O pasado 18 de febreiro a Fundación Moreiras-San Pedro de Rocas denunciou o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, polo proxecto de ampliación da estrada OU-0509, que leva ao mosteiro de San Pedro de Rocas, fundado no século VI, unha alfaia do patrimonio única por estar escavado na rocha natural e con orixe milenaria. O obxectivo das obras sería facilitar o acceso ao mosteiro de autubuses de gran tamaño para fomentar o incremento no número de turistas ao mosteiro, situado no Concello de Esgos, localidade natal de Baltar, e onde o presidente da Deputación é tenente de alcalde.
Porén, as obras poden levar por diante non só un gran número de árbores e afectar a paisaxes e camiños tradicionais protexidos, senón que poden destruír elementos patrimoniais aínda non descubertos, como de feito se veñen atopando nos últimos anos. O Concello de Esgos anunciou este venres o corte da estrada entre o luns e o mércores, previsiblemente para iniciar os traballos de corta de árbores.
A Fundación Moreiras-San Pedro de Rocas denuncia que as obras provocarán "a perda irreversible dunha parte esencial do BIC e un atentado contra numerosos elementos patrimoniais protexidos pola lei"
O xuízo terá lugar o 10 de marzo no Xulgado do Contencioso de Ourense coa participación de historiadores e arqueólogos como peritos. A pesar da denuncia e do carácter inminente do xuízo, o proxecto comezou a executarse o pasado 24 de febreiro nun espazo protexido non só pola declaración San Pedro de Rocas como Ben de Interese Cultural en 1999, senón tamén pola declaración como Ben de Interese Cultural da "paisaxe cultural" da Ribeira Sacra no ano 2018.
Esta declaración ampliada inclúe "todos os elementos descubertos e por descubrir de carácter patrimonial e paisaxístico, como camiños históricos, muros históricos, vexetación ou 135 árbores", destaca a Fundación, creada no ano 2020 para a "investigación, difusión e posta de Valor do Patrimonio Rupestre Histórico" en San Pedro de Rocas e a Ribeira Sacra. Os decretos "indícannos claramente que o coto íntegro do mosteiro de San Pedro de Rocas é BIC e está protexido pola lei", sinala.
O obxectivo das obras é facilitar o acceso ao mosteiro de autobuses de gran tamaño para fomentar o incremento no número de turistas
A Fundación denuncia que as obras provocarán "danos irreversibles e destrución de elementos patrimoniais insubstituíbles" no conxunto protexido, que abrangue unha superficie de 100 hectáreas ao redor do mosteiro. Ademais, subliña o carácter innecesario dunhas obras de ampliación nunha estrada pola que circulan a diario moi poucos vehículos. Engaden, así mesmo, que "o tránsito de autobuses leva sucedéndose sen inconvenientes desde hai máis de dúas décadas".
A Fundación subliña o innecesario da obras nunha estrada pola que circulan moi poucos vehículos. Engaden que "o tránsito de autobuses leva sucedéndose sen inconvenientes desde hai máis de dúas décadas"
"A súa igrexa rupestre protexida non é exclusivamente o mosteiro, é integramente o seu coto, cos seus camiños, a súa xeoloxía protexida, o seu chan e elementos arqueolóxicos na súa máxima extensión, a súa natureza e paisaxe protexido, o seu ecosistema, a súa historia e memoria insubstituíble, os seus elementos rupestres prehistóricos e históricos, os seus muros e unha infinidade de aspectos", explica a Fundación. Así mesmo, lembra que nos últimos anos os traballos realizados ao abeiro do proxecto Petra Sacra, que revelou numerosos elementos patrimoniais ata entón descoñecidos.
"A súa igrexa rupestre protexida non é exclusivamente o mosteiro, é integramente o seu coto, cos seus camiños, o seu chan e elementos arqueolóxicos na súa máxima extensión, a súa natureza e paisaxe protexido"
A entidade explica que "nas últimas actuacións construtivas da creación do actual aparcadoiro á beira da casa prioral de San Pedro de Rocas", realizadas a finais dos anos 90 do pasado século, "foron tapadas con cemento e árido numerosas tumbas antropomorfas escavadas na roca de igual semellanza ás coñecidas e visibles, en toda a contorna da Casa Prioral (actual Centro de Interpretación da Ribeira Sacra) e no aparcamento". Nas obras, ademais, por descoñecemento da contorna moitos máis elementos descubertos posteriormente nos arredores podían ter sufrido a mesma sorte.
En 2011 e 2018 a Xunta denegou o permiso para as obras, que si foron autorizadas agora grazas á sinatura da nova delegada territorial da Consellería de Cultura, Sandra Quintas, alcaldesa de Bande e moi próxima a Baltar
O ente provincial solicitou en tres ocasións á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta o permiso para levar a cabo o proxecto. Os dous primeiros informes técnicos (en 2011 e 2018) denegaron a actuación por vulnerar as Leis de Patrimonio autonómicas e estatais e polo risco de provocar unha perda irremediable de bens protexidos, permitindo unicamente actuacións de mellorar do firme e prohibindo a ampliación da estrada.
En cambio, o terceiro informe da Xunta autorizou no 2021 as obras, grazas á sinatura da nova delegada territorial da Consellería de Cultura, Sandra Quintas, alcaldesa de Bande e moi próxima a Baltar. En consecuencia, a Fundación Moreiras-San Pedro de Rocas denunciou tamén á Quintas "por autorizar un proxecto que vulnera absolutamente a Declaración do BIC Paisaxe Cultural Ribeira Sacra e a Lei de Patrimonio de Galicia". Así mesmo, presentou varias denuncias ante o Seprona, que están a ser investigadas pola Fiscalía.
Nos últimos meses a Deputación ourensá adxudicou as obras á empresa Obras Pavimentos e Instalaciones Industriales S.L. e mesmo adxudicou un "contrato privado de venda de madeira" das árbores que se prevé cortar nas beiras da estrada, ao redor dun cento de exemplares de entre 50 e 75 anos de idade.
En decembro do ano 2020 a Xunta foi acusada de causar “danos irreversibles” en pezas “de incalculable valor” a través da realización duns traballos de "limpeza e roza"
Non é a primeira ameaza que o mosteiro e a súa contorna sofren nos últimos anos. En decembro do ano 2020 a Xunta foi acusada de causar “danos irreversibles” en pezas “de incalculable valor” a través da realización duns traballos de "limpeza e roza". Este tipo de "agresións" foi un dos motivos que deu lugar á creación da Fundación Moreiras, impulsada pola familia propietaria dos terreos nos que se asenta o mosteiro.
A pasada semana a plataforma cidadá SOS Ourense, composta por máis de 70 colectivos, do eido social, medioambiental, cultural, educativo e termal da provincia, concentrouse ás portas da Deputación provincial, lendo un manifesto que rexeita o proxecto de estrada de San Pedro de Rocas. O texto denuncia que as obras "voarán 5.000 metros cadrados de chan arqueolóxico, dinamitarán chan xeolóxico protexido, demolerán muros históricos do antigo mosteiro nunha superficie de máis de 300 metros lineais, destruirán o trazado do camiño histórico medieval e a súa topografía, provocando co novo trazado, asfalto, formigón e sinaléctica un fortísimo impacto ambiental, hidrográfico, paisaxístico e patrimonial, e moitas outras consecuencias".
"Con accións destrutivas como esta, que non son necesarias, como pode chegar a ser a Ribeira Sacra, Patrimonio Mundial? En ningún país civilizado de Europa permitirían algo semellante", denuncia SOS Ourense
"Con accións destrutivas como esta, que non son necesarias, como pode chegar a ser a Ribeira Sacra, Patrimonio Mundial? En ningún país civilizado de Europa permitirían algo semellante", conclúe o manifesto, que se pregunta pola coherencia dunhas actuacións, pensadas a priori para facilitar a chegada a turistas a un espazo único que, paradoxalmente, pode ser gravemente danado e alterado polas obras, reducindo así o seu atractivo turístico. Unha actuación, ademais, que podería poñer en risco a inscrición da Ribeira Sacra na lista do Patrimonio Mundial da UNESCO.