Entre intentos da Xunta e da propia CRTVG por facer de menos o conflito e restarlle -publicamente- importancia, as redaccións da TVG e da Radio Galega (RG) amenceron este venres case baleiras e cunha escaseza de persoal que provocou que non se emitisen varios programas da mañá e que toda a programación dos medios públicos se vise alterada.
A folga provocou que se suprimisen varios e importantes programas da radio e televisión e afectou mesmo a 'Luar, que tampouco foi emitido
Nunha nova xornada de folga "contra a manipulación e a represión" e o "clima laboral asfixiante" que o persoal denuncia na CRTVG, máis dun cento de traballadores da televisión e da radio secundaron o paro na quenda de mañá, segundo o comité de empresa. O programa estrela das madrugadas da RG, Pensando en ti, non foi emitido, e o magazine matutino da TVG, A Revista, tampouco. Antes, o informativo Bos Días quedou sen información meteorolóxica nin deportiva, contou cunha soa cámara e tivo que prescindir do habitual faladoiro, malia ser un dos espazos que os servizos mínimos declararon esenciais. Tampouco se puido ver o espazo Atmosféricos nin outros moitos pola tarde.
O impacto da protesta foi maior que o do pasado 6 de marzo. e afectou mesmo o espazo máis emblemático da televisión pública: o Luar non se puido emitir por mor da folga, un feito histórico. Á hora na que Gayoso debía saír ao plató, a TVG repoñía un especial sobre Juan Pardo. Tamén o foi que, por segunda vez, logo do ocorrido no Osasuna-Celta de hai dúas semanas, non se retransmitiu un partido dun equipo galego do fútbol profesional: o Cartagena-Lugo.
Desde a CRTVG aseguran que secundaron a folga algo máis do 25% dos traballadores, pero no comité advirten de que a dirección non ten en conta aquel persoal que non pode facer folga por baixa, permisos ou vacacións. De feito, a Corporación cifra o seguimento do paro en catro puntos menos que a convocatoria do pasado día 6.
Foi unha nova xornada de folga que continuará este sábado, uns paros que a CRTVG di que non lle "preocupan" nin lle van facer "mudar o rumbo" e unha conflitividade permanente e agravada nos últimos meses que para o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, só ten unha resposta posible: "O aumento da audiencia prodúcese sistematicamente". Son os datos dos que, este mesmo venres, presumiu o informativo matinal nunha información específica.
Esa é a postura pública, que non se corresponde tanto co aumento que na presión exerce a dirección en varios ámbitos, non só dentro da propia Corporación. Nin co nerviosismo amosado no intento por xustificar traslados repentinos de persoal nos que o comité ve "represalias" por expresar criticas cara á dereita ou "non querer manipular informacións a prol do PP" e que a empresa cualifica de "estratexia e planificación global".
O último conflito xurdiu logo de que a xornalista Mayte Cabezas fose trasladada á radio tras 30 anos como presentadora na TVG e aos poucos días de criticar a Núñez Feijóo en redes sociais por non preocuparse de vítimas do terrorismo coma ela, cuxo pai foi asasinado polos GRAPO.
"É o máis grave que ten sucedido na historia dos medios públicos nos seus 38 anos de historia", denuncia o persoal mobilizado no Toural
A polémica rachou cos marcos de tal xeito que a criticada decisión da CRTVG foi mesmo denunciada por unha asociación de vítimas do terrorismo das forzas de seguridade (ACFSE), que nun comunicado acusou os medios públicos galegos de "represalias"contra Cabezas, de "atacar a liberdade de expresión" e de "agraviar" non só a afectada, senón "a todo o colectivo de vítimas".
Cabezas foi unha das xornalistas que tomou a palabra na concentración contra os "abusos" que persoal da CRTVG desenvolveu na praza do Toural de Compostela este venres. Alí advertiron de que a actual situación é "o máis grave que ten sucedido na historia dos medios públicos nos seus 38 anos de historia" e insistiron en deixar claro que non é unha reivindicación que abranga aos xornalistas senón "a todo o pobo galego".
Todo nunha xornada de folga que chega despois de que o comité intercentros denunciase tamén nas últimas semanas outros traslados de traballadores que considera "represalias" pola súa negativa a "manipular en favor do PP". Nun dos casos tras denunciar que se impediu a un xornalista informar de que a inflación superaba en Galicia a media estatal.
Foron esas mudanzas repentinas de posto, ademais, uns dos motivos principais da convocatoria de folga do pasado 6 de marzo e sono dos paros deste venres e de mañá sábado. Tamén un dos motivos que esgrime a plataforma Defende A Galega, que no seu 253º venres negro clama "contra a manipulación e a represión".
"Represión e marxinación"
Polo momento, a folga está a ter un impacto claro na programación, maior que a de hai dúas semanas, pero volveu amosar tamén unha mudanza clara na repercusión e difusión do conflito. A "manipulación desatada" e a "represión e marxinación" do persoal crítico provoca, segundo o comité, "un clima laboral insostible e irrespirable" que fai que moitos denuncien publicamente supostas prácticas que antes non eran tan coñecidas.
Desde hai anos, as denuncias de "castigos" a profesionais críticos nos medios públicos son constantes. Algunhas caras coñecidas dimitiron dos seus postos de presentadores de informativos pola "manipulación" e o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) fixo firme o pasado verán a condena á CRTVG por sancionar un traballador en represalia pola súa participación nos venres negros, protesta tamén contra as inxerencias políticas e o cumprimento da lei de medios.
Algúns dos últimos afectados por estes "castigos" deron a cara, como Mayte Cabezas, que pide que non se "asalten" os medios públicos, ou outros xornalistas neste vídeo d'O Salto Galiza: "Mándanche facer unha noticia e pódela facer ao seu gusto ou non; se non a fas ao seu gusto, non che volven dar esa noticia". "A quen se lle pode asignar as noticias para que se meta unha declaración e non outra ou para que non digas o IPC de Galicia ou metelo ao final disimuladamente? Iso é o que está pasando aquí", denuncian.