O futuro do CGAC en 5 páxinas: a Xunta remuda a dirección cun funcionario entre malestar do mundo cultural

Santiago Olmo, director saínte do CGAC, e o conselleiro de Cultura, José López Campos, coa convocatoria do posto no DOG CC-BY-SA Foto: Xunta | Montaxe: Praza.gal

Santiago Olmo deixa o cargo tras unha década e o Goberno galego convoca un proceso de libre designación restrinxido a funcionariado que deberá propoñer un proxecto de dirección e programación do centro de "máximo 5 páxinas"

A Consellería de Cultura convocou este mércores, a través do Diario Oficial de Galicia, un procedemento de libre designación para nomear a nova dirección do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), aberto en Santiago desde 1993. Por primeira vez o posto estará acoutado a funcionariado, o que vén provocando malestar entre o mundo cultural durante as últimas semanas, pero agora o DOG fai oficial que ademais do currículo das persoas aspirantes estas só deberán achegar ao proceso unha proposta de proxecto de dirección e programación do CGAC de "máximo 5 páxinas". 

O Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en Santiago CC-BY-SA Xunta de Galicia

O CGAC viña sendo dirixido desde hai unha década por Santiago Olmo, cunha ampla traxectoria previa como comisario de exposicións, crítico de arte e profesor universitario. Un perfil similar, procedente do mundo da arte, ao que fora elixido en anos previos para ocupar o mesmo posto, con Miguel Von Hafe, Manuel Olveira, Gloria Moure, Miguel Fernández-Cid e Antón Pulido.

Pero agora a Xunta esgrime que a nova Lei de Emprego Público de Galicia restrinxe a funcionariado este tipo de postos en entidades instrumentais do sector público como o CGAC, que non son autónomas. Así que só poderá acceder ao posto un funcionario ou funcionaria de calquera administración, estatal, autonómica ou local, do grupo A1 e nivel 30.

A Xunta asegura que o proceso "cumprirá cos criterios de transparencia, mérito e capacidade para a selección da candidatura idónea". Pero será en todo caso cun procedemento de libre designación co que a Xunta se deixa mans libres para poder elixir o candidato que máis lle guste e tras pedir como elementos de valoración só que lle presenten un currículo con certificación dos méritos nel recollidos e outro documento máis: "en formato electrónico un proxecto de dirección do CGAC, que conterá as liñas de programación para desenvolver (máximo 5 páxinas)", recolle o DOG.

Exposición 'Traballo en equipo. 30 anos do CGAC' polo trixésimo aniversario do Centro Galego de Arte Contemporánea, aberto en 1993 © CGAC

O Departamento de Historia da Arte da USC teme que "a especialización profesional" se vexa substituída "por un criterio técnico ou administrativo"

O proceso de selección da nova dirección que impide que poidan acceder ao posto persoas con longa traxectoria artística ou mesmo de dirección de centros ou comisariado de mostras pero que non proceden do funcionariado está a provocar malestar no mundo cultural. Ademais de críticas individuais en diversos medios ou redes sociais, o Departamento de Historia da Arte da USC fixo pública unha declaración, á que se foron sumando sinaturas de apoio de todo tipo de profesionais, que teme polo futuro do CGAC.

Segundo esa declaración, os novos criterios de selección "supoñen un cambio profundo e radical que, na nosa opinión, provocarán que a especialización profesional do director/a no campo da arte contemporánea –o criterio que rexeu a elección dos seis directores do CGAC ata o momento; dous deles doutores en Historia da Arte– se vexa substituído por un criterio técnico ou administrativo que non pode garantir nin a especialización do futuro responsable da institución, nin tampouco, que se trate dunha persoa de recoñecido prestixio no sector da arte contemporánea".

O director do CGAC, Santiago Olmo, ensinando a Feijóo o depósito de fondos do museo no 25 aniversario, en 2018 Dominio Público Xunta de Galicia

O Departamento de Historia da Arte da USC considera que "son os historiadores da arte –sexan funcionarios, docentes ou non– os profesionais cos estudos, as competencias e a experiencia necesaria para estar á fronte deste tipo de museos de arte contemporánea; entendidos como institucións educativas baseadas nunha aproximación crítica, e altamente especializada, á historia, a arte e a cultura material e os seus contextos".

Cultura recoñece "a profesionalidade" de Santiago Olmo e di que a remuda quere "ampliar a internacionalización", "maior apertura á creatividade dixital" e "descentralizar" o CGAC dentro e fóra de Galicia

Pola súa banda, a Consellería de Cultura recoñece "a profesionalidade" de Santiago Olmo "ao longo dun período que se consolidou como unha das institucións culturais galegas máis prestixiosas desde a súa creación en 1993" cunha "excelsa programación deseñada, baixo a súa dirección, para conmemorar o trinta aniversario". Agora, coa súa remuda a Xunta asegura que quere "ampliar a internacionalización, unha maior apertura á creatividade dixital coa irrupción das novas tecnoloxías e darlle pulo a súa descentralización dentro e fóra de Galicia". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.