O Festival Rosalía celebra "sen pombas nin flores" unha poeta "rebelde, moderna e con vontade de intervir socialmente"

Detalle do cartel da edición 2025 do Festival Rosalía © Concello de Santiago

Este ano o festival amplíase en duración ao se estender a tres días, cun amplo programa que inclúe recitais, animación de rúa, concertos e teatro

"Daquelas que cantan as pombas i as frores/ todos din que teñen alma de muller/ Pois eu que n'as canto, Virxe da Paloma,/ ¡ai!, ¿de qué a teréi?". Estes versos de Follas Novas dan forma ao lema -Sen pombas nin flores- da sétima edición do Festival Rosalía, organizado pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Santiago e que se celebrará entre os días 21 e 23 de febreiro.

Este ano o festival amplíase en duración ao se estender a tres días, cun amplo programa que inclúe recitais, animación de rúa, concertos e teatro. A xornada inaugural do venres 21 consistirá nunha visita guiada á Casa Rosalía co presidente da Fundación Rosalía, o poeta e profesor Anxo Angueira. A inscrición, gratuíta como o conxunto do programa, realizarase a través desta ligazón: https://i.gal/VisitaRosalia. O bus sairá ás 16.30 de Santiago e a visita guiada principiará ás 17.00 horas.

Presentación da edición 2025 do Festival Rosalía © Concello de Santiago

Goretti Sanmartín salientou que o Festival Rosalía “potencia a figura dunha Rosalía rebelde, moderna, contemporánea, dunha Rosalía con vontade de intervir socialmente e lonxe de imaxes estereotipadas”

A programación foi presentada pola alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; xunto á deputada provincial de Igualdade, Lingua e Dereitos Civís da Deputación da Coruña, Soledad Agra, e ó propio Anxo Angueira. Goretti Sanmartín salientou que o Festival Rosalía “potencia a figura dunha Rosalía rebelde, moderna, contemporánea, dunha Rosalía con vontade de intervir socialmente e lonxe de imaxes estereotipadas”. Sanmartín afondou no significado do Festival Rosalía, na medida en que é o tipo de iniciativas que axudan “a facer de Santiago unha cidade literaria”.

Na súa intervención, Soledad Agra destacou que o festival busca celebrar a figura de Rosalía en todas as súas diferentes facetas e tamén demostrar e poñer en valor a diversidade e a calidade da creación artística na nosa lingua. Por último, Anxo Angueira resaltou que o programa desta edición é unha mostra da nosa “cultura viva”. “Rosalía únenos, represéntanos e tamén nos move”, sentenciou Angueira. 

O sábado: pandereteiras, regueifas e poesía

Xa durante a fin de semana, a actividade concentrarase na compostelá praza de Mazarelos, aínda que tamén se realizarán actuacións no Teatro Principal e no Colexio Maior de Santo Agostiño

Xa durante a fin de semana, a actividade concentrarase na compostelá praza de Mazarelos, aínda que tamén se realizarán actuacións no Teatro Principal e no Colexio Maior de Santo Agostiño. O sábado abrirá en Mazarelos a feira, na que participan Libraría Pedreira, Árbore Azul, 13D Deseño Galego Impreso en 3D, Casperolota Atelier, Cuire Acuarelas, Acontravento, Egretta Biloba e Coas Mans Artesanía.

Ás 11.30 horas, Os QuinQuilláns darán comezo ao seu Pasarrúas rosaliano, unha ruta teatralizada que percorrerá diferentes lugares da cidade. Ás 12.00 horas celebrarase o obradoiro de Regueifa para familias e unha mostra de improvisación, a cargo de Regueifa Tour e coa participación de Manolo Maseda e Séchu Sende, do proxecto Regueifesta.

Edición 2024 do Festival Rosalía © Concello de Santiago

Ás 17 horas será a quenda de Somos pandereiteiras, proxecto promovido por Mercedes Peón e composto por tres grupos de pandereiteiras: Raigañas de Cerqueda (Malpica de Bergantiños), Xirifeiras (Fene) e a Asociación Cultural Rosalía de Castro (Padrón)

Mazarelos recibirá ás 17 horas Somos pandereiteiras, proxecto promovido por Mercedes Peón e composto por tres grupos de pandereiteiras: Raigañas de Cerqueda (Malpica de Bergantiños), Xirifeiras (Fene) e a Asociación Cultural Rosalía de Castro (Padrón), que reflexionarán sobre outras formas de vivir a música desde a sororidade e coa convicción de crear o novo relato da existencia como tocadoras

Ás 18.30 horas terá lugar un recital poético con Anxo Angueira, Nuria Vil e Andrea Nunes e xa ás 20.00 horas, o Teatro Principal pechará o sábado co concerto da formación Tres Pesos, integrada por Felisa Segade, Xoán Porto e Xosé Antón Ferreira. 

 

O domingo, despois da manifestación de Queremos Galego

O domingo 23, a feira –para non solaparse coa manifestación convocada ás 12 horas na Alameda por Queremos Galego– abrirá ás súas portas ás 13.30 horas e a sesión vermú será ás 14.00 horas da man de Clo Plas, proxecto performativo de Berio Molina e Xiana Arias que mestura a oralidade da montaña de Lugo coa música experimental. Xa pola tarde, ás 16 horas, celebrarase en Mazarelos o Quizz Rosaliano, un xogo para toda a familia arredor da figura de Rosalía de Castro. 

O domingo 23, a feira –para non solaparse coa manifestación convocada ás 12 horas na Alameda por Queremos Galego– abrirá ás súas portas ás 13.30 horas

Rafa Fernández, Lara Dopazo e Iván Torres actuarán ás 17 horas tamén en Mazarelos coa súa proposta Rosalía de Castro, como cor de ouro pálido. Neste proxecto a poesía rosalianao serve de nexo de unión para a música a videocreación ao vivo e a poesía. 

Pola tarde, o Colexio Maior de Santo Agostiño será o escenario escollido para o espectáculo A primavera vai chegar, un diálogo a tres voces con Faia Díaz, Paula Romero e Inés Salvado. A obra de teatro para o público familiar Rosalía, protagonizada por Rocío González e Cris Collazo baixo a dirección de Fina Calleja, poralle o ramo ao Festival Rosalía ás 18.30 horas no Teatro Principal.  

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.