O martes e mércores a presenza no lugar dun gran número de persoas contrarias ao inicio das obras impediu que continuasen as cortas de árbores. Porén, este xoves a primeira hora de novo chegou maquinaria pesada
Este xoves comeza en Ourense o xuízo que examinará a denuncia presentada pola Fundación Moreiras contra o presidente da Deputación, José Manuel Baltar, polo proxecto de ampliación da estrada OU-0509, que atravesa o couto do mosteiro de San Pedro de Rocas. A pesar das denuncias (presentadas tamén contra a Consellería de Cultura e no Seprona) a Deputación provincial deu inicio este luns ás obras, que poden provocar "danos irreversibles" no espazo, que se atopa protexido no marco da declaración BIC do mosteiro e do BIC aprobado para a 'paisaxe cultural' da Ribeira Sacra.
O martes e mércores a presenza no lugar dun gran número de persoas contrarias ao inicio das obras impediu que continuasen as cortas de árbores. Porén, este xoves a primeira hora de novo chegou ao espazo protexido maquinaria pesada para continuar coas tallas e con outros traballos, como denuncian os vídeos gravados e difundidos polos colectivos contrarios á ampliación da estrada. "Hai que parar esa tala ata que se pronuncie o xulgado", pide Emerxencia Cultural Ourense, un dos colectivos mobilizados en defensa do BIC de San Pedro de Rocas.
Amigas das Árbores anunciou xa a presentación dunha nova denuncia "pola corta polo pé das árbores sen contar coa correspondente autorización e polos danos producidos no BIC de San Pedro de Rocas"
Un dos efectos inmediatos máis visibles dos traballos pode ser a talla de 104 árbores catalogadas. E expertos como Natalia Figueiras alertan tamén dos danos que as actuacións poden provocar en muros, camiños históricos e no propio solo e subsolo, onde nos últimos apareceron importantes achados arqueolóxicos.
Dende o luns pola mañá (o Concello de Esgos anunciara que a estrada permanecería cortada entre o luns e o mércores) maquinaria pesada chegou á zona, iniciando a corta de árbores nas súas beiras. Entidades como Amigas das Árbores anunciaron xa a presentación dunha nova denuncia "pola corta polo pé das árbores sen contar coa correspondente autorización e polos danos producidos no BIC de San Pedro de Rocas".
Un dos efectos inmediatos máis visibles dos traballos pode ser a talla de 104 árbores catalogadas
"Non se pode permitir o asoballamento e a violencia das administracións públicas contra os cidadáns que defendemos a legalidade e a protección dun ben patrimonial como San Pedro de Rocas", di a entidade que engadiu que "non se pode permitir nin admitir que as forzas de orde pública en vez de protexer a legalidade protexeron e permitiron que a Deputación de Ourense e a empresa madeireira FINSA produciran danos no BIC".
"Non nos interesa ter a razón, senón parar as obras, porque por moito que nos dean a razón a posteriori, o dano pode estar xa feito"
"Non nos interesa ter a razón, senón parar as obras, porque por moito que nos dean a razón a posteriori, o dano pode estar xa feito", sinalaba Natalia Figueiras en conversa con Praza.gal. "Porque van demoler todos os muros, van eliminar as árbores, van eliminar camiños e van voar polos aires elementos patrimonais... e xa non se poderán restituír. Por iso temos que parar as obras", engadía.
Este sábado está convocada unha concentración de protesta ante a sede da Deputación
SOS Ourense vén de convocar unha concentración de protesta, este sábado 12 de marzo ás 12 horas, ante a sede da Deputación.
Xa este domingo unha marcha apoiada por varias entidades culturais e sociais percorreu o couto do mosteiro ata o mesmo centro de San Pedro de Rocas ao berro de "Salvemos Rocas" e con faixas referidas á talla dun cento de árbores catalogadas: "Se perdemos as árbores, perdémolo todo" ou "só quen coñece os montes sente o desexo de protexelos".