O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) acolleu este sábado a gala dos Premios da Cultura Galega 2021, que foron, entre outros, para o programa da TVG Dígocho Eu!, a produtora Zaza Ceballos, o poeta Bernardino Graña, o artista Antón Pulido ou o mosteiro ourensán de San Pedro das Rocas, por cuxas obras nas inmediacións a Fiscalía abriu dilixencias contra a Xunta e a Fiscalía.
Feijóo gabou o sector cultural por "dar o mellor de si nos momentos máis complexos"
No que foi o seu "último acto como presidente da Xunta de Galicia", Núñez Feijóo agradeceu "sinceramente" o seu esforzo ao sector da cultura, "que deu o mellor de si nos momentos máis complexos". O aínda presidente de Galicia en funcións celebrou a "reactivación cultural de Galicia" tras a pandemia e apelou á súa consolidación neste 2022, "co impulso do Xacobeo e os fondos europeos".
"Levades polo mundo o noso nome e enriquecedes a nosa pegada colectiva", referiuse Feijóo respecto ao papel dos creadores, tras o que destacou que "a cultura adoita presentarse como unha continuidade histórica que nos permite adaptar en cada momento o mellor da tradición sen menoscabar a súa esencia, garantindo a súa supervivencia no futuro".
En canto aos galardoados, remarcou o compromiso co idioma de Bernardino Graña e Esther Estévez; a promoción, difusión e proxección internacional da cultura da Federación de Asociacións Galegas da República Arxentina -galardoada en Proxección Exterior-, de Antón Pulido, de Natalia Lamas e da Nova Galega de Danza; o compromiso coa igualdade de Zaza Ceballos ou o labor na conservación do patrimonio do Mosteiro de San Pedro de Rocas.
Ademais, o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foi o encargado de recoller o galardón de Patrimonio Cultural que os Premios da Cultura Galega concederon ao mosteiro de San Pedro de Rocas. Ocorre ao tempo que a Fiscalía investiga o proxecto de ampliación do acceso a este Ben de Interese Cultural (BIC). O Ministerio Fiscal abrira dilixencias contra a Xunta e o organismo provincial logo das numerosas irregularidades denunciadas por varios colectivos.
O auditorio do CGAC contou tamén coa presenza, entre outros, do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; o conselleiro de Cultura en funcións, Román Rodríguez ou o alcalde de Santiago, Sánchez Bugallo.