"Perfil idóneo", non "mellor currículo": a Xunta defende a directora do CGAC da critica xeral do mundo cultural

O conselleiro de Cultura, José López Campos, e o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, á dereita, na inauguración o 22 de maio da últiima exposición do CGAC CC-BY-SA Xunta de Galicia

O conselleiro de Cultura obvia no Parlamento as críticas de todo tipo de institucións polo proceso restrinxido e discrecional para elixir a nova dirección do CGAC e atribúe ao BNG un desexo de querer controlar a cultura galega

O Comité Español do Consello Internacional de Museos, o Comité Internacional para Museos e Coleccións de Arte Moderno, o departamento de Historia da Arte da Universidade de Santiago, a Facultade de Belas Artes da Universidade de Vigo, a Real Academia Galega de Belas Artes, diversas asociacións profesionais do mundo da arte e a cultura con manifestos asinados por milleiros de profesionais e ata varios membros do consello asesor do propio Centro Galego de Arte Contemporánea. Con todas esas críticas ao procedemento elixido para renovar a dirección do CGAC cunha funcionaria presentouse este mércores no Parlamento o conselleiro de Cultura, José López Campos, para responder unha pregunta sobre o futuro do museo.

A resposta xeral do conselleiro foi que todo foi legal, pero nas súas explicacións López Campos chegou a dicir que el nunca falou de que a elixida fose "o mellor currículo presentado" senón que era "o perfil máis idóneo".

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en Santiago CC-BY-SA Xunta de Galicia

Hai anos que a Xunta vén argumentando que a lexislación lle restrinxe segundo que tipo de contratacións, entre elas no eido cultural, pero ao tempo cando ten interese o propio Goberno galego adapta esa lexislación para abrir a man noutros nomeamentos. Desta volta, ante o remate da etapa do anterior director do CGAC, Santiago Olmo, o Goberno galego esgrimiu que a lei o obriga agora a remudalo por unha persoa que sexa funcionaria de carreira, sen posibilidade de abrir o procedemento a xestores culturais de prestixio que non fosen funcionarios. 

O resultado foi a convocatoria a comezos de abril dun procedemento de selección por libre designación, con amplas marxes de discrecionalidade, no que se requiriu ás persoas candidatas un proxecto para o museo de "máximo 5 páxinas". E a finais de maio era elixida Eva López Tarrío, doutora en Belas Artes e profesora de ensino secundario, nun proceso no que non se revelaron as puntuacións obtidas nin as identidades do resto de aspirantes, outras oito persoas. 

"A súa consellería pasou de intrascendente a campioa da falta de rigor e da transparencia", di o BNG

Ante as críticas xerais do mundo cultural, este mércores a deputada do BNG Mercedes Queixas, como tamén vén facendo o PSdeG, criticou a López Campos no Parlamento que a súa consellería "pasou de intrascendente" a "campioa da falta de rigor e da transparencia" e creou "unha crise sen precedentes pola forma e polo fondo". Pola forma, dixo, "por facer un traxe a medida dunha persoa elixindo un procedemento de libre designación e excluínte". E polo fondo porque "leva meses ignorando" as críticas do mundo cultural. "Está vostede só, conselleiro, rectifique, deixe de expoñer a arte galega ao ridículo", pediu a nacionalista. 

O conselleiro de Cultura, José López Campos, ante a deputada do BNG Mercedes Queixas, no Parlamento este mércores CC-BY-SA Mónica Arcay Carro - Xunta de Galicia

Na súa resposta o conselleiro comezou matizando a súa propia valoración de López Tarrío como a elixida para a dirección do CGAC. "Eu en ningún caso falei expresamente de que era o mellor currículo presentado, eu falei que era o perfil máis idóneo nun proceso rexido pola lei de función pública", dixo o conselleiro, evidenciando que podía haber outros currículos mellores non só entre persoas que non podían presentarse á selección por non seren funcionarias senón tamén entre as si presentadas. Porén, o procedemento de libre designación permite ás administracións elixir en función doutros criterios, tamén de tipo político, máis alá do currículo. "A persoa elixida cumpre con eses criterios", sentenciou López Campos.

A deputada do BNG retrucou ao conselleiro que "a lei non o obriga a vostede a escoller este procedemento de libre designación", que atribuíu ao "ADN" da Xunta: "arbitrariedade, discrecionalidade e nepotismo". Porén, para o conselleiro, que obviou as críticas do mundo cultural, ao BNG "non lle preocupa o futuro do CGAC" senón só o desgaste político do Goberno galego. 

Eva López Tarrío, nova directora do CGAC CC-BY-SA Xunta de Galicia

"Había que facer un cambio no CGAC, once anos despois, e creo que eliximos a mellor persoa, unha muller que ten unha capacidade de traballo extraordinaria" e "independente", dixo o conselleiro. Nesa liña López Campos engadiu que "non vai ser un monicreque do BNG", ao que atribuíu un desexo de controlar a cultura galega. O conselleiro mesmo dixo estar "empezando a pensar se o problema que teñen vostedes é pensar que unha muller non está capacitada para dirixir o CGAC".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.