'Rapa' e 'O corpo aberto' dominan as candidaturas finalistas dos Mestre Mateo

Imaxe promocional de 'Rapa' e fotografía da rodaxe de 'O corpo aberto' ©

A Academia Galega do Audiovisual deu a coñecer este martes as producións e profesionais finalistas en cada unha das categorías dos Premios Mestre Mateo, que chegan á súa vixésimo primeira edición. A serie Rapa (Jorge Coira e Elena Trapé) e a longametraxe O corpo aberto (Ángeles Huerta) suman o maior número de candidaturas, con 19 e 16, respectivamente. 

Os galardóns entregaranse o vindeiro 11 de marzo no Auditorio Municipal de Ourense na gran noite do audiovisual galego

Estas dúas obras acaparan as candidaturas das categorías de intrepretación e competirán por alzarse co trofeo a mellor dirección, dirección de arte, dirección de fotografía, dirección de produción, guión, maquillaxe e perruquería, montaxe, son e vestiario.

Os filmes Código Emperador (Jorge Coira), con 8 e Unicorn Wars (Alberto Vázquez), con 6, son as seguintes con máis opcións de premio. Os galardóns entregaranse o vindeiro 11 de marzo no Auditorio Municipal de Ourense na gran noite do audiovisual galego.

Os filmes Código Emperador (Jorge Coira), con 8 e Unicorn Wars (Alberto Vázquez), con 6, son as seguintes con máis opcións de premio

Os académicos Esther Estévez, Iolanda Muíños e Xosé A. Touriñán foron os encargados de dar a coñecer os nomes dos proxectos e profesionais finalistas nun acto que se celebrou no museo MEGA Estrella Galicia, na Coruña

Entre os profesionais finalistas da presente edición hai dous que contan con tres candidaturas: Alberto Vázquez, polo seu traballo en dirección, guión e dirección de arte de Unicorn Wars e Jorge Coira, pola montaxe de Rapa e a dirección de Código Emperador e Rapa.

Longametraxes

Despois de oito edicións sen presenza de longametraxes de animación, este ano hai dous filmes que competirán polo premio nesta categoría: Valentina e Unicorn Wars

O corpo aberto é finalista a Mellor longametraxe xunto con Código Emperador, Live is Life e O home e o can. Despois de oito edicións sen presenza de longametraxes de animación, este ano hai dous filmes que competirán polo premio nesta categoría: Valentina e Unicorn Wars. As finalistas a Mellor documental son A foreign song, María Casares. A muller que viviu mil vidas, No somos nada e Onde máis doe.

 

Series

As candidatas a ser recoñecidas como Mellor serie de TV son dúas producións emitidas por TVG, A lei de Santos e Saudade de ti; e outras dúas emitidas por plataformas de streaming: Operación Marea Negra, de Amazon Prime Video e Rapa, de Movistar +. Na categoría de Mellor serie web compiten Delicias amargas, Historias vageniales, Prigandas e Terapia de.

Interpretación

Rapa e O corpo aberto acaparan as candidaturas das categorías de intrepretación e competirán por alzarse co trofeo a mellor dirección, dirección de arte, dirección de fotografía, dirección de produción, guión, maquillaxe e perruquería, montaxe, son e vestiario

En Rapa, Berta Ojea, Iria Sobrado e Paula Morado son finalistas na categoría de Mellor interpretación feminina de reparto e Lucía Veiga e Mónica López na de Mellor interpretación feminina protagonista. Ricardo de Barreiro e Adrián Ríos son finalistas como intérpretes de reparto e Javier Cámara como protagonista.

No caso de O corpo aberto, Elena Seijo e Federico Pérez Rey competirán nas categorías de reparto e María Vázquez, Victoria Guerra e Tamar Novas como intérpretes protagonistas. Completan as candidaturas de interpretación os traballos de Denís Gómez (reparto) e Luis Tosar (protagonista) en Código Emperador e Manuel Manquiña (protagonista) en O home e o can.

Outras categorías

Na categoría de Mellor comunicador as académicas e académicos quixeron recoñecer o traballo de Esther Estévez, Simone Saibene, Xose A. Touriñán e Mario Brión Toucedo

Na categoría de Mellor comunicador as académicas e académicos quixeron recoñecer o traballo de Esther Estévez, Simone Saibene, Xose A. Touriñán e Mario Brión Toucedo. No caso dos tres primeiros, tamén foron recoñecidos os programas polos que compiten na categoría de Mellor programa: Dígocho Eu, Cinephilia e Catro Gatos, ademais de Clac. Na categoría de Mellor realización son finalistas Rubén Veiga (Malo Será!), Simón Casal de Miguel (Artificial Justice), Simone Saibene (Cinephilia) e Jairo Iglesias (Catro Gatos).

As candidatas a Mellor videoclip son A quincena do Apóstol de Boyanka Kostova, Cobiza de A banda da loba, Noa de Guadi Galego e Pano Corado de Tanxugueiras.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.