- 📺EN VINTE | Retratos dunha escena plural: Jaime Pablo Díaz
As paisaxes do Camiño de Santiago e os poemas da 'Longa noite de pedra' de Celso Emilio Ferreiro fusiónanse nos movementos e sons do novo espectáculo de Nova Galega de Danza, 'Credo', que se estrea este venres nas Pontes
Nova Galega de Danza presenta unha adaptación poética da obra de Celso Emilio Ferreiro no seu último espectáculo, Credo, que fai referencia á viaxe interior que supón o Camiño de Santiago mediante unha peza escénica que combina música e danza, unindo na mesma liña conceptual os cruceiros de pedra que se atopan na paisaxe galega do percorrido xacobeo.
A agrupación dirixida polo coreógrafo e bailarín ferrolán Jaime Pablo Díaz estrea Credo este venres, día 3, no Cine Alovi das Pontes en dous pases, ás 19 e ás 21horas, coas entradas dispoñibles en liña e na billeteira do auditorio municipal. A equipa complétase co coreógrafo Fabián Thomé, o compositor musical Sergio Moure, as bailarinas Inés Vieites, Estefanía Gómez, Uxía Rivas e Amara Pérez, e os bailaríns Pablo Sánchez e Ricardo Fernández.
"Credo é unha peza de danza itinerante concibida para a súa representación en espazos naturais do territorio galego, concretamente nos cruces de camiños, sinalados cos cruceiros que salpican a pai saxe de Galicia e cuxa presencia de pedra acompaña ao camiñante ao longo de todo o Camiño de Santiago", explica a dirección da compañía.
É unha representación da "andaina vital" de todo ser humano a partir da poética de Celso Emilio Ferreiro e do movemento, a exploración e o cuestionamiento de nós mesmos e da realidade que nos rodea. Combina danza, música, declamación e escritura nun espectáculo que recolle seis momentos da obra, Longa noite de pedra, representados nos poemas O Reino, Mentras imos andando, Libremente, Soldado, Credo e Son un pasmón.
O corpo de danza de Credo desenvolverá un traballo físico de alta intensidade pensado "para indagar nos límites da linguaxe corporal e no seu vínculo co espazo habitado". Unha coreografía orixinal de Fabián Thomé e Jaime Pablo Díaz, acompañada da música de Sergio Moure, quen "interpreta os sons dunha Galicia intemporal imbricada na multiculturalidade propia do Camiño".
Nova Galega de Danza foi recoñecida recentemente co Premio Max ao Mellor intérprete masculino de danza pola actuación de Iván Millar en Leira, unha peza pola que a agrupación tamén fora nominada a Mellor Espectáculo de Danza. Credo é o sétimo espectáculo da compañía, que naceu en 2003 coa vocación de innovar ao tempo que fusiona en vivo a danza e música de raíces galegas.