"Queren levar máis turistas a San Pedro de Rocas, pero o que van facer é quitarlle a súa maxia e o seu valor, o que atrae o turismo"

Concentración en San Pedro de Rocas, este domingo © SOS Ourense

Este xoves 10 de marzo comezará en Ourense o xuízo que examinará a denuncia presentada pola Fundación Moreiras contra o presidente da Deputación, José Manuel Baltar, polo proxecto de ampliación da estrada OU-0509, que atravesa o couto do mosteiro de San Pedro de Rocas. A Fundación leva semanas advertindo de que as obras provocarán "danos irreparables" no espazo, declarado Ben de Interese Cultural en 1999, unha protección que no ano 2018 (como parte do BIC aprobado para a 'paisaxe cultural' da Ribeira Sacra) se ampliou a unha superficie de 100 hectáreas ao redor da igrexa rupestre.

Este domingo unhas 300 persoas participaron nunha marcha organizada por SOS Ourense e a Fundación Moreiras San Pedro de Rocas. Ao remate da marcha, ao pé da igrexa rupestre, leuse un manifesto en defensa do conxunto integral do mosteiro

A pesar da denuncia presentada as obras comezaron xa o pasado 23 de febreiro e este luns o Concello de Esgos anunciou xa o corte da estrada para previsiblemente comezar a tallar o cento de árbores afectadas pola actuación. A Fundación, creada no ano 2020 para a "investigación, difusión e posta de Valor do Patrimonio Rupestre Histórico" en San Pedro de Rocas e a Ribeira Sacra, explica que as poden destruír elementos patrimoniais aínda non descubertos, como de feito se veñen atopando nos últimos anos, ademais de levar por diante camiños, muros e a propia paisaxe do espazo, todos eles elementos protexidos.

A autorización das obras por parte da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta o pasado ano causou sorpresa, tendo en conta que este mesmo departamente rexeitara en dúas ocasións (2011 e 2018) este mesmo proxecto polos prexuízos que podía provocar no lugar, nuns momentos, ademais, no que este espazo contaba cunha protección inferior á actual. Ademais, chama a atención que a actuación coincida co proceso, en marcha dende hai anos, para conseguir que a Ribeira Sacra sexa inscrita na lista do Patrimonio Mundial da Unesco, un obxectivo que tamén podería estar en risco.

Este domingo unhas 300 persoas participaron nunha marcha organizada por SOS Ourense e a Fundación Moreiras San Pedro de Rocas. Ao remate da marcha, ao pé da igrexa rupestre, leuse un manifesto en defensa do conxunto integral do mosteiro. Falamos coa historiadora Natalia Figueiras, experta en San Pedro de Rocas, un espazo no que leva anos investigando, pescudas que a levaron a realizar xunto co profesor Jorge López Quiroga importantes descubertas, como a tumba do derradeiro eremita galego ou un valioso altar rupestre prerromano.

Concentración en San Pedro de Rocas, este domingo © SOS Ourense

"Nos textos antigos facíase unha descrición de San Pedro de Rocas como un complexo de ermidas dispersas polo monte e hoxe por fin temos probas de que isto é así"

Moita xente, cando escoita falar de San Pedro de Rocas pensa na igrexa rupestre, pero Rocas é moito máis ca iso, non si? Que tesouros acolle este lugar

O Mosteiro de San Pedro de Rocas, cando se declara Monumento Histórico Nacional en 1923, considérase que é só a igrexa rupestre. Xa en 1999, cando se declara o BIC, esténdese a protección á casa prioral e ao cemiterio, aínda que nese momento considerábase que non había ningún resto máis do mosteiro rupestre. Porén, coas investigacións que se fixeron en paralelo á candidatura da Ribeira Sacra para Patrimonio da Humanidade van poñéndose de relevo achados valiosísimos que veñen a concluír que o Mosteiro de San Pedro de Rocas se conserva integramente, sobre todo na súa fase eremítica (entre o século VI e comezos do século XI, cando o mosteiro de transforma coa entrada da orde beneditina). 

Os últimos achados confirman, ademais, que a vida eremítica se mantivo ata o século XV e se estendeu por todo o monte Barbeirón. Nos textos antigos facíase unha descrición de San Pedro de Rocas como un complexo de ermidas dispersas polo monte e hoxe por fin temos probas de que isto é así.  

"Hai descubrimentos recentes dende tres quilómetros de distancia do igrexa rupestre. Sempre se toma a Igrexa como único elemento importante neste lugar, pero hai moitos máis elementos patrimoniais ao seu redor"

Cando comeza a ocupación do lugar?

Se imos á Prehistoria, e concretamente ao Neolítico, temos moitísimas evidencias de ocupación en todo o Monte Barbeirón, que tiña xa usos como espazo sagrado, que mantén ata a súa cristianización. Atopouse recentemente un santuario rupestre moi valioso, cun altar e cunha cátedra tardorrupestre, que é unha xoia única en toda a Península Ibérica.

Polo tanto, que espazo ocupa o terreo que sería importante protexer no monte Barbeirón?

Hai descubrimentos recentes dende tres quilómetros de distancia do igrexa rupestre. Sempre se toma a Igrexa como único elemento importante neste lugar, pero hai moitos máis elementos patrimoniais ao seu redor. E moitos aínda non se coñecen e só nos últimos anos foron saíndo á luz. Ese mesmo santuario rupestre estaría hoxe baixo chapapote ou formigón de terse feito a ampliación do aparcadoiro estaba prevista nos anos 90. De feito, mesmo no lugar onde se fixo o aparcadoiro hai tumbas antropomorfas que foron tapadas.

Concentración en San Pedro de Rocas, este domingo © SOS Ourense

"As obras de ampliación, polo tanto, afectarían ao corazón do couto do mosteiro, destruirían camiños, muros e poñerían en risco espazos que aínda non foron estudados e elementos que aínda non foron descubertos"

Que danos podería provocar a ampliación da estrada?

A estrada atravesa o couto do mosteiro de forma transversal e, de feito, cando se fixo derrubáronse os muros que rodeaban o mosteiro. A estrada actual segue o trazado dun camiño medieval, do que se conserva unha pequena parte. As obras de ampliación, polo tanto, afectarían ao corazón do couto do mosteiro, destruirían camiños, muros e poñerían en risco espazos que aínda non foron estudados e elementos que aínda non foron descubertos. É, ademais, un dos poucos coutos de mosteiro que se conservan intactos. A maior parte dos coutos, coa desamortización, foron fragmentados e vendidos

De feito, cando a Dirección de Patrimonio da Xunta denega o permiso para facer a estrada en 2011 e 2018 faino porque as obras afectarían ao espazo do couto do mosteiro, mesmo antes de que estivese protexido. E agora, cun nivel de protección superior, curiosamente, si que autorizan as obras. 

"Por lei, a estrada non se pode ampliar. Só hai unha cousa que se pode facer: reafirmar o firme"

As obras, polo tanto, son ilegais, ao afectar ao espazo protexido polo BIC, dunhas cen hectáreas ao redor da igrexa?

Si, o exoámbito San Pedro de Rocas, que atravesa a estrada, é unha parte do BIC Ribeira Sacra coa categoría de paisaxe cultural. Por lei, a estrada non se pode ampliar, a lei é moi clara. Só hai unha cousa que por lei se pode facer: pavimentar a estrada que xa está construída, reafirmar o firme, non se pode tocar o seu trazado nin se poden derrubar muros nin danar a paisaxe.

"Queren levar alí máis turistas dos que xa están a ir, pero o que van facer é quitarlle ao lugar a súa maxia e o seu valor, que é precisamente o que atrae o turismo"

Chama a atención que, co argumento de atraer máis turismo, se estea a provocar dano precisamente naquilo que atrae os visitantes...

Queren levar alí máis turistas dos que xa están a ir, pero o que van facer é quitarlle ao lugar a súa maxia e o seu valor, que é precisamente o que atrae o turismo. A xente queda fascinada coa paisaxe e marcha absolutamente impactada. San Pedro de Rocas é o lugar máis visitado da Ribeira Sacra, cada ano chegan milleiros de visitantes en autobuses, que ata poden chegar ata a Casa Prioral e alí mesmo teñen espazo para dar a volta. E, ollo, este proxecto de ampliación da estrada non chega ata o mesmo mosteiro. Que vai pasar cos últimos 800 metros? Vai haber despois outro proxecto de ampliación?

Concentración en San Pedro de Rocas, este domingo © SOS Ourense

"A candidatura da Ribeira Sacra é única, pero grazas en boa medida a que no seu interior está San Pedro de Rocas, que axuda a demostrar que a orixe sacralizada da comarca era moi antiga"

Estas obras poden poñer en risco a candidatura da Ribeira Sacra para a lista do Patrimonio Mundial da UNESCO?

O profesor López Quiroga e eu investigamos San Pedro de Rocas e expuxemos a súa situación cando a Comisión de Patrimonio Histórico de España veu a Galicia para avaliar se a Ribeira Sacra ía ser candidata. Todos os membros da Comisión coincidiron en que a candidatura da Ribeira Sacra era única, pero grazas en boa medida a que no seu interior estaba San Pedro de Rocas, que axudaba a demostrar que a orixe sacralizada da comarca era moi antiga, mesmo previa á implantación monástica da orde beneditina, xa dende o século VI. E agora, ademais, temos por fin probas de que San Pedro de Rocas foi un espazo sagrado dende o Neolítico.

"Non nos interesa ter a razón, senón parar as obras, porque por moito que nos dean a razón a posteriori, o dano pode estar xa feito"

O xuízo comeza este xoves, pero as cortas de árbores e outras actuacións poden iniciarse xa este luns. Existe o risco de que provoquen danos irreversibles antes mesmo de que se pronuncie a xustiza?

O xuízo está fixado para este 10 de marzo, pero xa o pasado 23 de febreiro comezaron as obras e ao día seguinte marcaron as árbores. O Concello de Esgos anunciou este venres que este luns, martes e mércores estará cortada a estrada, sen informar dos motivos, pero sabemos que o obxectivo é tallar as árbores. Imos estar vixilantes. O xuízo é o día 10, pero en Ourense estamos moi afeitos á política de feitos consumados. Non nos interesa ter a razón, senón parar as obras, porque por moito que nos dean a razón a posteriori, o dano pode estar xa feito. Porque van demoler todos os muros, van eliminar as árbores, van eliminar camiños e van voar polos aires elementos patrimonais... e xa non se poderán restituír. Por iso temos que parar as obras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.