“A mostra do CGAC pola que máis reclamacións do público recibimos foi a de Antón Reixa”

Miguel von Hafe, no seu despacho © A.R.

Miguel von Hafe chegou á dirección do CGAC a comezos da anterior lexislatura. Fíxoo a través dun concurso público que impulsou o ex conselleiro de Cultura Roberto Varela. Durante o seu mandato, realizou máis de trinta exposicións. Entre todas elas, poden destacar pola súa relevancia ou singularidade as de Gilberto Zorio,  Jeff Wall ou Antón Reixa. A finais deste ano, Von Hafe abandonará o seu cargo. Repasamos con el os seus cinco anos á fronte da institución.

En decembro despedirase do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC). Que balance persoal realiza do seu paso pola entidade?

A circunstancia que máis marcou este período foi, e non só na cultura, a crise. Condicionounos bastante o traballo. Ti chegas á unha institución cunha serie de expectativas e atopas uns orzamentos minguantes. Ante estas circunstancias, tes dúas opcións: unha de desánimo e resignación e outra de reformularte os modos de traballo e de procurar novas estratexia. Intentamos o segundo.
Basicamente, en termos globais e pasados estes anos, quedo satisfeito coa actividade expositiva, porque creo que se mantivo o nivel ao que está afeito este museo. Tamén mantivemos o nivel internacional e as coproducións internacionais. Así puidemos amosarlle ao público galego mostras de artistas internacionais como a de Gilberto Zorio ou a de Jeff Wall, valoradas moi positivamente. Por outra banda, quedo cun mal sabor de boca, porque unha parte do traballo desta institución, a diferencia do Marco de Vigo, vén polo compromiso de constituír unha colección de arte contemporánea propia. Nese sentido, non puidemos afondar o que a min me tería gustado. Non houbo medios suficientes. Agardo que tal situación se poida emendar nun futuro próximo.

"Hai que dar un paso adiante, a colección de CGAC ha de asumir a súa entidade propia. Queda moito por facer"

Se falamos de fondos no CGAC, cómpre referirse á colección de Arco. O CGAC almacenouna dende hai anos e agora vai marchar. Como lle afectará esta circunstancia á entidade?

Hai unha dupla lectura. En realidade, levaba varios anos enriba da mesa esa marcha, mesmo antes de que eu asumise o cargo. Comentábase que os fondos de Ifema da colección Arco podían saír de Galicia. Era un depósito, para nós significaba unha obriga o coidado das obras. Os nosos almacéns non podían albergar xa as dúas coleccións, a propia e de Arco, e teríamos que alugar un novo almacén. Por un lado, a saída da colección significa un desafogo para o CGAC; porque podemos gardar a colección no noso almacén. Polo outro lado, temos que ter claro que a colección do CGAC ha de ter unha entidade propia e medrar a partir desa entidade.
A colección Arco foi instrumental, porque a colección propia comezou nos anos 96-97. As pezas do Arco eran fundamentais para desenvolver mostras de calidade e crear unha discursividade con sentido. Agora creo que hai que dar un paso adiante, a colección de CGAC ha de asumir a súa entidade propia, un traballo que é continuo e diario. Queda moito por facer.

Quen pediu a saída da colección? Arco ou o CGAC, ao ver que non podía almacenala xa?

A decisión recaeu en Arco, pero agora para nós este feito só trae vantaxes. Sobre todo porque tiñamos unha obriga de comprar pezas cada ano e iso condicionábanos bastante. Pensa que nos últimos anos, sobre todo neste último período de crise, tiñamos que gastar uns 100.000 euros en mercar arte en Arco. E non podiamos ampliar a colección con arte galego, estabamos obrigados a comprar unicamente nas galerías galegas participantes en ARCO. E non había máis cartos para a adquisición.

Por outro lado, hoxe en día a presenza case masiva e impositiva do mercado da arte obriga os museos a repensar a súa situación e a súa capacidade para chegar aos artistas, buscar alternativas a ese mercado. Hai outras fórmulas na adquisición. Por exemplo,cando traballas con artistas nas exposicións, acabas por ter relacións privilexiadas. Moitas veces os propios autores ofrecen a posibilidade de mercar pezas que están fóra do noso alcance por prezos absolutamente imposibles. Por poñer un caso, na mostra de Zorio, nese momento tivemos a posibilidade mercar unha peza histórica dos sesenta que no mercado valería medio millón de euros. O museo acabaría por aforrar preto de 400.000 euros, máis ou menos, só por traballar con el aquí. A nós interésanos esa colaboración e os artistas queren que as súas pezas se vexan por todo o mundo.  

"Moitos dos artistas da nosa xeración están a vivir en termos de supervivencia material"

Comprar arte nestes tempos resulta complicado pola crise e pola suba do IVE. Como afecta esta circunstancia ao CGAC e á arte en xeral?

Unha institución como o  CGAC é a punta do Iceberg. A verdade, quen sofre máis son os artistas. Basicamente a súa capacidade para manter unha actividade continuada e digna reduciuse considerablemente. Moitos dos artistas da nosa xeración están a vivir en termos de supervivencia material. O mercado da arte en España é precario e nese sentido, claro, cando as institucións públicas se resenten, todo o sistema se resente. Todo un sistema que pasa por artistas, pero tamén polos intermediarios,  galeristas e toda contorna que rodea este mercado. Todo ese tecido vese diminuído e sabemos que en termos de política pública cortar nos orzamentos de cultura é o máis sinxelo. Agora ben, hai que entender que a cultura é un dos territorios sociais onde se pode crear máis emprego a día de hoxe. A cultura é un sector importante da actividade produtiva dun país e sobre todo nun coma España.

O número de visitantes do CGAC sempre significou un foco de críticas. Na actualidade, rexístranse uns 60.000 visitantes ao ano...

Estas críticas son estrañamente inxustas, están baseadas na ignorancia. Adóitanse a comparar os visitantes de esta institución con outras e confrontar os números. En termos totais, non é importante nin relevante. Poño sempre neste caso un exemplo: o Wiels, museo de arte contemporánea de Bruxelas. É unha institución de referencia, situada nunha cidade dese tamaño e recibe corenta mil visitantes ao ano. Nós chegamos aos sensenta mil nunha cidade de cen mil. Non creo que esa crítica sexa xusta, pero é constante, repítese cada certo tempo e volveuse un auténtico clixé. A xente asume que non hai público. Pero se ti revisas as actividades, as mostras, os ciclos de cine, as sesións de música contemporánea... están case sempre cheos. Comparar non ten sentido. Hai que saber onde estamos e para quen traballamos. O esencial é a calidade da institución.

"A noticia sobre o fallo eléctrico do CGAC foi case unha manipulación"

Fai pouco, en La Voz de Galicia, lemos unha crítica cruenta sobre o fallo eléctrico que sufriu durante horas o CGAC....

Mira unha cousa, iso é totalmente extraordinario. E fíxate, inauguramos dúas exposicións importantísimas e a xente, en vez de falar delas, falou diso. Foi un domingo, un fallo externo ao CGAC. Eu creo que esa noticia foi case unha manipulación. Porque un periodista que, por certo nin se achegou ao museo, entrevistou unha persoa empregou as súas opinións para escribir a nova. E a verdade, se nos poñemos á porta dese xornal e preguntámoslle á xente que opina dese xornal, non sería difícil atopar a alguén que opinase que todos os que traballan nese medio son uns atrasados mentais. Si, estivemos pechados durante dúas horas. Ese é o feito, pero crear unha noticia dese impacto diría que é un pouco... É o que pasa aquí en xeral, está ese tema tan recorrente no imaxinario colectivo: o de Galicia Caníbal. Hai xente que intenta buscar o peor en actividades das que podemos estar orgullosos.

Neste período desenvolvéronse máis de trinta mostras, algunhas con gran repercusión como a do xa citado Zorio ou a de Jeff Wall, considerada en varias publicacións culturais como a mellor do ano 2012. Con este traballo, marcha satisfeito?

Si, marcho satisfeito. Para moita xente do medio, o CGAC é case a terceira institución do Estado en termos de relevancia. Cando escoitas isto e cho aseguran profesionais do sector, sabes que é unha realidade. A institución conta cunha boa imaxe e cun bo nivel internacional. Iso non ten que ver co meu traballo directamente, senón con todo o desenvolvido nos vinte anos de vida do museo. Esta consideración permite traballar con calquera museo internacional e realizar interesantes coproducións.

Con que mostra quedaría se tivese que escoller. Coa de Zorio? Dígoo porque ten o cartel no seu despacho.

A exposición de Zorio foi decisiva, foi a primeira exposición que eu producín como director e foi unha exposición na que o artista traballou durante tres semanas de forma intensiva e especificamente para o espazo do CGAC. Zorio é un dos grandes artistas de hoxe en día, pero é evidente que a mostra de Jeff Wall foi importantísima, porque foi unha exposición dunha dimensión enorme, ocupaba as tres plantas do museo. Iso foi un reto moi importante e...  Unha vez máis, comprobando como funciona a mala leche aquí, lembro perfectamente como na presentación un xornalista preguntaba se era normal que un museo pechase durante tres semanas. Que estivese pechado tres semanas é un feito. Nós sempre intentamos montar as exposicións de forma escalonada, para que o museo estea sempre aberto. Neste caso? Non. Era unha mostra que ocupaba todo o museo. Había que baleirar  as instalacións. Non se podía facer outra cousa. Esa pregunta demostra a ausencia de diálogo crítico, dun diálogo que se centre naquilo que mostramos. Supoño que esta circunstancia vén pola falta de espazo nos medios para a crítica e para a cultura.

"Non tiña claro que a percepción do fenómeno Reixa fose tan... ambivalente"

Repasando as exposicións que levou a cabo nos últimos anos, o balance amosa un gran desequilibrio entre exposicións de autores de fóra e artistas galegos. Gañan os primeiros con moita diferenza. Era complicado equilibrar ou había un maior interese pola importación?

Eu creo que o importante non é tanto o número de exposicións de artistas galegos, senón encaixar as súas expresións nun contexto máis amplo, fomentar un diálogo artístico dos galegos con colegas doutras xeografías. Despois, tamén resultaba importante que ese diálogo se centrase en autores novos, que estudaron fóra, que viaxaron. Unha xeración nova, en contraposición cos anteriores artistas que tamén estiveron fóra doutra maneira, pero que en case todos os casos xa contaron con exposicións importantes no centro. Tamén houbo unha reflexión ao redor de artistas que faltaban por cubrir. Por exemplo, un dos personaxes que sempre considerei importante, xa como consumidor cultural e por proxección en Portugal, era o Antón Reixa, que curiosamente foi a exposición con máis polémica. Eu non estaba informado, ou non estaba o suficiente, do seu contexto actual, nin tiña claro que a percepción do fenómeno Reixa fose tan... ambivalente. En realidade, foi a exposición con máis reclamacións do público que recibimos, de persoas que se nota que teñen problemas con el. Pero en termos artísticos creo que é un referente galego e apetecíame traballar con el. Por outra banda, outra exposición importante é a de Fernando Casás. Era necesario levala a cabo, xa que estaba comprometida dende había dez anos e había que amosala de forma consistente. A parte diso, interesábame máis as perspectivas de conxunto. Xa o dixen, pero insisto en que resultaba moi importante colocar os artistas galegos en contextos de diálogo con compañeiros doutros territorios.

Miguel von Hafe, no CGAC © A.R.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.