza amosa a importancia de recuperar esa esencia ancestral –a tradición, a terra, a raíz, a familia e a casa– a través da experiencia colectiva, sentindo a transformación na expresión do corpo.
E en Leira o corpo e a terra estreitan os seus lazos nun espectáculo de danza e música que nos transporta á dura beleza dos labores do campo. A muller no centro desta conexión telúrica. Día e noite, xornada tras xornada, repetida nunha sucesión inesgotable de estacións. A celebración dunha Galicia intemporal e máxica.
Coa boa acollida das representacións das tres pezas de danza, Jaime Pablo Díaz razoa que "faltan oportunidades" para a danza en Galicia, non é cuestión de espazos senón dunha "programación máis equilibrada". "Hai que programala todo o ano, igual que o teatro e os concertos. A danza non pode ser a irmá fea das artes. Sempre que estamos na Coruña as entradas esgótanse, hai público para a danza e é unha loita permanente demostralo", explica.