Nova Galega de Danza baila polas 200 mulleres que hai 150 anos escavaron o Dique da Campá de Ferrol

'Dique', de Nova Galega de Danza, dirixido por Marta Pazos © Vanessa Rábade

'Dique', o novo espectáculo de Nova Galega de Danza baixo a dirección escénica de Marta Pazos, ten a súa estrea esta fin de semana no Salón Teatro do CDG en Santiago

Tradición e modernidade. Forza e resiliencia. Sindicalismo e empoderamento. Solidariedade e comunidade. Celebración e renacemento. Dique, o novo espectáculo de Nova Galega de Danza, recupera o labor das mulleres na construción do Dique da Campá de Ferrol no 150 aniversario do inicio da súa construción. 

Na súa execución, entre os anos 1874 e 1879, duascentas estibadoras retiraron 245.000 metros cúbicos de terra e pedras que transportaron en 11.600.000 cestos sobre as súas cabezas –58.000 cada unha delas–. E, polo mesmo traballo, cobraron menos ca os homes. A compañía de danza reivindica estas mulleres silenciadas e busca crear un espazo de reflexión que, nun acto de xustiza poética, está artellado polo labor dun equipo composto integramente por mulleres nos eidos artístico e técnico.

Presentación de 'Dique' no Salón Teatro de Santiago © Vanessa Rábade

A posta de largo de Dique terá lugar este venres, 21 de xuño, no Salón Teatro do Centro Dramático Galego (CDG) de Santiago de Compostela, ás 20.30 horas, coas entradas xa esgotadas. A peza poderase ver, na mesma sala, o sábado 22 e o domingo 23, cos últimos billetes aínda dispoñibles

Dique, con dirección escénica de Marta Pazos, é un espectáculo coproducido por Nova Galega de Danza e a Xunta de Galicia, a través do Centro Coreográfico Galego, que pon en diálogo a danza contemporánea e a danza tradicional galega nunha conversa que reflicte a conexión entre o pasado e o presente.

"Dique é unha peza moi esixente, non é doada, e elas dannos ás para voar coa súa entrega", salienta Marta Pazos sobre o elenco 

O Dique da Campá de Ferrol é a obra de enxeñería hidráulica máis importante do século XIX e para trasladar a súa construción aos escenarios Nova Galega de Danza convidou a directora de escena Marta Pazos para realizar a súa particular homenaxe. Un xogo de cores, texturas e contrastes ofrece un desafío visual único. A peza explora os límites da forza mentres o telúrico se apodera da escena. En Dique hai resistencia e esforzo, pero afloran, tamén, a delicadeza e o lixeiro.

Pazos destacou "a rotundidade, a forza e a xuventude que destila o espectáculo" durante a súa presentación en Compostela. "No meu traballo o interese é poñer no centro a personaxes non privilexiadas da historia desde unha perspectiva de xénero. E esta proposta de Jaime Pablo Díaz [director artístico de Nova Galega de Danza], a súa enorme xenerosidade, foi un agasallo, non podía dicir que non", asegurou a dramaturga e directora escénica, quen tamén destacou "o labor titánico" do corpo de baile: "É un elenco absolutamente comprometido co espectáculo e coa profesión. Dique é unha peza moi esixente, non é doada, e elas dannos ás para voar coa súa entrega".

Fotografía histórica das mulleres no Dique da Campá de Ferrol CC-BY-SA Nova Galega de Danza

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.