A longametraxe levou boa parte dos premios principais, entre eles o de mellor película, mellor dirección e mellor guión (ambos para Huerta), ademais de dúas categorías de interpretación para Tamar Novas e Federico Pérez
Foi a noite de O corpo aberto. A historia de terror folk ambientada en 1900 nunha vila de montaña na fronteira con Portugal e filmado na Baixa Limia triunfou nos Premios Mestre Mateo entregados en Ourense, nunha gala na que a película dirixida por Ángeles Huerta recibiu 12 galardóns, dos 16 aos que aspiraba. Entre eles, o de mellor longametraxe, mellor dirección e mellor guion, ambos os dous para Huerta, que asinaba a súa primeira longa de ficción. "Ancorarse ao concreto é a maneira de facer universal calquera proposta artística", dicía a realizadora nesta entrevista publicada o pasado outono.
Ademais, o filme fíxose cos premios á interpretación protagonista de Tamar Novas e a de reparto de Federico Pérez; e, igualmente, cun gran número de recoñecementos técnicos: mellor dirección de arte para Antonio Pereira; dirección de fotografía para Gina Ferrer; dirección de produción para Tamara Soto; maquillaxe e perruquería para Raquel Fidalgo, Noé Montes e María Barreiro; mellor música orixinal para Mercedes Peón; mellor son para Diego Staub e Jordi Rossinyol e mellor vestiario para Teresa Sousa.
Rapa fíxose con catro galardóns e María Casares. A muller que viviu mil vidas foi votado como mellor documental
Rapa, a produción que que partía cun maior número de candidaturas finalistas (19), tivo que conformarse con catro premios, pero entre eles estivo o de mellor serie de televisión, o de mellor montaxe (Jorge Coira, Gaspar Broullón, Óscar Pardo e Lucía Iglesias) e tamén os de interpretación feminina: a de protagonista para Lucía Veiga e a de reparto para Berta Ojea.
Estas dúas producións repartíronse, polo tanto, os galardóns principais. María Casares. A muller que viviu mil vidas foi votado como mellor documental e Cinephilia, de Noveolas producciones e Telemiño, como mellor programa. Esther Estévez Casado foi galardoada por segundo ano consecutivo como mellor comunicadora.
Nesta edición volveron as categorías de animación aos Mestre Mateo e os premios recaeron en Sandwich Cat, de David Fidalgo Omil, como mellor curtametraxe, e Unicorn Wars, de Alberto Vázquez, como mellor longametraxe
O premio a mellor anuncio publicitario recaeu na peza As Estrellas do camiño - Miradas de Resistencia, de Kaito Estudios e Estrella Galicia. O videoclip da canción NOA, de Guadi Galego, producido por Toño Chouza, obtivo o Mestre Mateo ao mellor videoclip e, La entrega, de Pedro Díaz, o de mellor curtametraxe.
Nesta edición regresaron as categorías de animación aos Mestre Mateo, e os premios recaeron en Sandwich Cat, de David Fidalgo Omil, como mellor curtametraxe de animación e Unicorn Wars, de Alberto Vázquez, como mellor longametraxe de animación, repetindo o éxito acadado hai unhas semanas nos Goya.
O resto de premiados da noite foron Jairo Iglesias a mellor realización por Catro Gatos e Delicias amargas, de Kraken Media, e Historias vageniales, de Raquel Nogueira, a mellor serie web.
A actriz Bárbara Grandío foi a mestra de cerimonias do evento, acompañada sobre o escenario do Teatro Municipal de Ourense polas intérpretes Victoria Teijeiro e Belén Constenla
A actriz Bárbara Grandío foi a mestra de cerimonias do evento, acompañada sobre o escenario do Teatro Municipal de Ourense polas intérpretes Victoria Teijeiro e Belén Constenla. Adrián Castiñeiras, Alba Mancebo, Arturo Fernández, Isabel Naveira, Mayka Braña, María Mera, Monti Castiñeiras, Noelia Rey, Tito Asorey e Trisha Fernández foron os encargados de anunciar ás gañadoras, nunha gala que contou coa música da cantautora Silvia Penide e a Xove Orquestra Sinfónica Ourensanía, baixo a batuta de José Luis Tielas.
O produtor, compositor e músico Nani García recibiu o premio de honra Fernando Rey en recoñecemento á súa dilatada carreira como compositor
Na gala, o produtor, compositor e músico Nani García recibiu o premio de honra Fernando Rey en recoñecemento á súa dilatada carreira como compositor e ó seu compromiso coa divulgación musical vinculada ao sector audiovisual. Nacido na Coruña en 1955, suma máis de 100 publicacións entre obras de jazz, producións audiovisuais e producións para outros artistas. Dende series como Os outros reirantes (1988) ou Blanca Mádison (2000), foi responsable dunha trintena de bandas sonoras para producións audiovisuais e unha vintena de obras de teatro.
Ademais deste premio de honra, Nani García recibiu seis galardóns Mestre Mateo por filmes como De Profundis, O neno de barro ou Engurras.
Persoal da CRVTG levou ata o interior do Teatro Municipal de Ourense as críticas contra "os abusos" da dirección do ente
Na gala desta noite, traballadores e traballadoras da CRVTG levaron ata o interior do Teatro Municipal de Ourense as críticas contra "os abusos" da dirección do ente, sinalando que "non imos tolerar máis represión nin manipulación". Os seus berros de "CRTVG, pública e plural" mesmo se escoitaron durante a propia retransmisión realizada pola Televisión de Galicia.
Así mesmo, as críticas contra a xestión da radio e televisión públicas escoitáronse na propia gala, no momento da entrega do premio á mellor interpretación masculina de reparto para Federico Pérez que -a través de Gaspar Broullón- dedicou o galardón "á xente que loita contra a manipulación e defende a liberdade creativa, informativa e cultural".