Neste 23 de febreiro celébrase o Día de Rosalía, que conmemora o aniversario do nacemento da poeta, unha celebración que mudou de data (do 24 ao 23) hai dous anos, despois de que unha investigación precisase a data correcta da efeméride.
Neste 23 de febreiro celébrase o Día de Rosalía, que conmemora o aniversario do nacemento da poeta, unha celebración que mudou de data (do 24 ao 23) hai dous anos, despois de que unha investigación precisase a data correcta da efeméride
Rosalía de Castro naceu en Santiago o 23 de febreiro de 1837, hai hoxe 187 anos, e nesta xornada festéxase a súa obra e a súa figura, con actos organizados por institucións e entidades culturais, nomeadamente pola Fundación Rosalía de Castro e pola Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG). Ademais, este venres pola tarde comeza en Compostela o Festival Rosalía, organizado pola Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Santiago.
O primeiro convite de todas esas conmemoracións é ler textos da autora. Así o fai a Fundación que leva o seu nome que, ademais, impulsa un ano máis a iniciativa Caldo de Gloria, inspirada no poema “Miña casiña, meu lar” na que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia.
Este ano sumáronse máis de 400 locais de todo o país (hostaleiros, colexios, comedores de empresa, de residencias e centros de día) e repartíronse máis de 72.000 manteis da iniciativa, espallados por toda a xeografía galega. Este ano ademais participarán varios centros galegos no exterior, como os de Donostia, Castelló, Burgos, Alacante e Valencia.
A Fundación Rosalía impulsa a iniciativa Caldo de Gloria, protagonizada este ano por Suso do Dezaseis e Uxía
A iniciativa, que naceu en 2017, regresa este ano da man de Suso do Dezaseis e Uxía, que ofrecerán a súa versión do Caldo na propia Casa de Rosalía, xunto co bolo do pote realizado por tres mulleres de Mazaricos (Esther, Angelita e Laura). En anteriores edicións elaborárono cociñeiros como Óscar Vidal, Xoanqui Ameixeiras, Lucía Freitas, Pepe Solla, Chef Rivera ou Benigno Campos, ademais da escritora Ledicia Costas.
A continuación, no auditorio da Casa-Museo terá lugar o concerto da cantora Faia. Membro de De Vacas, no seu proxecto en solitario traballa arredor da música de tradición oral, coa voz como ferramenta esencial, a sonoridade do espazo e a escoita activa.
Ademais, a Fundación Rosalía e a Fundación Xistral puxeron en marcha, en colaboración coa Xunta, unha campaña de promoción do libro galego pola cal calquera que merque un libro en galego do 6 febreiro ao 3 de marzo recibirá como agasallo unha pequena escolma de textos rosalianos
Ademais, a Fundación Rosalía e a Fundación Xistral puxeron en marcha, en colaboración coa Xunta, unha campaña de promoción do libro galego pola cal calquera que merque un libro en galego do 6 febreiro ao 3 de marzo recibirá como agasallo unha pequena escolma de textos rosalianos.
Os actos organizados pola Fundación complétanse coa Alborada de Rosalía, en colaboración coa Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas. Todos os anos faise un chamamento a todos os gaiteiros e gaiteiras de Galicia (e non só: tamén a outros músicos: sexan pandereteiras, requinteiras, tamborileiras, etc.) para tocar a Alborada de Rosalía (unha peza musical escrita pola propia poeta) e "saudar así con alegría e esperanza o día do nacemento da nosa escritora".
Manifesto da AELG
Carlos Callón é o encargado da redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o sábado 24 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago
A AELG conmemora tamén o Día de Rosalía de Castro. Nesta edición de 2024 Carlos Callón é o encargado da redacción do Manifesto da AELG, que será lido no acto central do Día de Rosalía de Castro, o sábado 24 de febreiro no Panteón de Galegos Ilustres, en Santiago, no que intervirán tamén Henrique Alvarellos (Asociación Galega de Editoras), Patricia Porto Paderne (Federación de Librarías de Galicia), Luís Pérez (alcalde de Ribeira), María Lago Lestón (alcaldesa de Muros), Suso de Toro, Paula Carballeira ou Beatriz Maceda Abeleira.
O texto será tamén lido en todos os actos promovidos pola AELG, así como nos organizados por outras entidades que se sumen ás propostas de concellos, asociacións e centros de ensino. O lema escollido para este 2024 é: #oamordapatriagalega.
"Ese amor que ela aqueceu e proxectou é un alento que aínda hoxe mapea horizontes, abre porvires e renace día a día en cada persoa que levanta a cabeza para que Galiza exista, nun mundo mellor, diverso e igualitario. Un mundo, en fin, máis rosaliano", di o manifesto da AELG
"Hai século e medio, unha moza con pouco máis de vinte anos mudou a Historia. Iso de mudar a Historia non é cousa que aconteza todos os días. Ela era consciente de que os seus libros abrían camiños, que con eles levantaba unha bandeira da que non ía desertar. De feito, este recanto do mundo chamado Galiza non é o mesmo após Rosalía de Castro. Hai un antes e un despois", comeza o manifesto, que se pecha dicindo que "ese amor que ela aqueceu e proxectou é un alento que aínda hoxe mapea horizontes, abre porvires e renace día a día en cada persoa que levanta a cabeza para que Galiza exista, nun mundo mellor, diverso e igualitario. Un mundo, en fin, máis rosaliano".
A AELG organiza tamén actos este venres pola tarde na Coruña, Lugo e Vigo, que se suman a outros impulsados por concellos e por entidades culturais locais.
Ademais, dende o 2011 a AELG está a impulsar a presentación de mocións nos plenos dos Concellos para declararen o 23 de febreiro como Día de Rosalía de Castro. De momento, a iniciativa foi aprobada en medio cento de concellos e nas Deputacións provinciais da Coruña, Lugo e Pontevedra.
Festival Rosalía
A Praza de Mazarelos, en Compostela, acolle este venres e sábado a sexta edición do Festival Rosalía que baixo o lema 'Un grande atrevemento' inclúe unha quincena de actividades de poesía, artes escénicas, música e narración oral
A Praza de Mazarelos, en Compostela, acolle este venres e sábado a sexta edición do Festival Rosalía que baixo o lema 'Un grande atrevemento' inclúe unha quincena de actividades de poesía, artes escénicas, música e narración oral.
Este venres ás 19 horas, Isabel Risco e Fran Rei encarnarán a Rosalía de Castro e máis a Eduardo Pondal no seu espectáculo escénico Dúo vaguedades, unha montaxe que fusiona música, audiovisual, teatro e humor. Finalmente, ás 20.30 horas, o Festival Rosalía recibirá Indóciles, proxecto multidicisplinar que reúne a cantante e compositora Mónica de Nut, a narradora oral Vero Rilo e a resitadora Nuria Vilán Prado (coñecida artisticamente como Nuria Vil) para achegarlle ao público a obra de Luísa Villalta, autora homenaxeada nas Letras Galegas deste ano.
O sábado a programación abrirá ás 12 horas con Ópera Break’s, un espectáculo que mestura canto lírico, break-dance, Beatbox e Dj nunha única función que une en escena a soprano Esperanza Mara e os artistas urbanos do colectivo Vella Escola. Ás 20 horas, Chan da Pólvora Editora reunirá no recital O atrevemento da voz nos versos catro voces que fixeron da oralidade un instrumento de potencialidade poética: Rosalía Fernández Rial, Sol Mariño, Lúa Mosquetera e Nuria Vil.