A Fiscalía atende as denuncias da Fundación Moreiras e de Amigos da Terra, que advertiran dos danos no patrimonio da obra para ampliar unha estrada
A Fiscalía vén de abrir dilixencias penais contra a Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia polas irregularidades detectadas no proxecto de ampliación da estrada de acceso ao mosteiro de San Pedro de Roscas, en Esgos.
Atende así as denuncias da Fundación Moreiras de San Pedro de Rocas e de Amigos da Terra, que advertiran de que a obra para desdobrar a vía atentaba contra o patrimonio histórico ao obrigar a cortar máis de medio cento de árbores, derrubar muros e arquetas do camiño medieval ou desmontar un cruceiro declarado BIC, unha consideración, a de Ben de Interese Cultural, coa que conta o mosteiro máis antigo de Galicia desde 1999.
A pesar das varias denuncias contra o presidente da Deputación, José Manuel Baltar, polo proxecto de ampliación da estrada OU-0509 (presentadas tamén contra a Consellería de Cultura e no Seprona) a Deputación provincial deu inicio hai arredor dun mes ás obras, que poden provocar "danos irreversibles" no espazo.
As organizacións que pelexan contra estas obras alertaron de que a Deputación falseara na súa documentación técnica o trazado das obras para agochar que se levarían a cabo onde en realidade se executaron. E que foi nese proxecto no que se baseara o visto e prace da Xunta, que en dúas ocasións antes os desbotara.
"Non nos interesa ter a razón, senón parar as obras, porque por moito que nos dean a razón a posteriori, o dano pode estar xa feito", sinalaba a historiadora experta no mosteiro de San Pedro de Rocas Natalia Figueiras en conversa con Praza.gal. "Porque van demoler todos os muros, van eliminar as árbores, van eliminar camiños e van voar polos aires elementos patrimonais... e xa non se poderán restituír. Por iso temos que parar as obras", engadía.
Amigos da Terra e a Fundación Moreiras agardan que a Deputación e a Xunta modifiquen o mproxecto para conservar os BIC do couto de San Pedro de Rocas de maneira integral.