"Non ter medo a ese exército de mercenarios a soldo que se aferraron a un plus e teñen medo a que non os volvan contratar. Seguimos aquí despois de todos estes anos e debemos seguir loitando pola dignidade desta casa da que todos os galegos e galegas somos donos. Estamos ao seu servizo e non ao dos que mandan". Ana Pérez, xornalista da TVG con longa experiencia en informativos, ergueu unha das ovacións máis sentidas na concentración que persoal da CRTVG levou a cabo o pasado venres no Toural compostelán na folga que esa xornada e o sábado obrigou á suspensión de numerosos espazos e alterou como nunca a programación dos medios públicos.
Por primeira vez na historia, o espazo emblema da TVG, o Luar, tivo que cancelarse por mor dunha folga do persoal. E tamén por primeira vez, o Galicia en Goles -programa histórico deportivo da Radio Galega, camiño dos 40 anos- non saíu á antena, nunha xornada na que Obradoiro e Breogán disputaban o derbi galego na elite do baloncesto. As mobilizacións non cesan e os traballadores mobilizados xa miran á campaña das eleccións municipais, onde a conflitividade na CRTVG pode ser protagonista.
A dirección reduciu o seguimento da folga ao 25% malia a cancelación de numerosos programas e o Telexornal presumiu de audiencia nun dos días de paro
Agás os informativos, incluídos nos servizos mínimos, a programación dos medios públicos dos pasados venres e sábado baseouse na redifusión de espazos gravados ante o baleirado masivo das redaccións nun paro que quedou ben patente en redaccións como a de Deportes, sen ningún traballador durante os dous días de folga. Non impediu isto que o Telexornal do sábado presumise en directo das audiencias do día anterior, mesmo destacando o éxito en prime time dun programa dedicado a Juan Pardo, que foi a reposición elixida para substituír o Luar.
Desde a dirección reduciuse o seguimento do paro a pouco máis do 25%, polo que a suspensión masiva de programas teríase producido malia que tres de cada catro traballadores acudiu ao seu posto durante a folga. Desde o comité de folga acusan de "manipulación de datos" á CRTVG e elévana ao 68,75%, un seguimento do paro de máis de dous terzos do persoal.
"O persoal díxolle a esta dirección que xa abonda de abusos, de represión... Fixemos historia, perdeuse o medo"
"É case un insulto que a Corporación dese eses datos porque con tanta xente traballando como din, non se terían parado todos eses programas", destacan fontes do comité intercentros, que convocou xa novas asembleas e prepara novas mobilizacións tras unha valoración "moi positiva" da folga. "Dunha empresa que foi condenada por manipulación non agardabamos que non manipulase os datos da folga", explican.
"O persoal díxolle a esta dirección que xa abonda de abusos, de represión... Fixemos historia coa paralización de programas históricos e emblemáticos. Perdeuse o medo de vez porque a xente está moi cansa e o que está claro é que hai que sentar a empresa a negociar", engaden as mesmas fontes.
Porque a conflitividade en auxe na CRTVG volveu deixar varias estampas históricas: redaccións baleiras, programas emblemas cancelados e un persoal mobilizado que denuncia con contundencia non só "manipulación informativa", senón "represión" cara a aqueles que non seguen as directrices. "Somos moi bos profesionais pero non nos deixan ser", reivindicou o pasado venres na concentración Ana Expósito, unha das xornalistas ás que o comité apunta como relegada pola dirección.
Mobilizacións en campaña electoral
Como Mayte Cabezas, un dos últimos casos denunciados, e incluída nunha listaxe de "ducias de compañeiros castigados" que representantes do comité explicitaron: Alfonso Hermida, Tati Moyano, Ana Pérez, Alberto Ordóñez, Ana Romaní, Nuria López, Marga Pazos, Carlos Jiménez, Mónica Rosas, Luís Quintas ou Celia Díaz.
"Nesa concentración houbo caras novas, xente que igual non se significaba e que agora non só o fai senón que dá a súa opinión; iso é moi importante", insisten desde o comité, que advirte que "seguirán as mobilizacións", máis aínda coa chegada das eleccións municipais e da súa campaña electoral.
"Estaremos en todos os actos posibles, para que nos vexan, para que saiban que seguimos aquí. Se a cidadanía non o ten claro, agora xa o ten: imos estar diante dos políticos para dicirlles que xa abonda, que a situación da CRTVG é insostible e ten que mudar", rematan.